Aprobado un real decreto para dispoñer de máis información sobre o sector lácteo

O Consello de Ministros aprobou un real decreto que modificará o Real Decreto 319/2015 co obxectivo de incrementar a información actualmente fornecida polos primeiros compradores de leite. A base da nova norma é o Regulamento de Execución (UE) 2019/1746 da Comisión, coñecido como Regulamento de Transparencia, que inclúe novas obrigacións de subministración de información para os operadores dos diferentes sectores agroalimentarios e para as autoridades dos Estados membros.

No caso do sector do leite cru de vaca, súmanse, ás que xa existen na actualidade, novas comunicacións que deben realizar os axentes, como son a súa composición en materia graxa e proteína, a produción de leite cru ecolóxico e o prezo deste. Esta nova información deberá ser incluída polos primeiros compradores de leite na base de datos do sistema unificado de información do sector lácteo, INFOLAC, na próxima declaración do mes de febreiro.

ORIXE DO LEITE

O real decreto aprobado tamén inclúe unha disposición adicional para prorrogar a vixencia da normativa de indicación obrigatoria da orixe do leite utilizado como ingrediente na etiquetaxe do leite e dos produtos lácteos.