ENTREVISTA

M. Overton: “Os produtores que cultivan as súas propias forraxes de alta calidade están a enfrontar mellor esta situación”

Nos últimos meses, Europa viuse afectada por fortes incrementos nos prezos de materias primas como o millo e a soia, e afronta, así mesmo, problemas de abastecemento cada vez maiores, razón pola cal a Unión Europea levantou o veto a importar estes produtos dos Estados Unidos e de distintos territorios de Latinoamérica. Sobre como cambiou isto a situación no mercado estadounidense falamos nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 31 co experto en datos lácteos de precisión Dr. Michael Overton.

Como impactaron as novas posibilidades de exportación nos Estados Unidos?

A industria láctea dos EE. UU. tamén se viu afectada polo aumento nos prezos dos pensos, pero a magnitude do impacto varía dependendo da rexión. A zona oeste parece ser a máis afectada debido aos problemas locais coa auga. Segundo o que contan produtores e nutrólogos, os custos de alimentación aumentaron entre un 20 e un 40 % e estase realizando un grande esforzo por identificar ingredientes alternativos para tratar de manter niveis similares de proteína e enerxía co fin de que a produtividade non se vexa afectada. 

Hai algunha facción do rabaño na que estean a notar máis estes aumentos de prezos?

Algúns dos maiores aumentos nos custos parecen estar en vacas novas (temos un maior custo do leite e un maior custo da proteína nos grans de iniciación e crecemento) e en vacas próximas ao pico de lactación, pero todos os segmentos se están a ver afectados.


“Cando os custos dos insumos aumentan de xeito significativo, a primeira reacción é tentar reducir gastos. Con todo, facelo sen ter en conta o impacto nos ingresos sería un grande erro”

A que tipo de gandeiro diría que está a afectar menos esta situación?

Os produtores que cultivan as súas propias forraxes de alta calidade están a enfrontar mellor esta situación que aqueles que os mercan. Atendendo aos prezos desenfreados dos fertilizantes, espero que no futuro os produtores presten máis atención á mostraxe do chan e á utilización do esterco para tratar de reducir a cantidade e o custo do fertilizante comprado. Con todo, parece inevitable que vaiamos ver custos de forraxes moito máis altos no futuro, a menos que algo cambie.

Desde unha perspectiva de xestión, cales son as áreas clave nas que hai que centrarse para manter e/ou mellorar a rendibilidade en tal situación?

Desde unha perspectiva de rendibilidade, débense ter en conta varios aspectos importantes. En lugar de mirar o custo total do alimento, debemos considerar coidadosamente o valor progresivo dun litro de leite fronte ao custo marxinal do alimento requirido para producilo. Aínda que é certo que os custos de alimentación subiron notablemente, a maioría das áreas tamén están a ver un aumento no valor do leite producido. Normalmente, necesítanse entre 0,4 e 0,45 kg de alimento marxinal para producir un litro marxinal de leite. Supoñendo que teñamos un custo de penso de 0,32 €/kg de materia seca no total da ración (ensilado, concentrado e herba seca),e que o leite contén un 4 % de graxa e un 3,3 % de proteína, producir 1 litro de leite incremental ou marxinal cun valor de 0,38 €/litro cústanos 0,14 €, o que dá como resultado unha ganancia neta de 0,24 €/litro de ingresos, menos o custo do alimento.

Obviamente, é importante examinar coidadosamente todos os ingredientes que se utilizan para identificar calquera oportunidade de reducir os custos sen que isto afecte negativamente á produtividade. Hai algún subproduto de enerxía moderada ou alta dispoñible e próximo que poida axudar a substituír parcialmente unha porción do gran que tan custoso é? Existen fontes de forraxe non tradicionais ou opcións entre os desperdicios de alimentos para humanos que poden ser útiles para os nosos animais? A nosa gandería está a quedarse con vacas de baixa produción que deberían ser descartadas ou substituídas? Sen dúbida, debemos ter en conta que cando as vacas alcanzan as últimas etapas da lactación os requisitos de alimentación para mantelas constitúen unha proporción moito maior do custo total de alimentación.


"Todos os gandeiros deberían estar obsesionados con tratar de que as súas vacas coman un pouco máis"

E que hai da perspectiva nutricional? En crises anteriores, algúns gandeiros decidiron diminuír a cantidade de alimento ou usar produtos máis baratos para manter a rendibilidade. Pode ser esta unha boa opción?

Desde o punto de vista da xestión, é importante evitar as respostas impulsivas que parecen lóxicas pero que, con todo, dan lugar a maiores perdas. Por exemplo, consideremos o que sucedería coa produción de leite se se substitúe a ración por un ingrediente alimenticio menos custoso e nutricionalmente inferior. Se este ingrediente e, polo tanto, a nova ración, é máis baixa en enerxía, proteína e/ou dixestibilidade, a produción diminuirá.

Vexamos o exemplo que recollo nas táboas. Neste caso que presento, optar polo alimento máis barato reduciría o custo como se esperaba, pero a consecuencia non desexada sería que a cantidade de leite producido, os ingresos totais do leite e os beneficios (os ingresos menos o custo do alimento) tamén se reducirían.

Este sería un escenario conservador. Imaxinemos agora que o novo ingrediente fose en realidade máis alto en fibra menos dixerible. En tal caso, deberiamos esperar unha redución no consumo de alimento, o que aumentaría a perda na produción de leite e resultaría nunha perda aínda maior. Este é claramente un caso no que a redución do custo non é a resposta, xa que se debe á substitución dun ingrediente por un alimento inferior e a redución resultante na produción de leite será maior que o aforro en alimento.



Recomenda supervisar algún KPI específico para nutrición ou eficiencia?

Cada gandería é diferente. Non estou seguro de que un só indicador clave derendemento [KPI] sexa igual de útil en todas as granxas. Supervisar o custo de alimentación non é a resposta. Mesmo aínda que as vacas manteñan o seu consumo de alimento e a eficiencia produtiva fronte ao aumento dos custos de alimentación, o gasto individual de alimento aumentará.

Se hai un rendemento de case 3:1 por euro de alimento DMI [inxestión de materia seca], a maioría das granxas deberían esforzarse por maximizar a inxestión de materia seca, asegurarse de que as vacas están sobrealimentadas, é dicir, tratar de alimentar con certos quilos adicionais de DMI e medir tanto o custo incrementado como o aumento na produción de leite. Polo xeral, a maioría das granxas verán polo menos un retorno de 2:1. Se é así, deberían repetir o aumento de DMI ata que o rendemento caia por baixo de 1,5. Nestes tempos, unha cama baleira é un desastre económico. Sei que isto pode parecer algo contrario á lóxica, pero todos os gandeiros deberían estar obsesionados con tratar de que as súas vacas coman un pouco máis.

Como están a manexar esta situación os nutrólogos estadounidenses?

Non sempre ben… Cando os custos dos insumos aumentan de xeito significativo, a primeira reacción é tentar reducir gastos. Con todo, facelo sen ter en conta o impacto nos ingresos sería un grande erro. Se cada euro adicional gastado xera dous euros, e supoñendo un custo de TMR constante ao longo do tempo, como se ilustrou anteriormente, aumentar os custos de alimentación por vaca pode ser moi rendible. Isto tamén se aplica a manter vacas de baixa produción. Menos vacas pouco produtivas diminuirán a competencia por comer e descansar. Se as instalacións están abarrotadas, descartar unhas cantas vacas pouco rendibles pode permitir unha maior produtividade das vacas existentes ou ben abrir a porta para que entre ao rabaño unha nova xovenca máis produtiva. Mellorar a comodidade dos animais tamén pode conducir a un aumento no consumo de alimento e, por conseguinte, un aumento na produción de leite.