ENTREVISTA

José Luis Benedito: “O veterinario é, en todas as súas facetas, un profesional vocacional”

O 11 de agosto, José Luís Benedito, veterinario e catedrático de Medicina e Cirurxía Animal da Universidade de Santiago de Compostela, saíu elixido por 286 votos novo presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo. Sobre as bases da súa candidatura, así como sobre as perspectivas de traballo no sector veterinario con todo o planeta en alerta pola COVID-19, fala nesta entrevista.

    É vostede o novo presidente do Colexio de Veterinarios de Lugo. Por que decidiu presentarse como candidato?

    Eu só non podía formar unha candidatura. Mediante o diálogo entre compañeiros/as, formouse unha lista de colexiados/as cunhas sensibilidades comúns do que tiña que ser un colexio de veterinarios. Particularmente, chamoume a atención o sentido de responsabilidade e servizo á colectividade dos meus compañeiros de candidatura.

    A súa poderiamos dicir que era unha lista de consenso. Cales foron os primeiros pasos a dar?

    Si sabiamos que cada membro da candidatura tiña distintas vivencias sociais e profesionais, e esa era unha forma de axuntar diferentes sensibilidades, mesmo de xénero. Concentrábanse os distintos pensamentos. O primeiro paso dérono os colexiados nas urnas, ao votar cara á unidade e a transparencia. Concedéronnos esa honra de ter unha maioría para facer o que nos pediron na campaña electoral: renunciar ao presidencialismo e que o Colexio se achegase aos nosos colexiados/as eliminando rifas e fomentando a formación en ámbitos científicos e tamén laborais, de emprendemento, de novas tendencias… En resumo, pediron poñer en positivo a forma de dirixir un colexio de veterinarios.


    “O primeiro paso dérono os colexiados nas urnas, ao votar cara á unidade e a transparencia"

    Fala vostede de “unidade e transparencia”. Como pensan mellorar estes aspectos dentro do Colexio?

    Achegando o Colexio aos nosos colexiados con propostas consensuadas e maioritarias, aínda que tamén hai espazo para propostas menos populares. Nestes momentos de pandemia, as reunións non son o punto de encontro colexial. Toca traballar a través do correo electrónico, WhatsApp, videoconferencia..., é dicir, aplicando as novas tecnoloxías e o enxeño.

    Tamén se referiu algunha vez á aposta pola formación e por garantir a seguridade dos traballadores. De que maneira buscarán cubrir estas necesidades?

    Queremos ter unha boa cobertura de pólizas de seguros que cubran diversos aspectos da actividade profesional, así como de responsabilidade civil. Ademais, dende o Colexio comprobamos un aumento de procesos crónicos nos nosos colexiados, ás veces por lesións como consecuencia do traballo físico e outras veces é por contacto con alérxenos, sustancias químicas ou por tensións, o cal actúa como porta de entrada para outras enfermidades somáticas ou psicolóxicas. Queremos levar un estudo máis profundo das lesións cronificantes dos colexiados de Lugo.


    A lista gañadora das eleccións ao Colexio de Veterinarios de Lugo apostou polo consenso e a paridade
    XUNTA DE GOBERNO DO COLEXIO DE VETERINARIOS DE LUGO
    José Luis Benedito Castellote (presidente)
    Cristina Márquez Lombao (vicepresidenta)
    Adriana Méndez Martínez (secretaria)
    Rodrigo Muíño Otero (vicesecretario)
    M.ª del Camino Ferrero Otero (conselleira do Departamento Social e Laboral)
    José Antonio Fernández García (conselleiro do Departamento Técnico e Formación)
    José María Viana Ferreiro (conselleiro do Departamento Económico)

    Como docente, como ve a carreira de Veterinaria?

    A miña visión é a dun profesor que leva case catro décadas impartindo clases nesta carreira. Ás veces, soño que en España só existisen oito facultades, e non as trece que hai hoxe; que cada ano entrasen nos centros de Veterinaria 800 alumnos, e non os 1.400 que o fan actualidade. Entón a docencia sería excelsa e os 700 ou 800 graduados de cada promoción terían traballo asegurado. Síntoo, isto só é o meu soño (ah, e o da maioría de veterinarios europeos!).

    Galicia en xeral e Lugo en particular son zonas eminentemente gandeiras. Con todo, hai especial interese na rama do veterinario de granxa?

    Hai interese nesta rama, pero menos que cando comezou a nosa Facultade de Lugo. É un feito que o veterinario de granxa require duns coñecementos extensos e variados no referente ás ciencias veterinarias, porque vai ter que saber diagnosticar e tratar enfermidades, pero tamén previlas. Ten que saber de nutrición e de reprodución da explotación, asesorar ao gandeiro sobre a xestión económica e sobre as principais vías de comercialización, e, ademais, dirixilo a canles de compra. O veterinario de granxa realiza a maior parte do seu traballo fóra da oficina, visitando explotacións sen importarlle o clima e as distancias, non é un traballo que chamásemos “cómodo”, require de vontade e vocación. En xeral, para min, o veterinario é, en todas as súas facetas, un profesional vocacional, porque non entendería doutra forma os esforzos que fai para levar a cabo o seu labor.

    Neste novo contexto social, cales son as perspectivas de docencia nunha carreira tan práctica?

    A pandemia é un azoute para a educación, a calquera nivel, dende a gardaría ata a universidade, e nas carreiras universitarias sanitarias é un verdadeiro problema porque non se poden realizar todas as prácticas clínicas obrigatorias en cantidade e calidade. Isto lévanos a unha situación indesexable, xa que van saír profesionais sanitarios con escasa experiencia práctica co paciente. Este curso, as clases son presenciais en grupos pequenos en aulas grandes para preservar as distancias. Cando o número de alumnos é elevado téñense que alternar en dous grupos, un vai clase e o resto recibe esa clase a través do computador, e a semana seguinte ao revés. Na maioría dos casos son non presenciais ou telemáticas.


    "Nun futuro próximo, por culpa da COVID-19 moitos estudantes terán que reciclarse en aspectos prácticos e teóricos, terase que atender a unha formación posgraduado"

    Como se está desenvolvendo entón o trato directo cos animais?

    Diante do animal non pode haber máis de tres alumnos e o profesor, porque é difícil gardar a distancia de seguridade. Un problema importante é que, aínda que é certo que gran parte do diagnóstico se basea na observación, tamén fai falta tocar ao paciente. Un exemplo: se eu quero explorar a posible reacción dolorosa dunha vaca, terei que achegarme a menos de metro e medio e tocar (coas mans enguantadas) a zona onde manifesta esa dor e, a continuación, o estudante levará a man onde estivo a miña anteriormente, pero deberemos facelo sen tocarnos nin cruzarnos a menos de 1,5 metros. Nun futuro próximo, por culpa da COVID-19 moitos estudantes terán que reciclarse en aspectos prácticos e teóricos, terase que atender a unha formación posgraduado.

    Estamos a escoitar falar cada vez máis dun concepto peculiar: o do “veterinario animalista”. Son estas dúas ideas compatibles?

    Polo carácter español, non creo que sexan compatibles as dúas ideas, como tampouco o son os políticos actuais, que nunca se poñen de acordo, coa excepción da subida de soldos.

    Como profesional, percibiu unha evolución no rol do veterinario na granxa?

    As funcións do veterinario dentro da explotación cambiaron en canto á calidade e á cantidade. Podemos destacar o labor de prevención, con plans completos de desparasitaxe e vacinacións, e a de asesor en benestar, axudando á comodidade e a ausencia de situacións estresantes para o animal, factores que poden ser desencadeante de enfermidades de distinta orixe. Por outra banda, a bioseguridade é unha das actividades máis importantes que exercen os veterinarios, por iso non se entende que non se contase con eles para a pandemia da COVID-19. O veterinario tamén desempeña labores en temas ambientais (eliminación de residuos, limpeza de áreas contaminadas, como fosas de xurros; acondicionamento de instalacións...). Así mesmo, ocorre en moitas ocasións que o veterinario exerce como conselleiro na xestión de vendas e compras da granxa, o que lle implica nos resultados desa explotación, e iso é un valor engadido.

    Está a cobrar forza ultimamente a reivindicación do papel que teñen os veterinarios como axentes sociais. Temos moito que facer neste sentido, non é certo?

    O veterinario, do mesmo xeito que o médico, o farmacéutico e o cura, tiña unha ampla implantación social no rural, xa que todos vivían nesa contorna. Hoxe en día, o veterinario, como sucede coas outras profesións sanitarias, vive nunha cidade ou pobo grande e relativamente próximo ao seu lugar de traballo, pero iso non é óbice para que a súa figura sexa referente social. Cada día ten maior entroncamento na sociedade e nos cidadáns e a súa opinión é tida en conta para aspectos non só de enfermidades, senón tamén de seguridade alimentaria, producións animais, medio ambiente e medio mariño, etcétera.


    “A bioseguridade é unha das actividades máis importantes que exercen os veterinarios, por iso non se entende que non se contase con eles para a pandemia da Covid-19”

    Que opina do feito de que con todo o planeta loitando na actualidade contra unha enfermidade de orixe animal a experiencia veterinaria non se teña máis en conta?

    A palabra que mellor reflicte esta situación é “anacrónica”, porque ao comezo dos tempos había médicos de humanos e outros aos que chamaban “médicos de animais” que traballaban para evitar enfermidades nos animais. Isto quere dicir que civilizacións antigas xa requiriron destes coñecementos para que non se producisen epidemias animais e non contaxiasen ao home. O veterinario dedicouse a previr esas pandemias e, cando chega unha como a actual, resulta que se lle exclúe. Parece que hai autonomías que incluíron nos seus comités sanitarios a profesionais veterinarios, pero no Ministerio de Sanidade non se produciu tal situación. Non podo evitar que me resulte incoherente que un médico que é neto e irmán de veterinarios non conte no seu comité con ningún profesional do noso sector.

    E que diría que é o que falta do lado veterinario para poñer en maior consideración a súa profesión?

    Fai falta moita máis información e publicidade veraz e que chegue aos cidadáns deste país para que se fagan unha idea certeira e completa do que é un veterinario. Necesitamos que as noticias sobre a nosa profesión sexan positivas para que o público vexa esa realidade.

    Como traballan dende as asociacións veterinarias tanto na formación como na visibilización do papel do veterinario?

    Unha grata resposta na nosa profesión que se produciu precisamente con esta epidemia foi a de poñer de acordo a veterinarios de todo tipo de asociacións autonómicas e nacionais, así como o valor que comprobamos que ten a nosa profesión para a sociedade. Ademais, como profesor, podo dicir que os meus discípulos se atopan, tanto en moitos dos países do primeiro mundo, como tamén levando o seu labor a pobos e cidades non tan avanzadas do noso planeta, e isto é importante. Así que, en xeral, estamos a facelo moi ben, perdoen a miña falta de modestia.


    O PERFIL DO ESTUDANTE DE VETERINARIA

    Benedito alude á importancia que xogou para el dende o principio ter a sorte de contar cuns “bos mestres veterinarios que me ensinaron todos os seus coñecementos e me inculcaron o amor pola Veterinaria”. Agora, como profesor, recoñece que, aínda que o interese pola carreira segue vixente no alumnado, sinala que as motivacións cambiaron: “Hai quen quere estudar Veterinaria porque nas redes sociais están de moda os estudos con animais”, explica.

    Móstrase crítico cos intereses dos grupos empresariais pola apertura de facultades de veterinaria en universidades privadas: “Actualmente, das trece facultades que temos no país, hai tres que son privadas e antes da pandemia, en 2019, querían abrirse dúas máis: unha en Madrid e outra en Alacante. Isto é un erro que precariza a profesión. Tanto a apertura como o peche de facultades deben facerse de acordo con criterios totalmente profesionais, non políticos nin económicos”, puntualiza.

    Forma parte do cadro de profesorado da Facultade de Veterinaria de Lugo dende os seus inicios, no curso 1984/1985. Dende entón, o perfil do estudante de veterinaria cambiou: “Neses anos, a maioría do alumnado procedía de zonas rurais galegas. Na actualidade, gran parte do estudantado (que, por certo, está composto nun 80 % por mulleres) proceden de fóra de Galicia, e de zonas urbanas”. Isto ocasionou un cambio nas preferencias na Clínica de especies: “Agora prefírense os pequenos animais, como cans e gatos, e tamén vemos cada vez máis interese polos cabalos”.