CONGRESO MUNDIAL DE BUIATRÍA 2022

O World Buiatrics Congress de Madrid, unha edición de récord

- Esta mañá, os membros do comité organizador do 31.º World Buiatrics Congress valoraron ante a prensa a posta en marcha do evento. 

- Esta edición conseguiu bater todos os rexistros previos de asistencia, con 3.030 congresistas de 74 países rexistrados. 

O presidente da Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe) e do comité organizador do 31.º World Buiatrics Congress (WBC), Joaquín Ranz; o coordinador das comunicacións orais do WBC, Juan Cainzos, e o presidente do comité científico do congreso, Gumersindo de la Riera, valoraron esta mañá ante a prensa o desenvolvemento da primeira das catro xornadas de exposicións técnicas que inclúe o evento. 

Durante a presentación, comezaron valorando moi positivamente os datos de participación no Congreso: “Entre veterinarios, organizadores e representantes de casas comerciais temos a algo máis de 3.030 rexistrados chegados de 74 países. Son cifras que superaron as nosas expectativas, sobre todo tendo en conta as circunstancias sanitarias que enmarcaron toda a organización do evento”, subliñaron. 

OS GRANDES RETOS DA EDICIÓN ESPAÑOLA DO WBC
Os portavoces sinalaron que, a pesar das limitacións que poderían esperarse debido á pandemia, a participación deste ano foi, ademais da máis sobresaliente de todos os congresos mundiais, a máis exitosa dos levados a cabo de maneira nacional por Anembe. 

De la Riera fixo fincapé no gran esforzo organizativo que se levou a cabo para ofrecer un congreso mundial “diferente, máis práctico en comparación aos que se realizaron con anterioridade, co obxectivo de estar máis próximos á realidade dos buiatras”. Desta maneira, dentro dos 24 bloques principais do congreso abriuse a posibilidade de que os autores das mellores comunicacións orais interviñesen xunto cos speakers estrela nunha mesa redonda a última hora da mañá de luns a xoves.

No que se refire á recepción de comunicacións orais, Cainzos sinalou que se bateron récords. Tras abrir (dúas veces, debido á pandemia) o call for abstracts, recibíronse 1.291 resumos, para cuxa selección se contou coa colaboración de 97 revisores tanto do ámbito público como do privado. Finalmente foron incluídas no congreso 527 comunicacións orais e 767 pósteres. 

Os organizadores resaltaron, así mesmo, o seu interese por incorporar nesta edición talleres prácticos, así como por integrar unha gran conferencia ao final de cada xornada, as cales están abertas a todos os cidadáns.

PRIMEIRAS IMPRESIÓNS TRAS O PISTOLETAZO DE SAÍDA

Estas dúas primeiras xornadas deixaron con moi bo sabor de boca ao comité. En concreto, Cainzos resaltou o talante dos relatores convidados durante a mesa redonda, xa que, valorou, “non é fácil someterse a unha sala de 200 persoas na que podes recibir calquera tipo de pregunta”. 

Ranz apuntou, así mesmo, que Anembe tivo sempre o apoio do tecido empresarial á hora de financiar os seus congresos, “sen que isto interferise coa nosa independencia e liberdade para executar os nosos programas científicos e para elixir os nosos relatores”, destacou; e isto foi algo que se mantivo co WBC. 

Por outra banda, incidiron en que desde a asociación nacional traballan con diferentes facultades para levar a medicina da produción, a produción de alimentos e a súa importancia nos seguintes 30 anos aos novos veterinarios e veterinarias. “Por iso, trouxemos a 40 estudantes de diferentes facultades de España ao mundial para que empecen a ter contactos con profesionais do sector”. Ademais, neste sentido, nesta edición un grupo de 30 estudantes de todo o mundo foron bolseiros pola WAB, en colaboración con Anembe, para poder asistir ao congreso. 

OS BENEFICIOS DO CONSUMO DE CARNE, A DEBATE NA MESA REDONDA DO LUNS 
Ranz, Cainzos e De la Riera fixeron así mesmo alusión ante os medios á aposta da asociación por poñer en valor o consumo de carne na sociedade. Tanto é así que na xornada de onte celebrouse unha conferencia estrela titulada «Omnívoros, desmontando mitos», un espazo moderado pola profesora da Universidade de León Marta Alonso no que interviñeron Jack Britt, experto en fisioloxía reprodutiva; Bernat Vallat, quen foi durante 25 anos director xeneral da Asociación Mundial de Sanidade Animal; Antonio Escribano, médico especialista en endocrinoloxía, nutrición e medicina deportiva, e Emilio Gallego, secretario xeral da Confederación Empresarial de Hostalería de España.

Desmontar os mitos e as falsas crenzas que ten a sociedade respecto ao consumo de carne era o obxectivo central desta reunión. Para iso, reflexionaron sobre aspectos como o impacto da gandería no medio ambiente, a axuda que supón esta actividade para o avance en países en vías de desenvolvemento e a influencia das fake news nos rumores que sobre ela se verten. Tamén abordaron os inconvenientes que ten para a saúde a decisión de prescindir da proteína animal, o problema que supón a falta de coñecemento que ten a parte da sociedade que vive nas cidades respecto a os animais de granxa ou como afectou o cambio actitude que se aprecia nas xeracións máis novas no que aos hábitos de consumo de alimentos se refire. 

ANEMBE, ORGANIZADORA DO 31.º WORLD BUIATRICS CONGRESS 

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), que reúne a 1.400 veterinarios especialistas en gando bovino, foi a encargada de organizar o 31.º Congreso Mundial de Buiatría [World Buiatrics Congress (WBC)] por delegación da Asociación Mundial de Buiatría (WAB), composta por 53 asociacións profesionais de todo o mundo, con máis de 50.000 asociados que desenvolven a súa actividade no ámbito da buiatría, a veterinaria especializada en ruminantes de produción. 

Esta edición, que se está desenvolvendo no Palacio Municipal de Ifema Madrid do 4 ao 8 de setembro, conseguiu bater todos os récords de asistencia con 3.030 congresistas rexistrados de 74 países, máis dun 20 % da cifra rexistrada na máis concorrida, que foi a celebrada en Dublín en 2016, cuns 2.300 participantes.  
Lembramos que a última edición do WBC tivo lugar en Sapporo (Xapón) en 2018 e a cidade mexicana de Cancún será a que tome as rendas en 2024.