A Aprolep maniféstase en Porto por un prezo xusto para o leite

A Associação dos Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) acaba de comunicar que en 2020 Portugal perdeu 200 produtores de leite, duascentas familias que abandonaron esta actividade, e que quedan só 4.000 gandeiros no sector. “Os que resisten ou sobreviven están cansados e moi preocupados polo futuro, pois en decembro o prezo medio ao produtor foi de 30,4 céntimos/kg, un dos máis baixos de Europa. Sen ningún indicativo de que poida haber unha subida dese prezo, o leite xa está sendo pagado por debaixo dos custos de produción, tanto é así que en decembro o prezo da ración comezou a subir e xa hai gandeiros que están pagando uns 38 céntimos/kg de ración”, apuntan.

Co obxectivo de alertar o Goberno e os diferentes partidos da necesidade de aplicar a nova PAC sobre o terreo, permitindo a supervivencia inmediata dos gandeiros, e de pedirlle unha vez máis á industria e á distribución un diálogo para colocar o prezo do leite en niveis sostibles para o produtor, a Associação dos Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) vai colocar esta mañá no chan da Avenida dos Aliados, no Porto, cidade que está no centro da zona máis leiteira do país, as botas usadas dos produtores de leite para representar os 200 gandeiros que abandonaron o sector no último ano e esixir políticas que eviten o abandono de moitos máis e a morte lenta da produción de leite en Portugal.

A Aprolep sinala que “o prezo baixo do leite ten sido mitigado, ao longo dos anos, coas axudas da PAC, mais ao final de 2020, fomos alertados por simulacións da evolución das axudas ao rendemento para os próximos anos realizadas por entidades independentes,  como a Universidade Católica do Porto ou o profesor Francisco Avilez, que apuntan cara a unha enorme redución das axudas anuais á produción de leite”.

A maiores, destacan que “o Ministerio da Agricultura ten feito referencias a mitigar esa redución cun axuste dos pagamentos ligados e a introdución de ecoesquemas, co obxectivo de pagar a contribución da agricultura e da produción de leite na loita contra o cambio climático e na preservación do ambiente e da biodiversidade, pero en verdade as simulacións máis optimistas do propio Ministerio indican perdas brutais nas axudas ao rendemento dos produtores de leite”.

Por último, resaltan que “para os agricultores e produtores de leite, máis importante que as axudas sería recibir un prezo xusto”.