ENTREVISTA

C. Méndez: "A mellora xenética realizada en España fixo que nos valoren en todo o mundo"

A xerencia da Cooperativa Asturiana de Control Lechero (Ascol) quizais sexa o cargo máis importante dunha carreira na que Carlos Méndez fixo case de todo: controlador, cualificador, importador, xuíz... Non hai moita xente que poida falar con máis precisión ca el dos grandes avances do sector nas últimas décadas, posto que a maioría deles os viviu en primeira fila, tal e como nos contou nesta entrevista publicada en Vaca Pinta 19.

Como remata un químico no mundo da gandería de leite?

Sempre me apaixonou coñecer o porqué e o como das cousas, creo que grazas aos meus profesores e á miña familia, e iso foi o que me levou a estudar Ciencias Químicas, algo que gocei moito. Esta formación serviume ao longo da miña carreira, porque a química está vinculada a calquera proceso: a vida é pura química. Así que, sen dúbida, estes coñecementos me axudaron na miña outra vocación que, como sabedes, é a gandería de leite.

Durante anos traballou importando vacas. Canto influíron estes animais no noso rabaño?

Influíron moitísimo porque se importou moito. O nivel que había en España era moi baixo en xeral e necesitábanse xovencas para repoñer as campañas de saneamento e crecer.

En que momento diría que se produciu o boom das importacións?

A grande onda veu cando Europa estaba a tratar de especializar á frisona cara á produción de leite, a finais dos 70. Había unha subvención da Comunidade Económica Europea para os gandeiros europeos que vendesen as súas xovencas a terceiros países como, por exemplo, España naquel momento. Así foi como entraron moitos miles de xovencas frisonas no país. As ganderías con máis ollo apostaron por elas e, como os programas de selección de sementais españois non existían, importábase todo, xovencas e seme. Todo isto produciu unha mellora na cabana española, hai que recoñecelo. Despois, cando España entrou na Comunidade Económica Europea diminuíuse a importación ao incrementarse o custo en orixe. Tamén houbo algúns gandeiros españois que, como os europeos non lles vendían os seus mellores animais, optaron por importar do Canadá.


“Trátase de saber converter os desafíos en oportunidades e de pensar de forma global"

É vostede o xerente fundacional de Ascol, unha cooperativa recoñecida nacional e internacionalmente. Que se necesita para funcionar tan ben?

Na miña opinión, necesítase compromiso, traballo continuado, moita paixón, amor propio, empatía e rodearse dun bo equipo que continúe o labor e estea tamén comprometido. Ao final, trátase de saber converter os desafíos en oportunidades e de pensar de forma global. Hoxe, Ascol ten touros estabulados en 4 países (nos Estados Unidos, no Canadá, en Inglaterra e no centro de Cenero, en Asturias). Temos a sorte de que a raza é global e de que ten moitos individuos, polo que debemos pretender estar presentes onde xorden as mellores oportunidades para incorporar a mellor xenética da raza ao noso catálogo. Os nosos socios e clientes necesítano e meréceno.


ASÍ SE XESTOU A ASTURIANA DE CONTROL LECHERO

Méndez traballou durante varios anos para a empresa hispanoamericana Livestock Marketing Services importando xovencas do Canadá e de Italia e ofrecéndolles asesoramento os seus clientes. “Estas circunstancias fixéronme estar no momento axeitado no sitio correcto”, sinala el, referíndose ao tempo no que o conselleiro asturiano de Gandería, Jesús Arango, instou os gandeiros da comunidade a organizarse como asociación para facer que os programas de selección fosen testados por eles mesmos.

Un grupo conformado por presidentes de núcleos de control leiteiro asumiu este desafío e, con axuda da Administración, en decembro de 1986, tras a aprobación por parte de todos os socios, fíxose a Constitución da Asturiana de Control Lechero (Ascol) que, como o nome indica, se dedicaba a xestionar o control leiteiro, pero sempre tendo en conta que era unha ferramenta para o proceso de selección. “Naquel momento, propuxéronme encabezar o proxecto e foi unha honra que depositasen en min a súa confianza para levalo a cabo”, afirma Méndez.

Entre outras cousas, Ascol foi o primeiro centro español e o segundo europeo en ofrecer seme sexado, e tamén foron os primeiros en apostar pola xenómica no país.


Antes o control leiteiro estaba centralizado en Madrid. Como pasou a mans da cooperativa?

É certo, levábano os Censyra e estaba todo centralizado no servizo de informática do Ministerio en Madrid, pero iso facía que os resultados das lactacións chegasen moi tarde. Por iso, paralelamente á información que lles trasladabamos, fomos poñendo en marcha un programa informático de control leiteiro cunha base de datos potente, que cumprise a normativa e que xerase os informes que criamos necesarios.

Así, cando o Ministerio decidiu non seguir, utilizamos o programa que desenvolveramos e grazas ao cal non se perdeu nin un día de control. Desde entón, seguimos proporcionándolles os datos aos gandeiros e incorporáronse novas análises, como as de proteína e urea. Hai que ter en conta que, aínda que os sistemas automáticos de muxido nos dan a información básica sobre a calidade, non poden compararse co método analítico de laboratorio que achega o control leiteiro. Sobre todo en células somáticas, onde a precisión é básica para alcanzar os niveis esixidos pola industria.

Cando comezaron a levar o Libro Xenealóxico da raza en Asturias?

Empezamos anos despois da creación de Ascol, co desenvolvemento das autonomías. Tras a desaparición de ANFE, e coa creación de Conafe (que, por certo, xurdiu, entre outras cousas, para evitar que Cataluña e País Vasco xestionasen o seu libro de forma separada), houbo peticións dalgunhas autonomías para levar a xestión dos seus libros, sempre supervisados por Conafe e seguindo a súa normativa. Nós tamén nos unimos, non por necesidade, senón porque era a estrutura que había. Montamos Ascolaf (como cooperativa, Ascol non podía formar parte dunha confederación e, ademais, tiñamos, e temos, gandeiros doutras razas leiteiras) e nela inscribíronse todos os nosos gandeiros de frisona.

E que nos pode contar do Centro de Selección? Por que se creou?

O actual centro de selección, situando en Cenero (Xixón), é o resultado dun acordo entre o Principado, o concello de Xixón, as asociacións de razas autóctonas e Ascol. Isto permitiunos dispoñer dunhas instalacións novas, cómodas para os animais e moi funcionais. Creouse para testar touros que fosen propiedade dos gandeiros que os ían a probar, é dicir, de Ascol. Antes de empezar Ascol, dábase un paradoxo interesante porque España, un país medianamente desenvolvido, non tiña sementais testados, nin ningún programa de selección, entón era o paraíso para as casas de seme estranxeiras.

Cando arrincamos como Centro de Selección xa contabamos coa experiencia e a infraestrutura do centro de inseminación de Somio. Empezamos aos poucos, con axuda da Administración. Compramos touros vivos, fundamentalmente no Canadá e algún en Europa, e comezamos coas avaliacións xenéticas en España. Xa tiñamos todas as pezas do crebacabezas: libro, control leiteiro, cualificación morfolóxica… Podiamos empezar a facer as valoracións. Naquela época desenvolveuse o método de valoración Blup Modelo Animal que, aínda que ten as súas limitacións, foi un salto moi importante; e Conafe fixo a primeira valoración do mundo con este modelo. Tamén foi naquel momento cando Ascol comezou co seu programa de núcleo MOET aberto, importando embrións e producindo touros para a testaxe (estes touros levaban o prefixo “Tec” ou “Mono” no seu nome).


“Dáselle demasiada importancia á produción e descóidanse os caracteres que fan que as vacas duren”

Mentres que a maioría dos centros europeos seleccionan en función da produción, en Ascol dan moita importancia á morfoloxía. Por que?

En España creo que se lle deu demasiada importancia á produción e se descoidaron os caracteres que fan que as vacas duren. Isto débese, en boa parte, a que non se produciu a mellora necesaria en canto a morfoloxía. Se nos conformamos con vacas que fagan dúas lactacións de media non necesitamos unha gran morfoloxía porque case calquera tipo de patas e ubres van aguantar. Pero se queremos vacas que de media duren 5 lactacións imos necesitar que sexan máis funcionais, con máis capacidade corporal e máis solidez e, para iso, non vale só con darlle peso o carácter de lonxevidade, porque é pouco herdable.

O tipo de vaca que buscamos é aquela que fai 60.000 litros, producindo de media máis de 13.000 quilos por lactación, e cun consumo de concentrado que non supere de media os 7 quilos por día. Para isto, necesitamos vacas adultas sas e con gran capacidade dixestiva para transformar forraxes. Isto non significa non ter en conta a produción, senón que todos os caracteres importantes a mellorar deben estar presentes de forma balanceada na xenética, sobre todo a produción, a morfoloxía e a saúde. Esta filosofía é a que lle abriu a Ascol as portas aos mercados de Europa e Norteamérica e é a que nos transmiten os nosos clientes.

Méndez posa xunto a Juan Carlos Méndez con Quintana Melisa Grand, vaca gran campiona da Confrontación Europea de Bruselas 2004 (izq.) e cunha xata adquirida na Sale of Stars do Canadá (der.).

 

Se a morfoloxía é tan importante, por que só se cualifican unha vez?

Creo que é porque a captura dos seus datos é moi custosa, ese é o problema da morfoloxía. Tamén hai ganderías que fan peticións para recualificar só as mellores, entón os datos de recualificacións son parciais e por iso non se utilizan. O óptimo sería poder cualificar en todas as lactacións, igual que se fai co control leiteiro, porque se nos baseamos soamente en datos da primeira cualificación non sabemos como evolucionou o animal. En Asturias fixemos un estudo dos datos de cualificación e duración e vimos que a relación entre eles era moi alta.

Ascol desenvolveu SireScan, o primeiro programa de acoplamentos español. Como xurdiu a iniciativa?

Cando empecei, tiña que facer os acoplamentos a man, cos meus modelos, e iso requiría moito tempo. Por iso sempre tiven interese en crear unha ferramenta informática para mellorar o proceso. Deuse a casualidade de que Alberto Rodríguez, o fillo dun dos nosos gandeiros, estudaba informática e lle gustaban as vacas e, tras falar con el disto, terminou preparando como traballo de fin de carreira o primeiro programa de acoplamentos.

Uns anos despois puidemos incorporar a este mozo ao persoal de Ascol e metémonos a fondo no desenvolvemento do programa, e así foi como se creou o SireScan. Nós tiñamos intención de que seguise Conafe con el pero, como non se interesou polos programas de acoplamentos ata anos despois, encargámonos nós da súa xestión. Case todas as asociacións de España o utilizaron.

Cales eran as súas características?

As bases son as mesmas que as que ten o programa de Conafe hoxe, porque tampouco é que haxa outra forma de facelo, ata os nomes dos recursos son os mesmos, pero eles optaron por un sistema remoto no que cada usuario se conecta ao servidor central. Claro, naquel entón as liñas de alta velocidade apenas existían e tiñamos que ir instalando a aplicación nos computadores das asociacións e despois manténdoos actualizados a base de envío de arquivos.

Que pautas deben seguir os gandeiros á hora de seleccionar os sementais?

Primeiro, teñen que ter a convicción de que a selección de sementais é unha das súas tarefas máis importantes. Segundo, deben entender que eles son os propietarios dos seus negocios e, polo tanto, deben orientar a selección cara a onde consideren oportuno. Isto pode parecer unha parvada, pero ás veces hai demasiada xente ao redor dicíndoche que facer. Nós poderemos achegar o noso punto de vista, pero ten que ser o gandeiro o que tome as decisións sobre o seu negocio e o que aprenda a orientalo. Despois, a oferta é moi ampla e pódense servir dos programas de acoplamentos, como o de Ascol, o de Conafe ou o dairybulls.com, para elixir entre todos os touros que reúnan as características que busca.


“A selección de sementais é unha das tarefas máis importantes do gandeiro”

Como foi a evolución dos sementais españois?

Recordo que a primeira vez que acudín ao Centro de Inseminación Racial de Québec co meu amigo Moraga, en 1985, o director preguntoume que tiñamos en España e foi moi duro responder que practicamente nada. O exceso de paternalismo da Administración central que tiñamos entón limitou moitísimo o desenvolvemento... Coas autonomías, puxéronse en marcha varios programas de selección que produciron touros interesantes, os cales melloraron a cabana española de base. Despois, coa xenómica, o avance foi tremendo. O impacto que ten na propia cabana non se está vendo de todo aínda. A mellora xenética realizada en España foi espectacular e fixo que nos valoren en todo o mundo.

E en que mellorou Ascol en canto ao proceso de selección?

A finais dos 90 nós estabamos a probar uns 20 touros ao ano e, aínda que seleccionabamos por pedigree e por morfoloxía, faltábanos o que o ollo non vía, saber a xenómica dos touros e o que lle podían transmitir á súa descendencia. Hoxe en día, grazas á xenómica, selecciónanse máis sementais ao mes que antes nun ano. Concretamente, en Ascol faise a testaxe xenómica na base de datos norteamericana e na europea para tentar ter unha maior garantía de que os resultados van ser bos e facilitarlle así ao gandeiro facer comparacións entre sementais.

Que touros de Ascol destacaría vostede?

Eu sempre me acordo do primeiro touro do que me chegaron bos comentarios dos gandeiros. Foi a finais dos 80 e o exemplar chamábase Wyatt. Despois viñeron moitos outros destacables como Onassis, Valdes, Belmont, Megano, Alino...

Máis recentemente, a grande alegría foi cando as fillas de Yorick fixeron que o touro se situase como número 1 en tipo no Canadá, con proba de descendencia. Iso era algo case impensable para nós anos atrás e foi un apoio moi importante. Tivo fillas campionas en concursos europeos, en Australia, en México, nos Estados Unidos… Iso fai que a xente se pregunte en que centro está ese touro e vaiche abrindo camiño. O mesmo nos ocorre agora coas fillas de Emilio e de Jacot Red. Ao final, comprar seme é un acto de fe, porque hai que esperar tres anos para ver os primeiros froitos, e poder predicar con resultados é o máis importante.

Emilio é un dos touros de Ascol máis destacados dos últimos tempos

 

A nivel mundial, que sementais foron máis importantes para a mellora da raza?

A min tocoume vivir, cando empezaba a cualificar, a influencia de Elevation, e tamén destacaban Valiant, Triple Threat, Blackstar, Chief Mark... pero o touro que máis me sorprendeu foi Starbuck, un dos últimos fillos de Elevation e que despois nos deu a Aerostar. Funo ver unha vez a Québec e realmente era algo distinto. Xa era maior, estaba moi cano, pero tiña unha altura do terzo anterior, unha angulosidade, unha fineza de óso… era impresionante. Tamén houbo un touro en Europa chamado Besne Buck, un fillo de Starbuck que para min foi pouco aproveitado e que daba unhas vacas moi boas.

En canto a vacas, cal nomearía como sobresaliente?

Nos Estados Unidos e no Canadá atopeime con vacas cun gran tamaño e unha gran capacidade. Grandes campionas con puntuacións de máis de 92 puntos, fillas de No-Na-Me Fond Matt, de Elevation, de Valiant… Pero as vacas que quizais máis me chamaron a atención foron aquelas que transmiten moito á súa descendencia, que tiveron moitos fillos en centros de inseminación e cuxa xenética chegou a todo o mundo. Neste sentido, eu creo que a Laurie Sheik, de Comestar, foi a vaca que máis impacto positivo produciu na raza.

E que hai das reprodutoras españolas?

Conafe ten unha colección das fotografías das campionas de concursos onde, nun golpe de vista, se ve a evolución das mellores vacas españolas. Nas últimas edicións, os nosos exemplares poderían gañar, e así o fixeron, confrontacións europeas, e tamén quedar en postos altos en calquera concurso norteamericano. Lembro unha das primeiras fillas de Marquis King nacida en El Parral, que foi campiona en Avilés en 1980 e se chamaba Par Nena Marquis King. Era unha vaca sólida, potente e cun ubre tremendamente ben inserido, había poucas vacas así daquela.

Tamén houbo outras que lles deron moito a determinadas granxas, como a Blackstar da gandería Badiola, que foi a orixe de moitas campionas nacionais. Viña Tempo Alhambra foi subcampiona europea cando se fixo a Confrontación en Barcelona e, nos seus tempos, era con diferenza o mellor animal que tiñamos en España. Así mesmo, tivemos a Quintana Melisa Grand, que fixo unha carreira espectacular: foi campiona de Asturias e campiona nacional en Silleda 99; vendeuse a Irlanda, onde foi tamén campiona nacional e, máis tarde, participou na Confrontación Europea en Bruxelas e saíu elixida mellor vaca de Europa. Tampouco me podo esquecer da Lulu de El Obispo, da Goldwin Ariel, da Letizia de Venturo, nin da Pacho Telva de Badiola, que teñen a miña maior admiración.

Durante a celebración do I Open Holstein Ascol en 1999

 

É evidente que é un gran seguidor dos concursos morfolóxicos. Como cambiaron estes certames?

Cando comezaron os concursos en España había moita participación e moitos máis espectadores, en parte porque no sector había moitos máis gandeiros. Recordo que no Open de Asturias chegaron a participar 300 animais, cando agora custa chegar ata os 130 nun nacional. Isto tamén é debido a unha maior profesionalización dos preparadores e dos gandeiros, que saben cales son os animais que teñen posibilidades de quedar ben situados e iso fai que a selección en granxa sexa moito mellor.

É unha tendencia a nivel mundial: fóra de certames como a Dairy Expo de Madison e a Royal Winter Fair no Canadá, nos que participan varias razas leiteiras, hoxe o normal é ver pouco público, poucas cabezas e un nivel altísimo tanto dos animais como dos preparadores.

Son hoxe maiores as esixencias dos xuíces?

Os xuíces tamén evolucionaron, claro. Están moi preparados, teñen moita experiencia e saben perfectamente identificar aqueles animais máis destacados. Cando escoitas as opinións de varios deles, dáste conta de que coinciden na maioría dos postos, aínda que iso non quita que poida haber posicións moi parellas que son difíciles de colocar. O que non cambiou é o prototipo ideal de vaca.


“Espero que as poboacións de referencia se unan e apliquen a mesma metodoloxía. é unha utopía? seguramente, pero é polo que paga a pena esforzarse”

Como xurdiu o Open de Asturias?

Isto vai unido á historia do Concurso Nacional que, nos seus inicios nos anos 80, foi itinerante. Pouco despois, comezou a celebrarse cada dous anos en Xixón porque reunía unha serie de características moi apropiadas para iso (as outras tres rexións máis gandeiras, Galicia, Cantabria e Castela e León, están preto; ten unha boa sede para celebralo na propia cidade e, ademais, o Concello, o Principado, a Cámara de Comercio e Ascol sempre o patrocinamos ao 100 %) pero, en 1999, por un problema de coordinación de datas con Conafe, modificouse a sede.

Nós, para evitar que a descontinuidade provocase que perdésemos os apoios, montamos, nunha data distinta, o Open Holstein de Ascol, no que se aceptaban animais que non nacesen en España. Tivo moi boa acollida e seguímolo organizando un par de anos máis ata que, en 2002, Conafe estivo de acordo en que o sitio que reunía as mellores condicións e facilitaba a organización era Xixón. Entón decidimos deixar de celebrar o Open e destinar todos os recursos dos que dispoñiamos ao Nacional.

Que valoración fai do desenvolvemento da cabana española?

Desde o meu punto de vista, melloramos moitísimo a produtividade: estamos a ocupar as primeiras posicións no ranking mundial. En canto a morfoloxía funcional non se mellorou tanto, desgraciadamente: hoxe deberiamos estar xa en 83 puntos de media en primeiro parto.

Entón a morfoloxía é algo no que hai que seguir mellorando?

Si. Sobre todo, nos caracteres morfolóxicos e en saúde. Tamén hai un carácter que aínda non temos medido e que, polo tanto, non podemos mellorar, que creo que terminará por substituír á produción: a eficiencia alimentaria, é dicir, a capacidade de aproveitamento da ración.

E cales deben ser os próximos pasos para seguir á vangarda?

Hai que sacar máis información da xenómica: estamos a ver só a punta do iceberg e hai moitísimo máis que aproveitar. Espero que as poboacións de referencia, fundamentalmente a europea e a norteamericana, se unan e apliquen a mesma metodoloxía de valoración. É unha utopía? Seguramente, pero é polo que merece a pena esforzarse, porque cando os intereses económicos prevalecen sobre a ciencia as cousas non van por bo camiño. Epixenética e proteinómica. Penso que esas serán as próximas áreas que se engadirán á selección.


HOME MULTITAREA DENTRO DO SECTOR

A primeira vinculación de Carlos co mundo da selección foi con 17 anos, axudándolle ao seu irmán, un dos primeiros controladores leiteiros de Asturias, a seleccionar os animais para o Concurso Exposición de Navia. “Tamén por aquel entón caeu nas miñas mans o primeiro número de Frisona Española de ANFE, que me descubriu o mundo da selección o cal, malia ter vacas na nosa familia, eu descoñecía”, lembra.

Pouco despois de acabar a carreira de Ciencias Químicas, mentres traballaba no laboratorio leiteiro de Reny Picot e facendo o control leiteiro da zona, presentouse a un proceso de selección do que saíu elixido como un dos tres primeiros cualificadores do país.

Tamén participou en numerosas escolas de xuíces e é un grande entusiasta dos certames frisóns, nos que asumiu a tarefa de xuíz en máis dunha ocasión: “Xulguei a primeira edición da Moexmu de Muimenta, que lembro con agarimo, e algúns outros, pero nunca foi a miña tarefa principal como cualificador, porque o que queriamos era formar gandeiros como xuíces, como ocorría xa noutros países”, aclara.