Agromuralla solicita unha liña de axudas que lles permita aos gandeiros adaptarse á nova normativa sobre aplicación de xurros

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla esíxelles tanto ao Ministerio de Agricultura como á Consellería do Medio Rural unha "clarificación urxente" da normativa que regulará a aplicación do xurro e o esterco nos vindeiros anos e "axudas específicas directas" que lle permitan ao sector adaptarse á nova regulación sen que os custos aparellados que trae consigo o seu cumprimento supoñan "unha perda de rendibilidade inasumible para a maioría das explotacións". 

"Anunciouse por parte da Administración que tanto o Real Decreto estatal que prohíbe a aplicación do xurro tal como o viñamos facendo ata agora as ganderías, así como a Lei galega de xestión integral de xurros entrarían en vigor en 2021. Atopámonos a poucas semanas desa data sen que, a día de hoxe, existan certezas de ningún tipo ao respecto, un feito que preocupa o sector polos elevados custos que orixinaría o cumprimento da nova normativa nas explotacións", denuncia o presidente de Agromuralla, Roberto López.  

Custos de entre 9.000 e 120.000 euros por explotación

Desde Agromuralla explican que a entrada en vigor da nova normativa estatal que prohíbe botar o xurro cos actuais sistemas de prato ou abano obrigaría a adaptar ou substituír as máis de 20.000 cisternas que hai neste momento en Galicia, unha obriga que lle afectaría tanto ao sector de vacún de carne como ao de leite, pero que "castigaría especialmente ás 7.000 explotacións que hai producindo leite neste momento en Galicia".

Segundo aseguran no seu comunicado, o custo de adaptación das cisternas actuais aos novos sistemas de aplicación permitidos, mediante tubos colgantes ou inxección na terra, oscilaría entre os 9.000 e os 18.000 euros, en función da marca e a capacidade da cisterna, pero, no caso de que a súa adaptación non fose viable tecnicamente, obrigaría á adquisición dunha nova cun custo que está entre os 30.000 e os 120.000 euros, dependendo do modelo, uns equipos, ademais, que se están a encarecer por mor do aumento da demanda no mercado e a limitada oferta que hai a día de hoxe. 

Unha norma que non se adapta á realidade galega 

Agromuralla reclama unha "flexibilización" do proxecto de Real Decreto de Nutrición Sostible en Solos Agrarios presentado polo Ministerio de Agricultura a finais do pasado mes de setembro e que se atopa en fase de resolución de alegacións, por "non ter en conta a realidade e o modelo de produción que se dá en Galicia". "O minifundio e a orografía de moitas zonas produtoras de leite condiciona de maneira significativa en Galicia as posibilidades de aplicar o xurro mediante sistemas de tubos colgantes ou inxectores, un método inviable, por exemplo, en terreos de moita pendente ou en solos pedregosos", argumenta o presidente de Agromuralla, que lembra que Galicia concentra o 40 % da produción leiteira española, polo que a entrada en vigor da nova normativa podería "poñer en risco" un sector estratéxico na nosa comunidade.