O Goberno modifica a normativa sobre a contratación no sector lácteo

O Consello de Ministros aprobou a modificación do Real Decreto 95/2019, de 1 de marzo, no que se establecen as condicións de contratación no sector lácteo e se regula o recoñecemento das organizacións de produtores e das organizacións interprofesionais no sector. Esta normativa ten como obxectivo garantir o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria para que en cada operación de compra e venda entre os distintos elos se repercutan os custos de produción.

Entre as principais novidades que se recollen no real decreto, inclúese a posibilidade de que os produtores con contratos subscritos a prezo fixo que teñan unha duración superior a seis meses soliciten unha nova oferta de contrato. Esta revisión poderá solicitarse nos casos nos que se demostre que, durante polo menos tres meses, no período de vixencia do contrato se produciu un incremento sostido e continuado dos custos de produción que provoque que os produtores acaben percibindo un prezo polo leite entregado inferior a estes.

Ademais, diminúense os limiares produtivos necesarios para constituír unha Organización de Produtores, tanto no leite de vacún como de caprino, xa que a experiencia adquirida desde a publicación da norma demostrou que un tamaño excesivo para constituír estas organizacións pode xerar dificultades na xestión e na eficacia das mesmas.