ENTREVISTA | J.L. CALVO ROSÓN, PRESIDENTE DA EILZA

"Entendiamos que os traballadores en activo deberían ter as súas propias canles de formación e este é o espazo que queremos ocupar"

En Vaca Pinta 19 falamos co presidente da Fundación Escola Internacional de Industrias Lácteas (Eilza), José Luis Calvo, sobre os obxectivos, a xestión, a metodoloxía e a oferta formativa deste centro, que ten a súa sede no IES Alfonso IX de Zamora, lugar elixido para a entrevista. Na charla tamén participaron a vicepresidenta da Fundación, Luisa Marcos, e a coordinadora académica, Mónica Cubas.

En 2017 deixa a dirección de Leche Gaza e enseguida se embarca neste proxecto. Que o anima a facelo?

O proxecto da Escola de Industrias Lácteas non é unha iniciativa miña, senón unha iniciativa colectiva do sector no marco de Zamora10, que é unha asociación para o desenvolvemento da provincia de Zamora. O proxecto púxose en marcha a principios de 2018, despois materializouse xuridicamente nunha fundación á que pertencen case todos os industriais do sector de Castela e León e elixíronme a min como presidente.

Cal é o obxectivo da Escola?

A idea inicial era sinxela: encher o gran baleiro de formación que se crea no sector coa desaparición, hai xa moitos anos, da Escola Nacional de Industrias Lácteas de Madrid. As empresas mandabamos alí os traballadores a formarse e durante ese ano pagabamos os seus soldos e as súas dietas, pero cando este tipo de institucións se integraron na Formación Profesional pasaron a ser estudos normalizados de dous ou de cinco anos e xa non había maneira de facer nada disto. Aquí ao meu carón teño a Luisa Marcos, que se formou nos Estados Unidos, e traio isto ao caso porque en Francia hai unha escola moi famosa que forma os profesionais do sector lácteo e hai outra de fala inglesa en Wisconsin, pero non temos ningunha de fala castelá. O noso obxectivo é que a Escola teña o ámbito que ten o castelán e logo estamos a pensar tamén no portugués. Empezamos cun núcleo moi pequeniño aquí, pero a idea é que este núcleo vaia madurando e se vaia estendendo a outros países de fala hispana e portuguesa.


CONSTITUCIÓN DA FUNDACIÓN EILZA

A Eilza xorde no marco de Zamora10, impulsada por empresarios e profesionais do sector formados na antiga Escola Nacional de Industrias Lácteas de Madrid.

O 15 de maio de 2019 asínase a escritura pública de constitución da fundación que a xestiona con 35 socios fundadores, entre os que se atopan algunhas multinacionais, como Lactalis ou Reny Picot; empresas familiares, como García Baquero ou Queserías de Zamora; empresas tecnolóxicas, como Tetra Pak; asociacións e federacións, como Ovigén ou a Fenil, e socios institucionais, como a CEOECEPYME Zamora, a Cámara de Comercio de Zamora ou a Caixa Rural.


En que difire a metodoloxía da Eilza da formación regulada e a que público se dirixe?

A formación regulada está moi ben, nós apoiámola, e o mozo que queira formarse dunha maneira extensa e profunda ten que acudir a ela. Logo hai formación para parados, que a ten o SEPE, pero no medio non hai nada, non hai unha formación específica para o sector. Nós entendiamos que os traballadores en activo deberían ter as súas propias canles de formación e este é o espazo que queremos ocupar, aínda que tampouco estamos pechados a outras posibilidades.

No seu momento pensamos que non debiamos facer ningunha estrutura física distinta, porque nestes momentos en Castela e León hai recursos públicos infrautilizados debido á diminución de alumnos. Soamente debiamos montar unha estrutura organizativa distinta, que nos dese liberdade para facer os cursos adaptados ás necesidades do sector, xa que é a realidade a que nos ten que pór a nós no noso sitio e non ao revés, é dicir, se un curso é para gandeiros, necesitamos dalo entre as dúas horas do muxido e o máis concentrado posible; en cambio, se é para parados, podemos estendernos máis tempo. Temos que adaptar tanto o modelo como o método pedagóxico ás necesidades do sector, cousa que o ensino regulado non fai.

De que instalacións dispón a Escola?

Luisa Marcos: Dispoñemos de parte deste edificio no que nos atopamos, que consta de catro aulas. Tamén contamos cunha planta piloto onde se realizan as prácticas de queixo e doutros produtos que imos facer este ano e dispoñemos, ademais, deste laboratorio moi ben equipado, onde se fan prácticas dos cursos de Principios Básicos Lácteos e Recepción de Leite, Técnico de Calidade en Industrias Lácteas e Técnico de Laboratorio de Produtos Lácteos.

Por que a existencia da Eilza en Zamora e non noutro lugar?

Primeiro, porque é unha iniciativa de Zamora10. A única condición que poñen os estatutos da Fundación é que a sede debe estar sempre en Zamora, porque o que se quería era que isto fose un instrumento de desenvolvemento para a provincia. Logo, Zamora ten un peso no sector lácteo moi importante; como sabedes, Castela e León é a segunda rexión produtora de leite de vaca despois de Galicia e é a primeira produtora de leite de ovella. Temos unha concentración industrial moi importante, están practicamente todas as multinacionais e temos unha participación da empresa familiar tamén moi destacada.

Galicia ten a Aula de Produtos Lácteos, que non é competencia nosa, porque é un centro de investigación e desenvolvemento e de innovación, e nós somos un centro de formación, pero si nos podemos complementar; de feito, xa falamos con eles e seguramente nalgún momento parte das prácticas se farán alí.


“A nivel internacional temos dous sitios importantes de referencia: a Escola Nacional de Industria Láctea de Poligny, en Francia, e a Universidade de Wisconsin, nos EE. UU.”

En que espellos internacionais se reflicte esta Escola?

Luisa Marcos: A nivel internacional temos dous sitios importantes de referencia, a Escola Nacional de Industria Láctea de Poligny, en Francia, que é a número un a nivel mundial, e a Universidade de Wisconsin, en EE. UU., que tamén oferta formación específica de lácteos. Foi alí onde eu me especialicei despois de rematar Farmacia e foi unha experiencia estupenda, porque teñen un sistema moi dinámico, moi flexible á hora de impartir a formación, xa que está constituída por cursos curtos. Moitas empresas mandan alí os seus traballadores para que se formen e van facendo diferentes cursos, por exemplo, de produción láctea, de mestre queixeiro, de elaboración de xeados, de técnico de calidade…, en función das súas posibilidades, xa que están nun horario de traballo e, se cadra, só poden dedicarse a esta formación un mes ao ano e vana complementando ao longo de varios anos ata ter a especialidade completa dun especialista lácteo, por exemplo.

A nós gustábanos este modelo de ofertar moitos tipos de cursos, abarcando tanto o sector gandeiro coma o industrial, e tamén somos moi flexibles á hora de que as empresas nos digan que formación específica necesitan para os seus empregados, a fin de que todo o sector se profesionalice e poidamos seguir avanzando.

José Luis Calvo: De feito, imos empezar en breve un curso para unha empresa portuguesa de produtos de limpeza e aos seus comerciais váiselles dar formación sobre as condicións específicas do sector lácteo e hixiene.

Cantos socios integran actualmente a Fundación?

Nestes momentos debemos andar sobre os 50 aproximadamente, pero o horizonte aínda está moi lonxe. O noso obxectivo é que pertenza á Fundación a totalidade dos industriais españois, pero, ademais, queremos que entren outras organizacións. Tetra Pak, por exemplo, é socio fundador, e gustaríanos que todas as empresas tecnolóxicas provedoras do sector tamén participen, porque o que valoramos deste tipo de empresas, máis que a cota, son as súas achegas pedagóxicas. A Escola ten un cadro de persoal fixo moi pequeno, que son os profesores que dan as partes básicas comúns, pero as máis específicas queremos que sexan impartidas por profesionais do sector, xente que ten experiencia e que a achega aquí.

Alumnos do curso de Queixería para Desempregados facendo prácticas na planta piloto da Escola

 

O seu desexo era que a Fundación dependese o menos posible das axudas públicas. Conseguírono?

Creo firmemente que non hai independencia persoal sen independencia económica, sexa a nivel de persoas ou a nivel de países. Entón, se un quere de verdade adaptarse á realidade do sector, é este o que debe financiar a Escola, sen por isto desprezar en absoluto as axudas públicas. Nestes momentos nutrímonos dos fondos das cotas dos socios, se ben aínda non chegan a cubrir o obxectivo orzamentario que temos. Ademais, contamos cunha subvención da Deputación de Zamora e do Concello de Zamora que debe dedicarse a promoción e, a maiores, este ano temos unha subvención extraordinaria da Xunta de Castela e León, importante para renovar parte do material e das instalacións. E temos unha achega importante da InLac, pero de momento esa negociación non tivo un resultado positivo, aínda que eu non perdín a esperanza de que a Interprofesional faga súa esta Escola.

A InLac está moi centrada na promoción do consumo de lácteos, pero este obxectivo non tería por que ser incompatible co de formación, ou si?

Desde logo que non. O sector industrial ten 30.000 traballadores, o sector gandeiro ten outros tantos ou algo máis, é dicir, estamos a falar dun colectivo que ten case 70.000 traballadores que necesitan unhas canles de formación. O sector gandeiro estase tecnificando a marchas forzadas e detrás da tecnificación sempre vén a formación. Se non teño un traballador ben formado, como vai saber manexar unha ferramenta sofisticada? E no sector industrial, o mesmo. Se nós queremos facer outros produtos á parte dos commodities, necesitamos xerar valor e, para xeralo, necesitamos coñecemento primeiro e ferramentas sofisticadas despois. Isto é así: innovación, innovación e innovación.


“Se un quere de verdade adaptarse á realidade do sector, é este o que debe financiar a escola, sen por isto desprezar en absoluto as axudas públicas”

Innovación, xustamente unha das características definitorias da actividade da Eilza...

Así é. Pensamos que esta Escola é estratéxica para o sector. Parece que agora só o comprendemos algúns, pero esperamos que algún día isto se asuma por parte de todo o mundo e se dean os fondos necesarios, que, por outra banda, o noso orzamento non é moi alto. Estamos comprobando que, coa utilización dos recursos públicos que se poñen á nosa disposición e sendo austeros, unha escola como esta funciona con 300.000 euros ao ano.

Que orzamento teñen agora?

Agora estamos manexando 200.000 euros, pero o noso obxectivo serían os 300.000. Loxicamente, se tivésemos máis, montariamos unha estrutura máis grande, pero, para empezar, para que a semente vaia xermolando, tampouco necesitamos máis.

Que oferta formativa ofrece a Eilza para o vindeiro curso?

Mónica Cubas: O noso curso académico comeza o 5 de outubro. Xa están todos os cursos ofertados na nosa páxina web e os prazos de solicitude abertos. Empezamos con Mestre Queixeiro, que este ano, como novidade, ofertamos completo e por módulos, xa que hai algunhas empresas que non se poden permitir mandar os seus traballadores todo o curso. Tamén temos, como novidade, Técnico de Laboratorio de Produtos Lácteos, que tamén comeza en outubro, e despois vanse solapando. Temos os cursos de Muxido e Calidade de Leite en Granxa, Técnico de Calidade en Industrias Lácteas e Tomador de Mostras de Leite, e con eles cubrimos o ano ata febreiro ou marzo. Pendente de confirmar e desenvolver está o de Xestión Técnica e Económica da Granxa e, ademais, faremos algo innovador, como pode ser un curso de elaboración de iogures e xeados, e varios seminarios para completar o ano.

José Luis Calvo: A nosa idea é ir diversificando e complementando a formación ano tras ano. Por exemplo, o curso de Mestre Queixeiro xa está consolidado, pero queremos facer un de produtos fermentados e, máis adiante, outro de produtos esterilizados, é dicir, que iremos abrindo o abano. Non quixemos pór a oferta enteira desde o principio, porque tamén a Escola e os profesores se teñen que rodar e temos que ir conseguindo os especialistas que vaian dar as materias. Este ano temos como obxectivo pór en marcha un curso que se nos demandou moito desde a interprofesional, que é o de Xestión Técnico Económica da Granxa, dirixido fundamentalmente a mozos novos que vaian facerse cargo das explotacións dos seus pais, un inicio á formación empresarial e á xestión racional e técnico económica da granxa, pois, como eu sempre digo, un dos retos importantes que ten o sector é o da empresarialización.

De esquerda a dereita, Mónica Cubas, Luisa Marcos e José Luis Calvo

 

Neste camiño que leva percorrido a Escola, como foi a acollida por parte do sector?

Mónica Cubas: A verdade é que moi boa. O problema foi a pandemia, que nos freou e aínda non estabamos preparados para unha formación on-line, á parte de que a nosa formación require presencialidade.

José Luis Calvo: A formación on-line non era a nosa prioridade, entre outras cousas porque dos cursos presenciais tiñamos moita máis demanda que oferta, é dicir, que convocamos 20 prazas e se cadra tiñamos 70 solicitudes, entón…

Mónica Cubas: Para o vindeiro curso xa estamos recibindo solicitudes e nótase que xa se nos coñece a nivel nacional. O ano pasado case todos os alumnos de Mestre Queixeiro eran da zona, quizais algún de León, e agora xa nos están chegando solicitudes de xente que está disposta a instalarse en Zamora para facer este curso.


“O noso obxectivo final é dar un título de especialista en produtos lácteos de categoría universitaria”

Falamos da vocación internacional do proxecto. Neste sentido, teñen formalizado algún acordo de colaboración con entidades doutros países?

O intercambio con outros países considerámolo un favor mutuo que nos facemos, xa que, se nós formamos xente que vai a Latinoamérica, traeranos, á súa vez, contactos neses países. Neste sentido, xa tivemos un alumno arxentino e agora imos dar un curso para portugueses. Con todo, o primeiro segue a ser consolidar a Escola en España e despois dar o salto á internacionalización.

Aquí en España chegaran a un acordo coa Universidade de Salamanca para a impartición do Máster en Xestión e Dirección de Industrias Lácteas, pero aprazouse por falta de alumnos. Cal foi a causa?

Quizais foi un pouco prematuro, pecamos de demasiada ilusión. Á parte do nivel de formación profesional, a Escola tamén quería ter unha dimensión universitaria e montamos as dúas cousas á vez, e ese creo que foi o noso erro, facelo demasiado pronto. Entón decidimos aprazar este máster e consolidar os cursos de formación profesional, pero sen renunciar en absoluto ao nivel superior, xa que o noso obxectivo final é dar un título de especialista en produtos lácteos de categoría universitaria.

Entón tampouco renuncian a alcanzar acordos con outras institucións…

En absoluto. No futuro a min gustaríame chegar a acordos coas dúas grandes escolas de produtos lácteos do mundo e facer intercambio de profesores que, no caso da francesa, xa nolo ofreceron e sería unha achega moi interesante, sobre todo para intercambiar métodos pedagóxicos, loxicamente máis deles cara a nós agora ao principio, porque nós somos os aprendices, pero diso se trataría e non renunciamos. Temos ambición.

Xa para concluír, cales son os pasos a dar no futuro máis inmediato?

A curto prazo o primeiro é superar isto da pandemia, a ver se somos capaces de adaptar a nosa formación á nova situación, porque á xente preocúpalle desprazarse a estudar. Logo, afianzar os cursos que xa temos e introducir estes novos, así coma os seminarios breves que está a demandar o propio sector. Tamén temos que consolidar financeiramente a Escola, porque sen ingresos non poderemos ter nin profesores nin cursos estables, por iso é tan importante a campaña de captación de socios, que ten un dobre obxectivo: por unha banda, dar a coñecer a Escola e traer alumnos e, por outra, a achega de ingresos tanto das cotas dos socios como das matrículas dos alumnos. A moi curto prazo, o que imos facer é renovar instalacións e melloralas.

Se o prefires, podes consultar a videoentrevista sobre estas liñas ou na nosa  sección de televisión Vaca TV.

“LECHE GAZA É UN PROXECTO SOCIAL MOI BONITO QUE A MIN ME ENGANCHOU PARA SEMPRE”

Aproveitamos a ocasión para conversar con José Luis acerca da súa traxectoria á fronte de Leche Gaza, da que foi máximo responsable ata 2017 e á que aínda segue vinculado. O empresario tamén nos mostra como ve el o sector e cales son os próximos desafíos.

 

Durante cantos anos foi director xeral de Leche Gaza?

Estiven 27 anos como director, pero fixo no cadro de persoal estiven 42 e vinculado a Gaza levo desde o 1 de xullo de 1970, aínda que durante os primeiros anos a vinculación era só como estudante de verán.

 

Como foi a súa evolución dentro da empresa?

Empecei con 14 anos. Eu viña do campo e para min foi unha liberación, pois andaba cunha bicicleta facendo os recados e era moito máis pracenteiro que estar regando remolacha a pleno sol, e enseguida empecei a traballar en postos de repartidor e outros similares, combinándoo primeiro cos estudos de Bacharel e despois cos de Enxeñería Agrícola ata que, nos últimos veráns, xa estaba en laboratorio e oficinas. Cando rematei a carreira e o servizo militar ofrecéronme un posto de técnico e aí estiven uns dez anos, logo xubilouse o director e ofrecéronme o posto a min. Tiña 35 anos.

 

E aínda segue vinculado a Gaza a través dun contrato de traspaso, á fronte de…

Non estou á fronte, pero si estou no equipo que dirixe a construción da nova factoría de Gaza en Coreses.

 

A inauguración da planta estaba prevista para esta primavera, pero non puido ser. Que prazos manexan agora?

Atrasouse un pouco, si, pero xa estamos en probas con auga. O proxecto ten dúas fases: a primeira remata agora e o 1 de setembro esperamos empezar en produción comercial, e o 15 de setembro empeza a segunda, que consiste no traslado das liñas útiles da antiga factoría para esta nova. Esta fase terminará aproximadamente co ano e, entón, a primeiros de 2021 teremos a factoría completa.

 

Que era Leche Gaza cando vostede tomou as rendas e que é hoxe?

Leche Gaza é, sobre todo, un proxecto social moi bonito e moi interesante que a min me enganchou para sempre e, nese sentido, Gaza non cambiou. Eu creo que, afortunadamente, o espírito co que se fundou se mantén. É unha empresa de carácter cooperativo con algunhas matizacións, porque non é xuridicamente unha cooperativa nin nunca o foi, pero o capital sempre estivo nas mans dos gandeiros. Os mecanismos internos sempre estiveron deseñados de tal maneira que o gandeiro que deixa de producir leite ten que ceder o seu capital aos que seguen producindo. En tamaño creceu moitísimo. Primeiro foi unha central leiteira local que naceu para abastecer de leite fresco á cidade de Zamora, progresivamente foise convertendo nunha empresa rexional e nesta etapa actual está a afrontar a internacionalización. O director que ten agora mesmo Gaza e todo o equipo directivo traballan xa con outro horizonte distinto ao que tiña a miña xeración. Nós cumprimos o noso papel e agora eles terán que cumprir o seu.

 

“Ao gandeiro e ao agricultor aínda non lles acabou de entrar na cabeza que estamos nun mercado libre e que iso non ten volta atrás”

Entón, digamos que se soubo adaptar aos novos tempos mantendo a súa esencia…

Iso é. Eu creo que ese espírito fundacional innovador, de servizo social ao gandeiro, progresista, de estar sempre na vangarda das técnicas de produción e de organización non se perdeu. Todo iso xa estaba no ADN de Gaza e continúa, non cambiou en absoluto.

 

Pódese considerar a evolución da empresa un reflexo da evolución do sector?

Pois si, porque cando eu entrei a traballar no ano 1980 teriamos uns 500 socios e produciamos escasamente uns 18 millóns de litros; en cambio, agora temos 40 ganderías e producimos máis de 70 millóns. Todo isto forma parte da capacidade de adaptarse e de ir sempre na vangarda, facilitándolle a vida ao gandeiro para que se adapte.

 

En que situación se atopa o sector vacún leiteiro en Zamora e como ve o futuro?

Se non pensase que hai futuro, non tería animado á empresa para que fixese unha factoría nova na que se gastaron 20 millóns de euros. Eu teño unha enorme fe no sector en Castela e León, á que se lle deu unha oportunidade coa liberación das cotas en 2015. O val do Douro é moi apropiado para a produción de leite de vaca, porque temos un clima continental que é caloroso no verán e frío no inverno, pero sempre con baixas condicións de humidade; temos uns sistemas de rega que se modernizaron e automatizaron case na súa totalidade, co cal temos unhas posibilidades forraxeiras moi boas, e temos unha xeración de mozos que se incorporaron á gandería. Estamos vendo como mozos universitarios volven ás granxas e aí radica a miña grande esperanza da empresarialización, neses mozos que teñen polo menos o Bacharelato e moitísima máis formación, co cal poderemos falar doutro tipo de empresa e de traballo. E esas creo que son as condicións que, no seu conxunto, van facer que en Castela e León haxa unha gandería de leite industrializada e competitiva, que xa estamos a demostrar que o somos.

 

Con todo, lograr mellores prezos en orixe segue a ser unha das principais reivindicacións dos gandeiros en todo o país. Está de acordo con esta realidade?

Ao gandeiro e ao agricultor aínda non lles acabou de entrar na cabeza que estamos nun mercado libre e que iso non ten volta atrás. Esta realidade hai que asumila e unha vez asumida é cando un debe cambiar a súa mentalidade e organizarse para ver como a pode modificar, e a lexislación europea dá ferramentas legais para poderse organizar. En que sector da economía se permite que se vulneren as leis da competencia? En ningún, salvo no agrícola. O sector ten que facer moita autocrítica e preguntarse por que somos tan torpes, por que a interprofesional funciona tan timidamente e é tan pouco influente, por que non hai grandes cooperativas neste país, por que estamos a mercé das grandes superficies… É moi fácil facer demagoxia reivindicando, pero eu creo que a realidade é outra cousa e o sector tena que asumir e non seguir coa mentalidade de que todo o ten que resolver o Estado.