Agromuralla denuncia estratexia das industrias lácteas para empeorar as condicións de recollida ás explotacións

A asociación de gandeiros e gandeiras Agromuralla denuncia que as industrias lácteas que operan en Galicia están a seguir unha mesma estratexia premeditada que está a supoñer un empeoramento xeralizado das condicións de recollida do leite nas explotacións. 

Segundo sinalou o presidente da asociación, Roberto López, "estanse a producir baixadas de prezos nos contratos que tocaba renovar a 31 de xuño e mesmo modificacións á baixa tamén en contratos asinados meses atrás e xa en vigor".

Para Agromuralla, as empresas estanse a valer dunha serie de desculpas para empeorar as condicións aos produtores. "Primeiro foi o coronavirus e agora a adaptación á última modificación da Lei da Cadea Alimentaria, que obriga a que os prezos en orixe pagados aos produtores cubran os custos de produción. Coa desculpa da necesaria adaptación dos contratos a esa nova cláusula, as empresas están a aproveitar para revisar outras condicións que nada teñen que ver con esa circunstancia", alerta López. 

A cláusula da Lei da Cadea que obriga a cubrir, canto menos, os custos de produción, está pensada para salvagardar uns ingresos dignos aos produtores. “Porén, non se está a cumprir porque as industrias lle deron a volta ao sentido da norma e trasladan esa responsabilidade aos propios gandeiros, facéndolles asinar contratos nos que se di que o prezo que lles pagan cubre eses custos", explican os voceiros de Agromuralla.

Para esta asociación de gandeiros, "estas prácticas vulneran claramente o espírito da última modificación da Lei da Cadea e son consecuencia dun cambio normativo mal executado, pois o Ministerio incluíu na lexislación a cláusula dos custos de produción sen determinar como se teñen que calcular, o que dá pé a unha interpretación subxectiva da norma". 

Así, Agromuralla solicita ás distintas administracións con competencias na materia, tanto a galegas como a estatais, "vixiar e poñer coto a esta utilización perversa da Lei da Cadea".