O MAPA abre a consulta pública dos reais decretos sobre a axuda básica á renda e a condicionalidade reforzada da PAC

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación inicia un procedemento de consulta pública dos proxectos dos reais decretos sobre a axuda básica á renda e a condicionalidade reforzada e social da Política Agraria Común (PAC) para o período 2023-2027. O prazo para o envío de observacións a ambos os textos finaliza o próximo 5 de agosto, inclusive.

O proxecto de real decreto sobre dereitos de axuda básica á renda para a sustentabilidade da PAC regula o apoio directo á renda dos agricultores e gandeiros. No ano 2023 esta axuda suporá o pago de máis de 2.450 millóns de euros e no ano 2027 alcanzará os 2.466 millóns de euros. No seu plan estratéxico, España propuxo que se continúe coa aplicación desta axuda en base a un modelo de rexionalización. Tamén se mantén a xestión en función de dereitos de pago. Así, as novas rexións establecidas para a axuda básica á renda terán un valor medio rexional en euros/hectárea, establecido na norma.

Doutra banda, a condicionalidade reforzada ten o seu punto de partida nas obrigacións da condicionalidade que se aplican no período actual para o cobro íntegro das axudas da PAC. Este proxecto de real decreto incorporou, en base á regulamentación comunitaria, novas normas de boas condicións agrarias e ambientais, que ata agora formaban parte do denominado pago verde, como o mantemento da porcentaxe de pastos, a rotación e diversificación de cultivos, o mantemento dunha porcentaxe de superficies non produtivas e a prohibición de reconversión dos pastos medioambientalmente sensibles.

Estas dúas normas inclúense dentro do paquete lexislativo que o ministerio puxo en marcha para a correcta execución desta nova política a partir do próximo ano, en base ao Plan Estratéxico Nacional da PAC remitido a Bruxelas, e que está en proceso de aprobación pola Comisión Europea.