COAG presenta unha batería de denuncias contra cinco industrias lácteas por incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria

A Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) denunciou ante a AICA a cinco grandes empresas lácteas por diversos incumprimentos da Lei de Cadea Alimentaria. Nos contratos presentados obrígase aos gandeiros a recoñecer uns prezos por baixo de custos baixo ameaza de non recollida de leite, á vez que se introducen cláusulas que incumpren os prazos máximos de pago. Ademais, hai empresas que están a empezar a incluír cláusulas de confidencialidade nos seus contratos para evitar que os gandeiros acudan a organizacións agrarias como COAG para denunciar.

“As leis están para cumprilas e non se poden tolerar prácticas comerciais ilegais e abusivas que atentan de forma reiterada contra os gandeiros. Se se segue espremendo así ao produtor ímonos quedar sen granxas familiares. No último ano, 733 gandeiros víronse obrigados a botar o peche. Hoxe quedan apenas 12.500 gandeiros lácteos. A AICA ten que abrir unha investigación para evitar novos atropelos e garantir un prezo xusto para os gandeiros que lles permita vivir dignamente”, reclamou Andoni García, responsable de Mercados Agrarios de COAG.

A lei 3/2004 de medidas de loita contra a morosidade establece que os adiamentos de pago de produtos de alimentación frescos e dos perecedoiros non excederán en ningún caso de trinta días. Nos exemplos de contratos denunciados que se achegan (contrato 1), varias industrias lácteas especifican que se agruparán as facturas de todas as entregas de leite realizadas no período dun mes “x”e se abonarán por parte da empresa, antes do día 30 do mes “x + 1”. Por tanto, prodúcese un incumprimento da lei de morosidade en canto aos adiamentos de pago, que se pode sancionar a través da Lei de Cadea Alimentaria.

Na comunicación 2 que se adxunta pode observarse a presión que exerce a empresa sobre o seu subministrador con claro abuso de posición dominante na negociación sobre os termos do apartado j) do artigo 9.1 da lei 12/2013 de 2 de agosto de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria.