Éliter: o novo método para revalorizar os xatos das ganderías

Ideado por un grupo de veterinarios e informáticos lucenses, trátase dun sistema informático de certificación que garante que os animais recibiron os coidados neonatais idóneos, están libres de enfermidades e se atopan en instalacións que cumpren cos parámetros de benestar.

A depreciación dos xatos lactantes procedentes das explotacións tanto de leite como de carne foi unha das consecuencias máis importantes provocada pola crise do coronavirus no sector agrogandeiro galego. Evitar esa desvalorización, con descensos nos prezos de venda de ata o 80 %, é un dos obxectivos dun método pioneiro creado por un grupo de mozos veterinarios e informáticos lucenses.

O sistema ideado, que recibe o nome de Éliter (Terneros de Élite), consiste nunha ferramenta informática de certificación de calidade que distingue a aqueles animais que cumpren cunha serie de parámetros de saúde e coidados que fai que sexan mellores e máis resistentes á hora de realizar o proceso de recría.

"Centradas na produción de leite, moitas explotacións descoidaron nos últimos anos o coidado dos xatos machos, o que provocou unha caída xeneralizada de prezos, agravada agora polo coronavirus. Ao mesmo tempo, a importación de tenreiros procedentes doutros países da UE, como Francia, foi substituíndo nos cebadeiros españois os animais procedentes das explotacións galegas. Trátase de diferenciar a aqueles xatos de maior calidade para, desta forma, abrirlles un oco no mercado e que poidan volver ser unha fonte de ingresos importante nas ganderías", explica Elio López, CEO da compañía Innogando SL, con sede no Arneiro (Cospeito), e responsable do proxecto.

Éliter identifica a cada animal mediante un crotal individualizado que incorpora un código QR que permite realizar un seguimento a cada becerro lactante, de forma que se garante que todos os xatos incorporados ao sistema permanecesen polo menos 14 días nas súas explotacións de orixe recibindo os coidados adecuados, como, por exemplo, as primeiras tomas de leite materno, fundamental para reforzar o seu sistema inmunitario co traspaso de anticorpos.

O equipo veterinario de Éliter garante tamén que os tenreiros están sans e proceden de explotacións libres de enfermidades como a rinotraqueíte infecciosa bovina (IBR) e a diarrea vírica bovina (BVD), dúas das principais enfermidades causantes de mortalidade en becerros.

Optimización da produción de leite das explotacións

Aínda que o sistema acaba comezar a funcionar unha vez levantado o estado de alarma, xa son ducias as explotacións de toda Galicia que decidiron introducir este método no seu funcionamento para mellorar o seu manexo do gando.

"Non só damos este servizo de certificación para lograr un mellor prezo de venda dos tenreiros macho, senón que tamén asesoramos os gandeiros para que poidan mellorar a recría que fan nas súas explotacións das tenreiras femia e que son a substitución produtiva fundamental e o futuro das ganderías", indica Elio López.

Algunhas das cooperativas galegas, como Aira ou Xallas, xa se interesaron por este sistema de certificación para as súas ganderías socias, do mesmo xeito que cebadeiros de distintas partes de España, que ven en Éliter un avance en materia de trazabilidade para o gando que evita, ademais, desprazamentos ás explotacións, xa que mediante unha sinxela APP é posible incluso ver un vídeo do xato para coñecer a súa configuración e características morfolóxicas.