O MAPA saca a consulta pública a modificación da normativa que regula os contratos no sector lácteo

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación publicou na súa páxina web a modificación da normativa que regula as condicións de contratación no sector lácteo a cal, a contar desde mañá, estará durante sete días (ata o 20 de xaneiro, inclusive) en proceso de audiencia e información pública.

A iniciativa ten por obxecto facilitar que os contratos de compra-venda de leite cru entre a industria e os produtores se axusten con rapidez aos incrementos nos custos de produción que de maneira sostida se veñen producindo nos últimos meses. Trátase de asegurar que os custos de produción repercutan de maneira equilibrada ao longo da cadea de valor do leite e dos produtos lácteos, sen que se produzan reducións de marxes nas granxas que poñan en perigo a súa viabilidade.

CAMBIOS DESTACADOS

Esta modificación introduce, entre outros aspectos, a prohibición da destrución de valor ao longo da cadea, polo que cada operador deberá pagar ao elo anterior un prezo igual ou superior ao custo asumido.

Así mesmo, os produtores con contratos subscritos a prezo fixo e de polo menos un ano de duración poderán solicitar á industria unha nova oferta de contrato, cando, como no momento actual, exista un incremento sostido e continuado dos custos durante polo menos 3 meses, que se traduzan en prezos polo leite entregado inferiores aos custos de produción durante ese período. O comprador estará obrigado a presentar a oferta nun prazo máximo dun mes para subscribir un contrato que respecte así o previsto na lei da cadea.

Do mesmo xeito, nos contratos con prezo variable, débese realizar un axuste que garanta que a evolución do prezo do contrato se acompase realmente coa realidade do mercado, moi en particular en relación coa evolución dos custos de produción que máis influencia teñen na formación do prezo.

Doutra banda, tamén se contemplan modificacións que pretenden mellorar tanto o poder negociador do produtor como as relacións contractuais establecidas. Por exemplo, diminúense os limiares produtivos necesarios para constituír unha Organización de Produtores tanto no vacún de leite como no caprino de leite, xa que se demostrou que un tamaño excesivo para constituír estas organizacións pode xerar dificultades de xestión e eficacia.