A gandería como parte da solución aos problemas do cambio climático

Varios expertos ofreceron unha mesa redonda no último Congreso Anembe sobre sostibilidade e achegaron algunhas claves para que as granxas poidan ser máis eficientes con respecto ao medio ambiente. David Yáñez, Frank Mitloehner, Frédéric Leroy e Miguel Escribano explicaron por que o sector non está entre os que xera máis contaminantes, aínda que coincidiron en que si se poden reducir as actuais emisións que provoca e contribuír a unha mellora do ecosistema. Ver máis en Vaca Pinta 46.

A actividade gandeira foi analizada no XXVI Congreso Anembe como remedio para atallar algúns dos efectos do cambio climático. Colocar o sector como solución foi unha das principais mensaxes que se trasladaron no panel de expertos sobre sostibilidade e medio ambiente que acolleu a última edición deste encontro.

Os catro especialistas participantes compartiron a necesidade de poñer en contexto os datos de impacto. “A gandería e a agricultura producen pouco máis dun 10 % das emisións contaminantes”, apuntou David Yáñez, veterinario especializado en nutrición de ruminantes que desempeña o seu traballo na Estación Experimental do Zaidín, un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Neste sentido, o profesor do Departamento de Ciencia Animal da Universidade de California en Davis Frank Mitloehner cre que “os agricultores poden ser parte dunha solución climática, xa que cando se reduce particularmente o metano podemos ter un impacto positivo no clima; unha diminución do metano conduce a un decrecemento do quecemento global”.

Pola súa banda, Frédéric Leroy, docente de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos na Universidade de Bruxelas, argumentou que “ás veces, temos unha visión moi estreita da sostibilidade, centramos todo no cambio climático, pero tamén deberiamos mencionar a biodiversidade, a saúde do chan, a retención de auga, os ciclos de nutrientes ou o benestar animal”.

Miguel Escribano, catedrático de Produción Animal na Facultade de Veterinaria de Cáceres na Universidade de Estremadura, recalcou que “a produción animal é necesaria e non é responsable dun impacto tan negativo como o que se lle presupón. Temos que dar unha resposta centrada, pensada e unánime cando se ataca ao sector desde a prensa ou se tratan cuestións con pouco rigor. Debemos transmitir que a gandería é parte da solución”.

O compromiso cos gandeiros é unha das ideas principais da Declaración de Dublín, citada polo experto belga Leroy, un dos seus fundadores: “Consiste nun acordo sobre o papel social do gando apoiado por uns 1.200 científicos”. Asegurou que o manifesto “esencialmente quere advertir contra as visións simplificadas e os ataques aos gandeiros. Son demasiado valiosos como para ignoralos e estámoslle a pedir á ciencia que achegue os mellores argumentos para mostrar os beneficios para a saúde, o medio ambiente e a sociedade en xeral”.


Frank Mitloehner: “Sen os ruminantes non poderiamos aproveitar dous terzos de todos os solos agrícolas”

A NECESIDADE DA GANDERÍA

Os catro expertos concordaron en que sería imposible un mundo sen gandería: “Comen alimentos que ninguén máis pode inxerir”, destacou Mitloehner, quen engadiu que “sen os ruminantes non poderiamos aproveitar dous terzos de todos os chans agrícolas. Son esenciais no ciclo completo dos nutrientes, porque tamén dixiren outros produtos que acabarían nos vertedoiros. Hai que subliñar que estamos a tirar o 40 % dos alimentos que producimos no planeta”.

Leroy describiu tres grandes áreas para destacar as vantaxes do gando: “Por unha banda, a nutricional; despois, os beneficios ambientais relacionados co concepto de circularidade, non hai forma de alimentar a todo o planeta só con plantas, sen que existan monocultivos cun efecto devastador para o medio ambiente. Ademais, está o aspecto social e cultural, os animais son parte da nosa historia como seres humanos. Podemos pensar nas covas de Altamira, por exemplo; ninguén pintou un cogombro nas paredes”.

Seguindo esta vertente, o veterinario do CSIC defendeu a historia: “As condicións climáticas permitiron unha produción de pasto e de forraxe que fixeron posible a presenza de animais que desenvolveron a súa simbiose coa microbiota ruminal. Se hai zonas da terra que non usamos para a produción animal, serán ocupadas por ruminantes silvestres. Desde o punto de vista ambiental hai moitas zonas onde os ruminantes son a maneira máis eficiente de diminuír a biomasa, que é a que incrementa tamén o risco de incendio. Se nos centramos no tema nutricional, somos seres omnívoros. Se unha persoa vegana ten que tomar un suplemento diario de vitamina e ter moito coidado co perfil de aminoácidos que inxire no seu corpo, é por algo. A sustentabilidade, a seguridade alimentaria e a nutrición non son posibles sen produción animal”.

Nun suposto escenario sen vacas, Miguel Escribano opinou que “ao final, os recursos podrecerían e habería igualmente emisión de metano. Ao longo dos séculos, de peor ou mellor forma, o agricultor e o gandeiro sempre coidaron o medio”.

“O problema non é a vaca, é o como”, apuntou Frank, mentres que Escribano valorou que unha das formas para mellorar o como é “conseguir que os animais produzan menos metano polo tipo de comida que inxiren”.

A SAÚDE E A ALIMENTACIÓN

Para poñer de relevancia o sector, Frank Mitloehner teno claro cando se trata de priorizar: “Para min hai dous sectores estratéxicos na sociedade. Un é o da saúde e outro o dos alimentos e a agricultura”.

Neste sentido, Leroy puxo o foco na saúde da poboación: “Temos un problema crecente de síndrome metabólica, diabetes ou cancros e, en parte, estas enfermidades están relacionadas coa alimentación. Xa non baseamos as nosas comidas en alimentos nutritivos e completos, senón que os estamos substituíndo por alimentos ultraprocesados; poden ter calorías e carbohidratos, pero non teñen o paquete denso de vitaminas, minerais e ácidos graxos esenciais”.

Defendeu os alimentos de orixe animal, carne, lácteos, ovos e peixe: “Non podemos substituílos por alternativas que nin sequera se achegan ao valor nutricional dos orixinais e lembrou que “os alimentos de orixe animal son moito máis que proteína. Están cheos de vitaminas e minerais, ademais de graxas esenciais. Tamén teñen todo tipo de compostos bioactivos, como creatina e carnitina, entre moitos outros”.

A maiores das cuestións sanitarias, David Yáñez sinalou que “hai que ser consciente de que a mellora ambiental vai ser unha necesidade que a sociedade nos está poñendo enriba da mesa; polo tanto, a parte do sector que se prepare antes vai estar mellor situada”.

Ante toda esta situación, os expertos insisten en contextualizar os   datos. “Para o 2030 o obxectivo é reducir todo o metano que se produce en España nun 30 %, pero este non só provén da gandería, tamén da xestión de residuos urbanos e da industria do gas”, asegurou David Yáñez.

Miguel Escribano matizou que, a pesar dos datos, “a gandería está posta no foco. A nosa función consiste en reverter esta situación. Este sector sempre emitiu gases contaminantes, pero non é o problema e, é máis, o pastoreo pode ser unha das solucións ao cambio climático”.

Para reforzar a posición dos seus colegas de mesa, Mitloehner aludiu á historia do seu país: “Nos Estados Unidos hai 100 anos tiñamos 25 millóns de vacas; agora temos 9 millóns e producimos un 60 % máis de leite. Isto significa que a pegada de carbono dun vaso de leite se reduciu en dous terzos”.


Frédéric Leroy: “A sostibilidade, a seguridade alimentaria e a nutrición non son posibles sen produción animal”

REDUCIÓN DO METANO

Ben é sabido que un dos gases de efecto invernadoiro que provoca a actividade gandeira é o metano. Entre as orixes, David Yáñez mencionou “a fermentación entérica, a xestión de estercos ou a produción de cultivos”.

Os catro especialistas concordaron en que o sector debe reducir as súas emisións. Frédéric Leroy incidiu en que se “necesitan enfoques integrados e traballar con solucións locais. Nunca debería existir un único enfoque cunha soa saída para problemas globais”. Asegurou Yáñez que “inconscientemente se están tomando medidas para reducir as emisións, porque algunhas se poñen en marcha para mellorar a eficiencia en produtividade e indirectamente minoran as emisións”.

Con todo, Mitloehner cre que “aínda que xa hai agricultores que reducen as emisións das vacas, estamos neste proceso de aprender o que funciona por parte dos científicos, veterinarios e agricultores e gandeiros. Xa hai algúns aditivos para pensos que sabemos que reducen o metano que normalmente se eructa. Tamén existen algunhas técnicas de manexo do esterco onde se capturan os gases que proveñen desta materia orgánica e se converten en combustible para vehículos ou en enerxía para iluminar unha casa”. 

David Yáñez subliñou a importancia de “promover a eficiencia do rabaño, non só por mellora xenética, senón tamén pola redución de períodos improdutivos ou o incremento da lonxevidade, todo iso vai diluír as emisións porque imos producir máis leite utilizando menos recursos”. Sumou a esta causa “medidas orientadas á alimentación; tanto a produción como o uso de alimentos contribúen con ata un 70-80 % das emisións totais en ruminantes. Débese traballar na calidade da forraxe para a súa mellor dixestibilidade” e explicou que “hai produtos rexistrados e autorizados para comercializar e que permiten reducir o metano entérico entre o 5 e o 30 %. O metano entérico contribúe nunha gandería tipo, de Galicia ou Asturias, a case a metade das emisións totais deste sistema de produción”.


David Yáñez: “É moi importante comunicar o que xa fixo o sector”

Pola súa banda, Frank Mitloehner expuxo un método para modelar as emisións de cada granxa: “Medilas é custoso, pero modelaranse a través dunha conta matemática, poderase predicir cantas emisións producen estes animais en base a saber que e canto comen”.

En referencia ás distintas medidas tomadas noutros lugares, o especialista estadounidense compartiu a experiencia de California: “É o lugar no mundo coa lei de gases de efecto invernadoiro máis estrita. Obrigan para 2030 a unha redución do metano en torno ao 40 %. É un reto difícil, pero os nosos agricultores estano alcanzalo porque o Goberno decidiu non usar o enfoque de regras e impostos, senón o de incentivar financeiramente as diminucións de emisións. Se o agricultor reduce, dámoslle diñeiro; é unha visión baseada en incentivos”.

O veterinario Miguel Escribano remarcou que todas as producións son necesarias: “A intensiva cumpre as súas funcións, levarlle á poboación alimentos necesarios producidos de forma barata. Doutra banda, temos a gandería extensiva, que é outro modelo e que necesita valorizar as súas producións e sacar ese plus de prezo”.

MÁIS DESAFÍOS: VIABILIDADE E COMUNICACIÓN

Ademais de xestionar unha granxa sen danar o medio ambiente, Mitloehner considera que existen outros dous principais retos no sector: “A viabilidade financeira e a man de obra, xa que atraer e reter unha forza laboral cualificada estase a volver moi importante en todo o mundo”.

Neste tema, Escribano recalcou que “se queremos preservar a gandería, o sector ten que ser remunerado de forma xusta. Hai que poñer en valor determinados produtos, sobre todo, os extensivos. A seguridade dos produtos de orixe animal e os seus impactos sobre o medio ambiente ou a saúde non poden ser cuestionados como na actualidade”.

“É moi importante comunicar o que xa fixo o sector. Mellorou moitísimo na eficiencia de utilización, por exemplo, de recursos alimenticios. Temos animais que producen máis e que poden vivir máis tempo en idade produtiva”, expuxo David Yáñez e engadiu que “toda actividade humana xera un impacto, non podemos negar o que provoca a gandería en calquera formato e debemos traballar para seguilo reducindo”. 

Escribano tamén remarcou a importancia da comunicación: “Aos gandeiros fáltalles a transferencia dunha historia contando a verdade. Relatar os impactos ambientais do vacún e incidir en que detrás hai familias e unha cultura”.

Segundo Leroy, no resto de Europa “estamos nun momento en que as comunidades urbanas están desconectadas das zonas rurais. Xa non estamos en contacto coa nosa comida, o cal é unha base perigosa. A xente non sabe de onde veñen os alimentos, como se producen e que hai detrás deles”, ao que Yáñez respondeu que hai que acabar con ese descoñecemento: “A gandería industrial utilízase coma un termo pexorativo. A min gústame máis referirme á gandería máis tecnificada, pero a ninguén lle importa comprar un champú ou unha roupa dunha industria. En cambio, se é un litro de leite, xa é malo. O sector ten que sacar peito da súa maior profesionalización e eficiencia”.

Para finalizar, Frank Mitloehner enviou a seguinte mensaxe que resume o panel de expertos: “Só se es sostible sobrevives e prosperas baixo condicións nas que deixas a túa granxa á próxima xeración en mellores condicións das que a atopaches. Ser sostible significa que segues facendo o que fas sen esgotar os recursos que tes baixo o teu control”.