A InLac financiará proxectos que cuantifiquen o leite de diferentes especies contidas en queixos de mestura

A Organización Interprofesional Láctea (Inlac) anunciou a convocatoria dun concurso dirixido a universidades, centros de investigación ou tecnolóxicos, laboratorios ou outros profesionais do ámbito científico ou técnico co obxectivo de deseñar unha técnica analítica que permita cuantificar o leite de diferentes especies que conteñen os queixos de mestura. Ata o momento, as técnicas dispoñibles só permiten coñecer a ausencia ou presenza de leite dalgunha das especies, sen chegar a cuantificar a porcentaxe de cada unha delas.

A importancia deste proxecto, segundo explican dende a interprofesional, tanto para a organización como para o conxunto do sector lácteo español, reside en que España se caracteriza pola súa gran diversidade na elaboración de queixos: 29 figuras de calidade de diferenciada (26 Denominacións de Orixe e 3 Indicacións Xeográficas Protexidas) e máis de 150 variedades conforman o noso mapa queixeiro. “O sector queixeiro español, elemento diferenciador pola súa variedade respecto doutros países, a pesares de estar asentado nunha forte tradición, non renuncia a contar coas técnicas máis vangardistas no que se refire ao control e análise das súas producións”, destacaron.

A convocatoria estará financiada integramente pola interprofesional grazas ás achegas de gandeiros, cooperativas e industrias lácteas. Os interesados teñen ata as 14.00 horas do venres 26 de xuño para presentar os proxectos e poden atopar o resto de información sobre a convocatoria neste folleto ou na páxina web da Inlac.