A Xunta incrementa preto dun 17 % as axudas para fomentar a contratación de seguros agrarios

A Xunta incrementa en case un 17 % a dotación de axudas para o fomento da contratación de seguros agrarios, pasando dos seis millóns de euros destinados na convocatoria de 2021 aos sete  millóns neste ano. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a correspondente orde da Consellería do Medio Rural, pola que se establecen as bases reguladoras destas axudas e convócanse para este ano.

A Xunta concederá estas axudas de forma directa aos agricultores e poderán ser beneficiarios os asegurados que sexan titulares de explotacións agrarias galegas, sempre que se subscriban pólizas de seguros de liñas agrícolas do Plan 2022 e das liñas gandeiras dos plans 2021 e 2022, formalizadas este ano. O prazo de presentación abarca desde o 1 de xaneiro ata o 15 de novembro, segundo a liña de seguro que se trate, así como do tipo de produción asegurable.

A formalización da correspondente póliza ou contrato de seguro pola persoa asegurada considerarase solicitude de axuda, sempre que se realice dentro dos períodos de subscrición estipulados pola normativa do plan anual vixente establecido polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Consultar DOG