CONGRESO MUNDIAL DE BUIATRÍA 2022

O 31.º Congreso Mundial de Buiatría despídese con cifras históricas de participación

- Un total de 3.113 profesionais buiatras de 74 países déronse cita esta semana en Madrid para asistir á trixésimo primeira edición deste congreso que foi organizado pola Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe).

- Durante os seus cinco días de duración interviñeron case un centenar de relatores principais repartidos entre os 24 bloques temáticos do evento, defendéronse 527 comunicacións orais e foron expostos 767 pósteres.

- Os representantes das principais organizacións buiatras e veterinarias do mundo presentes na cerimonia de clausura fixeron alusión ao éxito de convocatoria desta edición do WBC.

A última xornada do 31.º Congreso Mundial de Buiatría [World Buiatrics Congress (WBC)], celebrado do 4 ao 8 de setembro no Palacio Municipal de Ifema Madrid, puxo o foco en seis grandes topics ou bloques temáticos: cirurxía; biotecnoloxía; farmacoloxía e terapéutica; epidemioloxía; saúde pública, seguridade alimentaria e resistencia antimicrobiana, e parasitismo.

CIRURXÍA E BIOTECNOLOXÍA

Os relatorios curtos volveron abrir un día máis a mañá para deixar paso a partir das 10:00 horas ás conferencias centrais. O auditorio principal acolleu as dedicadas a cirurxía. O profesor da Universidade de Montreal, Sylvain Nichols, centrou a súa primeira intervención na cesárea e a segunda nas fracturas da extremidade distal e o enxesado con cravos. André Desrochers, docente desta mesma institución, explicou diferentes aspectos relacionados coa cirurxía intestinal básica e cos principios do tratamento da artrite séptica.

Os catro relatorios da mañá dedicados á biotecnoloxía foron enunciados por Gabriel Bo, presidente do Instituto de Reprodución Animal de Córdoba, en Arxentina, e por Pietro Baruselli, docente da Universidade de São Paulo Brasil. Bo ofreceu en primeiro lugar unha conferencia sobre programas de superestimulación simplificados para a produción de embrións in vivo e in vitro en bovinos e, máis tarde, volveu subir ao escenario para falar dos diferentes factores que afectan ás taxas de preñez nos receptores de embrións de carne. Pola súa banda, Baruselli abordou os axentes vinculados á calidade dos ovocitos para a produción de embrións no gando no seu primeiro relatorio e, posteriormente, explicou como mellorar a fertilidade dos rabaños leiteiros utilizando embrións producidos in vivo e in vitro.

FARMACOLOXÍA, TERAPÉUTICA E EPIDEMIOLOXÍA

Nas conferencias sobre farmacoloxía e terapéutica Keith DeDonder, consultor de Latham BioPharm Group, comezou falando sobre as aplicacións clínicas no gando das probas de susceptibilidade antimicrobiana e, posteriormente, ofreceu a exposición titulada «Definición da eficacia dos antimicrobianos: unha investigación do tratamento fronte aos controis negativos na enfermidade respiratoria bovina». Seguiuno Juan Miguel Rodríguez, da Universidade Complutense de Madrid, quen disertou sobre diferentes estratexias baseadas na microbiota como alternativa aos antimicrobianos.

Para abordar o bloque dedicado á epidemioloxía, os congresistas contaron con dous especialistas na materia: Ynte Schukken, da Universidade de Wageningen, e Ruth Zadoks, da Universidade de Sidney. Schukken tratou aspectos relacionados coa epidemioloxía da mastite bovina e coas enfermidades infecciosas en granxas leiteiras, mentres que Zadoks encargouse de dúas disertacións que profundaron na epidemioloxía molecular da mastite e na información epidemiolóxica molecular sobre a transmisión e o control de enfermidades bacterianas, parasitarias e virais do gando.

SAÚDE PÚBLICA E PARASITISMO

Sobre saúde pública, seguridade alimentaria e resistencias antimicrobianas falaron Rob Atwill, do Instituto Occidental para a Seguridade Alimentaria da Universidade de California, e Rosa del Campo, investigadora no Instituto Ramón y Cajal. O primeiro definiu a vulnerabilidade dos pozos rurais e dos produtos orgánicos a bacterias multirresistentes aos antibioticos provenientes do esterco do gando e fixo un repaso polas boas prácticas agrícolas para minimizar a contaminación ambiental e da auga por estas bacterias. Na mesma liña, Del Campo concretou a situación actual das RAM na saúde humana e adiantou diversas perspectivas de futuro.

Por último, no bloque sobre parasitismo Luís Miguel Ortega, profesor da Universidade Complutense de Madrid, avanzou as novidades que se están investigando en canto á neosporose bovina e expuxo aos asistentes novos enfoques para abordar as enfermidades venéreas que se detectan en gando vacún. Interviñeron tamén Alessandra Torina, do Instituto Zooprofiláctico Experimental de Sicilia, quen se centrou na piroplasmose do gando vacún, e Peter H. Clausen, docente da Universidade de Berlín que compartiu as mellores estratexias de control integrado para o manexo da tripanosomose e falou da resistencia aos medicamentos tripanocidas nas poboacións de gando das aldeas africanas.

De novo, como peche de cada bloque, ao final da mañá leváronse a cabo charlas prácticas cun número máis reducido de persoas nas que participaron os relatores principais de cada topic e os autores das dúas mellores comunicacións orais de cada tema. Grazas a que se trata dun formato máis dinámico, nelas o público puido intervir de maneira máis activa.

ENTREGA DO PREMIO CARLOS DÍAZ DE PABLO

En paralelo ás charlas da xornada, fíxose entrega do II Premio especial “Carlos Díaz de Pablo” á mellor comunicación científica de reprodución do WBC 2022, galardón patrocinado por Fatro.

Nesta edición, o xurado decidiu premiar a dous dos estudos candidatos. O primeiro deles, titulado “Embryo production in dairy cattle after superovulation with gonadotrophin preparation- effect of variability in FSH/LH ratio-”, recollido por Ana Sierra, centrábase no vacún leiteiro, mentres que o segundo, “Prevalence and risk factors of purulent vaginal discharge and cytological endometritis in French beef cows”, que foi entregado a Vincent Risk, trataba o vacún de carne.

ROLDA DE TARDE

Ao longo das sesións prácticas celebradas na  quenda de tarde, Débora Santschi, de Lactanet Canadá, e Ramiro Fouz, docente da Universidade de Santiago de Compostela, impartiron un taller de nutrición e biotecnoloxía no que avaliaron o perfil dos ácidos graxos no leite. Paralelamente, desenvolveuse un taller de biotecnoloxía sobre produción de embrións in vivo e in vitro no que participaron Gabriel Bo e Pietro Baruselli. Pola súa banda, Dave Renaud, profesor da Universidade de Guelph, e Christopher Chase, da Universidade Estatal de Dakota do Sur, interviñeron no de saúde animal, no que se puxeron de manifesto novos coñecementos sobre o manexo da saúde dos xatos.

Así mesmo, celebrouse un cuarto taller sobre epidemioloxía, no cal o consultor de granxas leiteiras Alfonso Lago abordou o uso de sistemas de cultivo rápido e de algoritmos para guiar o tratamento de casos de mastite clínica durante o período seco.

Á súa vez, Sylvain Nichols e André Desrochers encargáronse da sesión práctica sobre cirurxía, titulada «Cal é o seu diagnóstico en coxeiras?», e no taller de xestión da saúde, no que interviñeron os expertos Dale Grotelueschen, John Groves, Bill Prokop e Brian Vander Ley, tratouse a aplicación da disciplina do pensamento sistémico na medicina veterinaria do gando vacún.

CLAUSURA E PRACTICAL TIPS

A última hora da tarde, tivo lugar no auditorio o acto de clausura no que participaron membros das directivas da Asociación Mundial de Buiatría, da Asociación Mundial Veterinaria, do Colexio de Veterinarios de Madrid, do comité organizador do Congreso Mundial de Buiatría de Cancún 2024 e do comité organizador desta edición do WBC celebrado en Madrid.

O presidente deste último, Joaquín Ranz, aludiu na súa quenda á satisfacción dos organizadores polo desenvolvemento desta reunión: “Na inauguración díxenlles que probablemente iamos facer un congreso histórico. Agora podemos presumir de facer o mellor congreso da historia”, afirmou.

Tenndo en conta os datos finais do 31.º  WBC (3.113 congresistas, case un centenar de relatores repartidos entre os 24 bloques temáticos do evento, 527 comunicacións orais e 767 pósteres), todas as personalidades intervenientes fixeron énfase no éxito tanto de convocatoria como de contido e trasladaron as súas felicitacións aos responsables da súa preparación.

Como peche da xornada, o doutor Jan Pol, protagonista da serie de National Geographic The Incredible Dr. Pol, puxo o broche final ao encontro dirixindo a última das presentacións VIP, como sempre aberta ao público en xeral, a cal contou con outros sete profesionais buiatras que tamén enunciaron os mellores trucos que poñen en práctica no seu traballo diario.

Comezou o propio Pol falando da súa experiencia no traballo de campo. A continuación, Giorgio Murai explicou as súas pautas para a resolución da distocia con asistencia mecánica e, na súa quenda, Aurora Villarroel abordou os pasos que segue para lograr planificar con éxito o parto e a fase de cría.

Franco Veterinarios explicou o uso do dispositivo para a prevención de peritonite; seguidamente, Wolfgang Hasseler centrouse nas pautas para un lavado fácil e, tras el, Juan Carlos González expuxo as posibilidades da sueroterapia en xatos. Por último, Antonio Carbajo e Miguel Corchado referíronse á utilización da forza da gravidade na asistencia do parto da vaca.

ANEMBE, ORGANIZADORA DO 31.º WORLD BUIATRICS CONGRESS

A Asociación Nacional de Especialistas en Medicina Bovina de España (Anembe), que reúne a 1.400 veterinarios especialistas en gando bovino, foi a encargada de organizar o 31.º Congreso Mundial de Buiatría [World Buiatrics Congress (WBC)] por delegación da Asociación Mundial de Buiatría (WAB), composta por 53 asociacións profesionais de todo o mundo, con máis de 50.000 asociados que desenvolven a súa actividade no ámbito da buiatría, a veterinaria especializada en ruminantes de produción.

Esta edición conseguiu bater todos os récords de asistencia con 3.113 congresistas inscritos de 74 países, máis dun 20 % máis da cifra rexistrada na máis concorrida, que foi a celebrada en Dublín en 2016, cuns 2.300 participantes. Durante os seus cinco días de duración interviñeron case un centenar de relatores repartidos entre os 24 bloques temáticos do evento, defendéronse un total de 527 comunicacións orais e foron expostos 767 pósteres.

Lembramos que a última edición do WBC tivo lugar en Sapporo (Xapón) en 2018 e a cidade mexicana de Cancún será a que tome as rendas en 2024.