O IRTA, a ANSES, NEIKER, a ENVT e a UAB presentan INNOTUB, un proxecto para combater a tuberculose animal

Crear e consolidar unha rede transfronteiriza multidisciplinar para reforzar vínculos e establecer sinerxías entre os diferentes actores implicados nos programas de control de tuberculose animal da rexión transpirenaica son algúns dos obxectivos centrais de INNOTUB. O proxecto está coordinado polo Centro de Investigación en Sanidade Animal (CReSA) do Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentarias (IRTA) e conta coa participación da Axencia Francesa para a Seguridade e Saúde Alimentaria, Ambiental e Ocupacional (ANSES), o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario (NEIKER), a Escola Nacional Veterinaria de Toulouse (ENVT) e a Universitat Autònoma de Barcelona (UAB).

Unha das misións principais da rede é afondar no coñecemento da enfermidade para identificar os factores de risco asociados á aparición de brotes na rexión, así como mellorar as probas de diagnóstico e avaliar posibles vacinas e outras ferramentas de control da enfermidade. Outro dos aspectos nos que traballará o proxecto é a mellora das medidas de bioseguridade nas granxas.

INNOTUB tamén promoverá accións de comunicación entre gandeiros e veterinarios que reforcen as actividades de control da tuberculose. Por exemplo, realizaranse programas de formación específicos entre as persoas implicadas nos programas de erradicación nos que de informarán os gandeiros sobre as medidas de prevención e detección da enfermidade. 

O proxecto terá unha duración de dous anos e medio e está financiado polo Programa INTERREG POCTEFA 2014-2020 (programa europeo de cooperación territorial creado para fomentar o desenvolvemento sustentable do territorio fronteirizo entre España, Francia e Andorra) e cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).