AgroMar, asociación catalizadora do novo talento investigador do Campus de Lugo

Unidos polo interese compartido de achegar coñecemento e solucións aos problemas cotiás, os investigadores aliñados na asociación AgroMar do Campus Terra da USC abogan por aspectos como o One Health, o benestar animal ou a produción sustentable. A defensa dos intereses do colectivo investigador, que na actualidade se ve sensiblemente afectado pola falta de apoios e recursos, é outro dos cometidos prioritarios de Agromar.

Apoiados nunha traxectoria que supera xa os seis anos, un período no que a asociación tratou de potenciar o xermolo da I+D+i na sede universitaria luguesa a través de diversas actividades de divulgación e formación científica e profesional, os proxectos e os primeiros resultados do labor realizado desde AgroMar repercuten tamén na mellora da biodiversidade.


AgroMar aboga por aspectos como o One Health, o benestar animal ou a produción sustentable

Liñas de investigación

Entre as vías de traballo do grupo atópanse a mellora do benestar do gando vacún mediante a análise dos protocolos en granxa, o estudo e a descrición do sistema vomeronasal dos animais exóticos e nos segredos e particularidades que agochan as feromonas que interveñen nos procesos de comunicación química, a optimización da fase crítica e o cultivo do mexillón de río, a comunicación química en coellos e o estudo do sistema vomeronasal dos cánidos salvaxes e domésticos para coñecer os efectos do proceso de domesticación no comportamento destes animais.

Tamén están a colaborar coa Xunta de Galicia e a UVigo na creación da rede de vixilancia galega Regavivec, están estudando os paranfistómidos e a mellora da seguridade alimentaria e, no ámbito da enxeñaría, tratan de innovar no sector toneleiro coa parametrización e modelización de barricas cun deseño óptimo e traballan no efecto da avespa velutina sobre a saúde das poboacións autóctonas doutros himenópteros como as abellas do mel.