PRESIDENTA DA PLATAFORMA ONE HEALTH

M. Martín: A estratexia One Health implica unha forma diferente de facer as cousas con respecto a como as fixemos ata o de agora”

Maite Martín, presidenta da Conferencia de Decanos e Decanas de Facultades de Veterinaria de España, é tamén, dende hai uns meses, a presidenta da Plataforma One Health, unha nova entidade sen ánimo de lucro que engloba xa máis dun cento de asociacións de todo o país e cuxo fin último é contribuír a visibilizar o concepto One Health (“unha saúde”) na sociedade. Nos obxectivos desta asociación se centra esta entrevista publicada en Vaca Pinta 30

A que fai referencia o One Health?

One Health é unha estratexia para resolver un problema sanitario complexo, que implica unha forma diferente de facer as cousas con respecto a como as fixemos ata o de agora. Se nos enfrontamos a problemas multifactoriais, de diversa magnitude e natureza e que teñen un impacto na saúde, non podemos abordalos dende unha única perspectiva, senón que se deben ter en conta moitos factores (sanitarios, económicos, sociais, culturais...) para poder atopar a solución máis eficiente.

Que os factores ambientais e a saúde animal están relacionados coa saúde humana non é algo novo. Por que este vínculo adquiriu agora máis relevancia?

Porque o mundo cambiou moitísimo, non é o mundo no que viviamos hai 70 anos. Actualmente as persoas desprazámonos moito e máis lonxe, hai unha mobilidade constante de individuos, mercadorías e animais, e iso facilita a rápida propagación de virus. Vímolo coa covid. Ademais, é obvio que os efectos antropoxénicos se incrementaron substancialmente. Deforestación, contaminación de augas... están a degradarse ecosistemas nos que hai fauna que ten que atopar outro lugar onde vivir, o que fai que os animais de abasto poidan estar máis en contacto coa fauna silvestre e que os humanos, á súa vez, esteamos cada vez máis en contacto cos animais (de abasto e domésticos).


“É moi sinxelo entender o que é o concepto One Health, pero levalo á práctica entraña unha extraordinaria complexidade”

Entón, é agora maior a interrelación entre a saúde do medio ambiente, dos animais e a humana?

Así é. Intensificouse a súa magnitude moitísimo con respecto a hai cincuenta anos. Agora é moito máis fácil que se produzan estes saltos de especie. De feito, en xullo do 2020 a Plataforma Intergobernamental Científico-normativa sobre Diversidade Biolóxica e Servizos dos Ecosistemas publicou un informe no que mencionaban que se estima que hai aproximadamente un millón e medio de virus aínda non coñecidos que están na fauna silvestre, dos cales entre 500.000 e 800.000 poderían potencialmente pasar os humanos. O coronavirus era un deles. Esta plataforma avisaba de que se espera que no futuro as pandemias sexan máis frecuentes e mesmo poidan ser máis mortais e ese é un problema que non se pode abordar só dende as prestacións sanitarias, como se facía o século pasado. O mundo no que vivimos non ten nada que ver co que era, pero insistimos en actuar do mesmo xeito. Hai que cambiar e iso é difícil porque a tradición pesa moito.

Confiamos demasiado en que se pode abordar calquera problema de saúde dende a medicina?

É posible e, de ser así, estamos equivocados. É certo que podemos ter as capacidades ou os medios, pero é necesario que estean ben coordinados. Durante a pandemia demostrouse que non existe unha boa coordinación (por exemplo, a nosa capacidade diagnóstica teórica era moi superior á que se utilizou no seu momento porque só se empregaron hospitais para facer tests), non había un plan de continxencia respecto diso e actuouse de forma retroactiva, non proactiva. Sempre fomos un paso por detrás do virus, nunca nos puidemos adiantar, nin sequera agora. Imaxina o que gañariamos de ser quen de pensar que tipo de virus criamos que podían provocar unha pandemia e dirixir os esforzos a buscar tratamentos, ou vacinas, contra eses potenciais virus.

Está infravalorado o labor dos profesionais veterinarios?

Eu teño unha visión moito máis sinxela do tema. Non é que non se valore, é unha cuestión de mentalidade. Temos que cambiar de actitude e entender que a saúde é un todo, que non podes diferenciar a saúde dos animais, da humana e da saúde dos ecosistemas. Ata o de agora tivemos unha visión moi fraccionada dos aspectos que teñen un impacto en saúde, o que fixo que a abordaxe da saúde humana se realice case exclusivamente dende unha perspectiva médica, baseada no tratamento tras a aparición da enfermidade. No mundo actual isto é insuficiente. Débense reforzar as medidas preventivas, o que implica a necesidade de colaboración entre as diversas disciplinas.


UN CONCEPTO MÁIS ABERTO E A LONGO PRAZO

A Organización Mundial da Saúde publicou a finais de 2021 unha nova definición do concepto One Health co obxectivo de ampliar a visión do termo. Agora, aínda que se continúa facendo referencia á necesidade de velar pola saúde dos animais, as persoas e o medio ambiente, inclúe tamén unha serie de referencias (a necesidade de aire puro, de auga potable, de loitar contra o cambio climático...) que buscan englobar máis factores nel.

“Como estratexia, pódese aplicar tanto a curto prazo (con cousas que poderiamos introducir de forma inmediata e que xa terían un retorno positivo), como a longo prazo porque, entre outras cousas, os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible que máis ou menos coñece todo o mundo só se poden alcanzar mediante unha estratexia One Health”, sinala Martín. Así pois, esta estratexia non é máis que “unha forma de facer que permitirá chegar a acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, entendendo que, como en calquera problema, existe unha solución utópica, á que se cadra non podemos chegar porque nos condicionan os recursos dispoñibles, polo que haberá que buscar a solución que se poida levar a cabo e que sexa o máis eficiente posible”.


Insiste en referirse á necesidade dun gran cambio. De parte de quen ten que vir a iniciativa?

Os que poden provocar ese cambio rompedor e transformador que necesitamos son os políticos. Se eles non entenden isto, lamentablemente quedará todo en que algunha xente faga algúns talleres e pouco máis. Necesítase, primeiro, ese cambio de mentalidade a nivel estatal. Pero isto realmente tería que ser un movemento global porque, por exemplo, na loita contra o cambio climático, non pode ser un só país o que teña conciencia e faga todo o posible. Co One Health pasa exactamente o mesmo, pero aquí xa entramos no terreo dos intereses xeopolíticos, que adoitan ter que ver coa economía e cos sectores que son fortes en cada país, e co feito de que os políticos, polo xeral, son persoas que non ven máis aló deses catro anos de mandato e que saben que, se de súpeto se propoñen facer políticas atrevidas ou que vaian en contra dos sectores que son fortes no seu país, non volverán ser elixidos.

Así pois, a clave do movemento tena a sociedade?

É unha cadea... Voucho levar a outro terreo: a violencia de xénero foi un problema ao que non se lle prestou atención durante moito tempo, pero, a medida que a sociedade foi tomando conciencia diso, impulsouse a creación de políticas encamiñadas a tentar erradicala. Foi a xente quen lle deu ese impulso. O hándicap co One Health é que é unha cuestión da que é difícil que a persoa de a pé sexa consciente porque, por exemplo, non é algo que saia constantemente nos medios de comunicación xerais. Así, é difícil que a poboación poida impulsar este cambio cultural.


“A cuestión é como facer esa transformación de forma que o gandeiro non se vexa prexudicado”

Como se podería promover esa toma de conciencia social?

Creando políticas de educación que inclúan o que é o concepto One Health para que a xente comece a ser consciente de que a nosa relación co medio ten que cambiar. E iso é difícil porque, estamos dispostos, por exemplo, a renunciar a irnos de vacacións á outra punta do mundo? Ou, digamos, a poder comer amorodos en calquera época do ano? Porque antes a froita de tempada era, na súa maioría, de proximidade, pero agora afixémonos a que aquí temos de todo. Estamos dispostos a renunciar a iso? É moi sinxelo entender o que é o concepto One Health, pero levalo á práctica entraña unha extraordinaria complexidade.

Por que xurdiu a plataforma One Health?

O concepto One Health xa era coñecido dende había tempo. Con todo, coa chegada da covid fíxose evidente que non podiamos continuar abordando a saúde como o estabamos a facer. Foi así como xurdiu a idea. Xuntámonos as conferencias de decanos de enfermería, farmacia, medicina e veterinaria e, en abril de 2021, lanzamos un posicionamento en favor da implementación do enfoque One Health. Nel especificabamos a urxencia de facer algo que permitise avanzar cara a esta visión global da saúde. A idea era dirimir cal era o interese máis aló de nós e vimos que había cantidade de sociedades científicas, asociacións empresariais, fundacións... que tamén vían esa necesidade, que están comprometidas con este enfoque. Foi así como decidimos agruparnos como plataforma, co obxectivo de poder sumar esforzos e aumentar a nosa masa crítica, de forma que o concepto se fose facendo máis visible.

Que dinámica de traballo están a seguir?

Constituímos o Comité Coordinador, que eu presido. Integrámolo 11 persoas e nel está representada, por exemplo, a profesión médica (mediante a vicepresidenta segunda do Consello Xeral de Colexios de Médicos), a farmacia (a través da presidenta da Conferencia de Decanos de Farmacia), tamén hai un membro do Instituto de Ciencias do Mar e portavoces do sector empresarial (a Asociación de Empresas en Sanidade Ambiental), entre outros. Nestes momentos estamos a perfilar a estrutura organizativa da plataforma e temos pensado crear un grupo de traballo para mellorar a difusión en xeral do concepto máis aló do ámbito científico. Tamén enviamos a través da nosa lista de distribución os documentos que se presentan a consulta pública, cando é necesario creamos reunións plenarias... A verdade é que a plataforma é tan nova aínda que non nos deu tempo a moito.


QUEN INTEGRA A PLATAFORMA ONE HEALTH?

Trátase dunha iniciativa altruísta posta en marcha polas conferencias de decanos de medicina, enfermería, veterinaria e farmacia de España coa colaboración das súas respectivas organización colexiais nacionais (o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Médicos, o Consello Xeral de Enfermería de España, a Organización Colexial Veterinaria Española e o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Farmacéuticos de España).

Presentáronse de maneira oficial o 3 de novembro e, en menos de medio ano, uníronse a ela decenas de fundacións, sociedades científicas, asociación profesionais, laboratorios farmacéuticos e entidades de difusión de todo o país. En total, xa suman a 127 membros.


Cales son os primeiros pasos que está a dar a asociación?

O primeiro, queremos participar nos documentos que se presentan a consulta pública e que dan lugar logo a reais decreto. Cada un dos membros da plataforma poderá facernos chegar os seus comentarios respecto diso, os cales incluiremos no documento de alegacións que presentaremos. Desta forma, o noso texto está moito máis enriquecido, porque non só contén a visión do médico, do veterinario ou do farmacéutico, senón que tamén inclúe opinións de expertos de ciencias do mar, da enfermería, das ciencias ambientais...

Trátase dunha plataforma totalmente altruísta. Que motiva a máis de 120 organizacións a unirse?

Se o estamos a facer é porque estamos comprometidos e porque cremos que é necesario ese cambio no enfoque, e a única vía que vemos nestes momentos para impulsalo é xuntándonos e facendo forza. Como dis, hai que ter en conta que todas as persoas que estamos aquí, traballando, o facemos a maiores das nosas obrigacións laborais, que non son poucas. Gustaríanos facer moito máis, por suposto, pero non dispoñemos de tempo suficiente.

Reciben algún tipo de apoio institucional?

Non pedimos respaldo de entidades públicas de momento porque aínda estamos a facer os trámites para dotarnos de personalidade xurídica. A nosa idea é poder presentarnos ás convocatorias de axudas e subvencións a entidades que están no Rexistro co obxectivo de poder organizar eventos, actividades de difusión… En definitiva, ter uns mínimos, porque por moitas ganas que lle poñamos a isto, chegados a un punto necesitamos un certo impulso.

En que aspectos buscan incidir máis no que se refire a difusión social?

É algo no que temos que traballar porque é extremadamente complexo. Cando falamos de comunicarlle unha idea á sociedade, referímonos a esta coma se fose un ente, pero a realidade é que está conformada por moitas persoas, que son moi diversas, con diferentes idades, condicións, intereses, que empregan diferentes canles de comunicación... Eu creo que un punto de partida sería introducir no currículo de educación primaria e secundaria o concepto One Health, pero iso non o podemos facer nós de motu proprio, temos que dirixirnos á ministra de Educación cunha proposta.


“Se o estamos a facer é porque estamos comprometidos e porque cremos que é necesario ese cambio no enfoque”

Estamos a tempo de reeducar os adultos?

Estámolo, pero o certo é que os cambios culturais só se fan a través da educación e dende as etapas máis temperás, porque o que estamos a formar é os profesionais do mañá que, máis que nós hoxe, serán os que traballen xa con ese concepto integrador da saúde.

Como cre que afectará o avance deste concepto o sector produtor?

Non podería dirimilo… O único que che podo dicir é que todos os sectores necesitan unha certa transformación. É obvio que o sector da produción se vai a ter que transformar. Non digo que sexa todo, nin que teña que ser unha revolución, pero vaise a ter que transformar, como o terá que facer calquera outro. O quid da cuestión é como, porque é obvio que esa transformación non pode ir á conta do propio produtor.

De que maneira se lle debería expoñer este asunto o gandeiro?

É importante poñer uns límites: non é o mesmo un pequeno produtor que un macroprodutor, nin todo é branco ou negro. Eu creo que todo o mundo ten claro que temos que ir cara a unha produción máis sustentable co medio ambiente e velar polo benestar animal. O sector está comprometido con iso. Farán falta certos cambios, pero é que isto é cousa de todos: ou estamos no mesmo barco, ou afundimos. Non é cuestión de se o sector se vai a transformar ou non, senón de como facer esa transformación de xeito que o gandeiro non se vexa prexudicado. Se este o que recibe é a instrución de que se ten que transformar e iso vai á súa costa, é obvio que vai estar en contra, non porque non queira, senón porque non ten os medios para facelo, porque non pode.