ENTREVISTA

Á. Sánchez: “Estamos ante un escenario inédito para todos os actores da cadea alimentaria, o que xera preocupación polos meses futuros”

Ante a situación actual de prezos elevados de materias primas, o sector produtor debe saber como optimizar os custos dentro da granxa. Para afondar nisto, en en Vaca Pinta 31 contamos coa colaboración de Álvaro Sánchez. Economista cunha extensa carreira no sector agroalimentario, exerce como consultor privado para a área dos custos de alimentación e dende hai unha década dirixe Eurotrade Agrícola, empresa destinada á comercialización de materias primas agroalimentarias.

Como se articula o mercado de cereais, soia e demais insumos utilizados polas ganderías de vacún leiteiro?

Trátase dun mercado mundial, onde as producións de materias primas se realizan historicamente nas zonas máis produtivas e próximas aos consumos mundiais; son áreas nas cales se pode producir un incremento do volume anual con técnicas que poidan mellorar os rendementos. O problema é que estas zonas do globo xa non se poden expandir máis; mesmo hai superficies de cultivo que están a decrecer. En contrapartida, a demanda mundial é crecente (o mundo aumenta en máis de 20 millóns de habitantes ao ano), polo que a necesidade de oferta é cada día é maior. Isto fai subir os prezos e permite que localizacións máis afastadas sexan capaces de producir grans e oleaxinosas e situalas loxisticamente nas zonas de consumo.

Cales son as principais zonas de procedencia destes produtos?

O mundo está a expandir a súa produción nas dúas grandes áreas de crecemento en superficie que poden destinarse para iso: Sudamérica (entre O Brasil e a pampa arxentina) e a estepa rusa. As grandes compañías multinacionais de orixe e proceso de grans levan desde 2007 investindo nestas zonas en loxística, elevadores, terminais de almacenamento e terminais portuarias, así como en plantas de molturación e extracción.

Existe outra grande área que pode permitir unha grande evolución agrícola: o continente africano. Con todo, a maioría dos países necesitan gobernos estables para garantir a produción e investimento estranxeiro para desenvolver as infraestruturas necesarias. Coméntase desde hai anos que China está a investir en terreo africano coa idea de poder cubrir nun futuro as necesidades de consumo da súa poboación.


"Esta invasión de Rusia se produciu nun momento de máximos nos prezos de materias primas provocado por circunstancias precedentes"

Aínda que é certo que por mor da guerra de Ucraína se acadaron máximos nos prezos das materias primas, estas xa se viñan movendo en valores máis altos do normal desde había meses. A que se debe?

Unha situación de guerra sempre aplica unha prima de risco no prezo aos mercados, os cales ademais viran moi bruscamente. O diñeiro sae do mundo financeiro e bolsista e sitúase en valores refuxio, como poden ser tradicionalmente o ouro e o petróleo, pero tamén nos chamados hard(metais como o aceiro, o cobre, o aluminio…) e nos softs(materias primas que cotizan en bolsas como o café, o algodón, o zume de laranxa… e, desde hai anos, moito máis intensamente en materias agroalimentarias como as fabas de soia, o millo, o trigo etc.). A diferenza nesta ocasión é que esta invasión de Rusia se produciu nun momento de máximos nos prezos de materias primas provocado por circunstancias precedentes.

Partindo das grandes producións mundiais que houbo en ambos os hemisferios entre os anos 2018 e 2020, o mundo subira o stock de seguridade a niveis elevados e a demanda estaba ben abastecida por esas producións históricas. Con todo, o verán austral de 2020 trouxo unha seca no Brasil que fixo perder máis de 25 millóns de toneladas de produción de millo, o que tivo un primeiro impacto moi alcista no prezo deste produto; ademais, a demanda da China para millo faba de soia e trigo iniciou un ciclo de fortes importacións que arrastrou os prezos á alza.

Ademais, todo isto viuse acentuado pola crise loxística e os desequilibrios producidos pola COVID a nivel mundial…

Así é. Os fondos de investimento cambiaron totalmente as súas posicións especulativas en todas as materias primas agrícolas. Por exemplo, en millo pasaron de estar curtos en 380.000 contratos (127 toneladas/contrato) a superar os 400.000 desde hai ano e medio. Isto engade en volume total preto de 80 millóns de toneladas en posicións netamente compradas.

Durante o verán de 2021, que xa se iniciou con ese forte impacto nos prezos dos produtos no mercado internacional, O Canadá e as zonas produtivas de semente de colza e trigo de calidade nos Estados Unidos sufriron especialmente as altas temperaturas e tamén por esta razón houbo un recorte importante no volume total de cereais en Rusia. 

Todo iso fixo que a finais dese ano os prezos de case todos os produtos se situasen en máximos históricos. A isto sumouse a guerra, que engadiu 100 €/tonelada a maiores. Estamos ante un escenario inédito para todos os actores da cadea alimentaria, o que xera unha gran preocupación polos meses futuros.

MEDIDAS DE XESTIÓN PARA OPTIMIZAR CUSTOS EN ALIMENTACIÓN ANIMAL

Afirma Sánchez que os modelos de xestión na cadea alimentaria son moi maduros e evolucionados desde hai anos, “aínda que tras a entrada dos fondos quizais habería que valorar modelos de arbitraxe de posicións de coberturas de risco con ferramentas financeiras”. Á hora de pensar en optimizar custos de alimentación animal, sinala que “debemos lembrarnos a nós mesmos que o feito de asegurar custos cando os prezos nos permiten ter unha marxe sustentable cos valores dos alimentos finais cústanos moito cando temos prezos baixos de materias primas”. Entre os seus consellos, destaca:

  • Tomar decisións de fixacións a longo prazo e, neses momentos, asegurar mellor as posicións. “Isto permitiralles tamén aos provedores estruturar ben a demanda e evitar problemas”, engade.
  • Formular mensualmente con prezos de substitución de materias primas. “España tende a traballar con custo de compra, o que desvirtúa a necesidade de compra por nutrientes e impide ademais coller as tendencias de subidas e baixadas do mercado correctamente”, explica.
  • Traballar cunha obriga de compra mínima de entre un e tres meses para estabilizar custos.
  • Revisar as materias primas alternativas dispoñibles nos mercados.
  • Facer un bo uso e ter axilidade de decisión con estas para aproveitar aforros de custos.
  • Crear alianzas con provedores estratéxicos cos que poder flexibilizar as negociacións en termos de períodos de compra ou volumes que se deben de recibir. “Sen dúbida, iso é mellor que elixir o prezo como única ferramenta de negociación”, incide.

Que previsión se ten respecto dos prezos para o que resta de 2022 e para 2023?

Isto é algo inédito, polo que é moi difícil predicir cando e en que medida pode ir cambiando a situación. Cada prima de risco incluída no prezo, provocada por cada un dos motivos citados, irá desaparecendo a medida que se vaian resolvendo estes problemas e se tenda a buscar un prezo obxectivo relacionado cunha situación equilibrada e afectada unicamente polo balance de oferta e demanda.

Como dicía antes, a necesidade mundial de alimentos crece ano tras ano. Necesitamos grandes colleitas e, por suposto, se se truncan repentinamente nun país tan produtor e exportador como é Ucraína, suplir toda a demanda non é algo que se faga de maneira inmediata. Neste momento non sabemos que pasará coas colleitas ucraínas de cereal de inverno e de primavera, nin coa sementeira de millo e xirasol de maio. Tampouco se sabe quen será propietario dese cereal nin de canto stock da vella colleita exportable dispoñen aínda.

Como pode cambiar o panorama dependendo de quen sexa o propietario dese cereal?

Se cando termine a guerra Rusia é a propietaria, non poderá comercializar con Occidente, pero si con países afíns como A China ou Irán, os cales deixarán dispoñibles os seus outros provedores habituais. O prezo perderá parte da súa prima por este motivo. Tamén é importante prestarlle atención ao desenvolvemento climatolóxico no hemisferio norte, porque diso dependerá que dispoñamos ou non de grandes colleitas de verán nos Estados Unidos, no Canadá e en Europa, o que pode contribuír a reducir os prezos.

Ademais, a chegada en agosto das producións de millo de segunda colleita no Brasil, que se agardan de récord, deixará un volume exportable moi necesario. Espérase, así mesmo, que nos EE. UU. se produza un volume histórico de sementeira de fabas de soia (por un menor custo de insumos fronte á superficie destinada a millo) e, se estas producións conseguen atender a demanda e elevar stock de seguridade, provocarán melloras nos prezos.

En xeral, na medida en que os fondos de investimento vaian “comprando” estas boas novas, acompañado isto de subidas dos tipos de interese que farán máis atractivo para eles o negocio financeiro, irán saíndo de posicións tan longas en materias primas, o que fará que se resten euros nas cotizacións dos nosos produtos.


"No noso país non notamos desabastecemento porque a cadea de subministración realizou rapidamente as manobras necesarias para que non houbese problemas"

É real o risco de desabastecemento para o próximo inverno debido á falta de produción en Ucraína?

No noso país non notamos desabastecemento porque a cadea de subministración realizou rapidamente as manobras necesarias para que non houbese problemas. En España temos produción de materias primas e stock; os nosos portos abastécense de produtos de diferentes orixes. No entanto, é certo que no momento en que se produciu a invasión había unha previsión importante de millo e xirasol (e dos seus produtos) que as compañías importadoras tiveron que cubrir principalmente desde os Estados Unidos e desde outros países de Europa para garantir as súas entregas os clientes industriais. Evidentemente, a forte subida dos prezos permitiu asumir o incremento de custo que implica executar esas coberturas desde orixes que, en condicións normais, son máis caros.


"En xeral, a dispoñibilidade de cereal europeo (de países como Francia, Bulgaria, Hungría e Romanía) está a cubrir a nosa necesidade de importación"

É unha solución levantar do veto á importación de cereal dos Estados Unidos e doutros países americanos?

Tomáronse medidas para admitir millo arxentino cunha porcentaxe máis alta dun pesticida que non está autorizado, pero non teño constancia de que chegase aínda millo desta orixe. Tamén se propuxo aprobar a importación de millo xeneticamente modificado con orixe nos Estados Unidos para eventos OXM que non están aprobados aínda pola UE; con todo, non foi necesario porque, como digo, o aumento de prezos permitiu importar millo dos EE. UU. con eventos autorizados. En xeral, a dispoñibilidade de cereal europeo (de países como Francia, Bulgaria, Hungría e Romanía) está a cubrir a nosa necesidade de importación.

Somos un país cun sector produtor cada vez máis dependente das importacións?

Os mercados, as industrias e as cadeas de distribución, así como cada país, tenden a cubrir sempre as necesidades cos produtos e orixes máis económicas, o que en ocasións os leva a depender demasiado dunha soa fonte. Fálase moito de sustentabilidade, pero non vexo que se promova de xeito sostido un abastecemento estruturado (que seguramente é máis caro) para evitar certas dificultades como as que actualmente se están evidenciando.

Estamos a sufrir un problema de abastecemento enerxético nas nosas industrias e nos nosos fogares por non ter un plan de abastecemento ordenado e en Europa dependemos nunha porcentaxe demasiado elevada do gas e o petróleo ruso (evidentemente, por ser o máis barato). Tamén, desde o auxe da COVID, as compañías automobilísticas teñen contratempos coa entrega de vehículos, están a sufrir graves atrasos pola falta de compoñentes electrónicos que importamos da China (de novo por ser máis baratos). Así mesmo, cabe destacar que nos últimos anos no mercado europeo pecharon plantas de produción de aminoácidos por falta de rendibilidade e tivemos que ilos buscar á China por ser máis económicos, pero é que hai tres anos a maior planta de produción de vitamina A chinesa sufriu problemas e en España vímonos sen abastecemento e, o que é peor, sen alternativa posible. E, a pesar disto, seguimos primando o prezo á hora de elixir…

Así pois, España debería propoñerse ser autosuficiente e producir a totalidade dos insumos que se consomen en gandería?

Diría claramente que non estamos preparados, pero tampouco o necesitamos. Temos alianzas suficientes como para estruturar o noso abastecemento dunha forma sustentable; ademais, pertencemos á Unión Europea e debemos ter claro que hai que respectar a política común. No entanto, creo que é evidente que debemos engadir un compoñente estratéxico nas nosas decisións de compra e abastecemento. Isto mellorará sensiblemente a nosa exposición en situacións extremas como as que estamos a vivir. España é un país moi, moi competitivo en produción animal, en carne e en produtos finais. Importamos entre o 30 e o 50 % das materias primas que necesitamos (cereal e proteínas, principalmente), malia que temos unha importante produción nacional (iso si, moi variable entre campañas polas condicións de clima intrínsecas da nosa situación xeográfica).

 

As políticas da UE tenden a primar a produción verde, aínda sen ser autosuficientes na produción de alimentos que necesitamos para alimentar a poboación. Son correctas estas actuacións?

Politicamente tómanse moitas decisións que xustifican unha conta de explotación medida en votos e que poden xerar un problema realmente serio nas economías. Levamos máis dunha década vendo presupostos de gasto por encima dos de ingresos. É o caso de España e esa circunstancia só xera aumento de débeda; é unha situación que non se pode eternizar.

Na empresa privada esas decisións tómanse en base a un investimento e estrutúranse dunha maneira amortizable, asumible e sustentable. Unha vez que sucede iso, vemos que existe unha dependencia da parte pública sobre a privada para soster o país e iso estase traducindo nun aumento dos prezos e dos impostos para que quen realiza ben os investimentos e consegue aforrar termine pagando a ineficacia estatal.

Na miña opinión, esa é a gran diferenza. Unha produción verde como estratexia e obxectivo final é necesaria, loxicamente, pero ten que haber unhas partidas orzamentarias para acadala: cómpre saber que investimento e que recursos debemos preparar para executala e en que prazos. Todo isto debe estruturarse nun orzamento total para o país que sexa sustentable e equilibrado, no que, por suposto, os ingresos estean por encima dos gastos e no que sexamos conscientes de que debe ser unha partida máis de investimento necesario que formará parte, xunto con outras moitas, dun total rendible que asegure o futuro do país.