INVESTIGACIÓN

A selección xenética e a alimentación poden reducir as emisións de metano do vacún leiteiro nun 20 %

A selección xenética pode reducir as emisións de metano do gando vacún leiteiro nun 20 % en dez anos, segundo a investigación desenvolvida por Neiker e a Universidade Politécnica de Madrid no marco do proxecto Metalgen no que tamén colaborou a Confederación Nacional de Frisona Española (Conafe). Ademais, a alimentación tamén pode xogar un papel moi importante. Segundo despréndese do proxecto, as dietas que inclúen na súa formulación de fariña de liño rica en omega 3 lograron unha redución superior ao 20 % nas emisións de metano de orixe dixestiva.

No proxecto Metalgen, financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade que ten de socios ao Instituto Nacional de Investigación e Técnica Agraria e Alimentaria (INIA), Neiker e Conafe, utilizouse información xenética -máis de 4.500 parámetros- de 1.500 vacas de explotacións comerciais. Así mesmo, realizáronse ensaios nutricionais nos que se avaliaron o efecto de diferentes aditivos nutricionais sobre as emisións de metano.

A mellora da eficiencia alimentaria e a mitigación de emisións de gases con efecto invernadoiro son unhas das novas e principais preocupacións no sector gandeiro na Unión Europea, polo que a investigación en xenética e nutrición é un factor crave para reducir a emisión de gases de efecto invernadoiro, principais causantes do cambio climático e abordar con garantías o obxectivo marcado pola UE para 2030.

Segundo o quinto informe de avaliación do Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC) a xeración de enerxía é responsable do 80,7 % das emisións de gases de efecto invernadoiro. As emisións de gases de efecto invernadoiro provenientes da agricultura, a súa vez, contribúen cun 10,1 %, os procesos industriais e o uso de produtos cun 8,72 % e a xestión de residuos cun 2,75 %.

Neste marco, o proxecto Metalgen xorde para resolver dous problemas relacionados entre si como son a eficiencia alimentaria e as emisións de metano debidas á fermentación entérica dos rumiantes, un proceso dixestivo que é exclusivo deste tipo de animais. Establecéronse os primeiros pasos para utilizar a selección xenética co obxectivo de modular o microbioma ruminal.

O metano producido como resultado da fermentación do alimento nun dos seus estómagos, o rumen, considérase o principal gas de efecto invernadoiro proveniente dos rumiantes. Ao seu impacto na pegada de carbono hai que sumar o impacto económico, xa que esta produción de metano supón unha perda da enerxía bruta inxerida de entre 5-7 % para os animais. A flora microbiana do rumiante ten unha gran influencia sobre a dixestión do alimento e por tanto a produción de metano, e as súas características están, á súa vez, determinadas pola alimentación e a xenética do animal.