Alberto Álvarez Rodríguez, novo presidente de Central Lechera Asturiana

A Asemblea de Central Lechera Asturiana SAT elixiu onte a Alberto Álvarez Rodríguez (gandeiro titular da Ganadería La Soledad SC, situada en Santullano, de Tineo) como novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT para os próximos seis anos.

Dos 92 compromisarios asistentes á Asemblea, 90 votaron a favor da súa candidatura, única presentada para relevar ao actual presidente de Central Lechera Asturiana SAT, Bertino Velasco, tras case trece anos de mandato.

Alberto Álvarez, novo presidente de Central Lechera Asturiana SAT, é enxeñeiro de montes e ata o de agora era membro da Xunta Reitora de Central Lechera Asturiana SAT e conselleiro de CAPSA, cargos que combinaba co traballo na súa gandería.  

En palabras de Alberto Álvarez: “Asumo a responsabilidade dunha sociedade vital para os socios, a gandería, o medio rural e para o conxunto da economía asturiana con gran ilusión e co compromiso de pór toda a miña dedicación, esforzo e traballo para facer crecer este gran proxecto e así continuar garantindo o futuro e a sustentabilidade dos nosos gandeiros. Quero que todos os socios se mostren orgullosos tanto da actividade que desenvolven como da sociedade á que pertencen e que xuntos a través da unidade e a confianza podamos consolidar o proxecto de Central Lechera Asturiana SAT”.

Ademais do presidente, durante a Asemblea e dando cumprimento aos Estatutos de Central Lechera Asturiana SAT, tamén se renovaron 5 vogais da Xunta Reitora, dos cales 4 representan aos socios activos e un aos excedentes.

En representación dos socios activos foron elixidos Guillermo Castaño Rodríguez (68 votos), Ganadería Quevedo SC (61 votos), Ganadería Diplomada Badiola (58 votos) e Javier Marcos Marcos (56 votos), mentres que en representación dos socios excedentes o membro elixido foi José Antonio Pérez Sánchez (69 votos).

Nesta Asemblea tamén foron elixidos dous membros da Comisión de Control de Central Lechera Asturiana SAT: Francisco González Sela e Ganadería La Pienda SC.

Nos próximos días, terá lugar a sesión constitutiva da nova Xunta Reitora, que elixirá o vicepresidente e o secretario xeral de Central Lechera Asturiana SAT de entre os seus 11 vogais.