Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria

Aira inviste máis de 1,5 millóns de euros en renovar e ampliar o seu parque de maquinaria
  • A compra permítelle incrementar os servizos ós socios ó aumentar as máquinas dispoñibles e supón a contratación de 8 persoas.
  • Coa operación tamén se crean dous novos puntos con cadanseu equipo básico de maquinaria en Sarria e Guntín e aumentarán as prestacións para Silleda.

A cooperativa agrogandeira Aira, con sede central en Taboada (Lugo), acaba de pechar a compra dun lote de maquinaria co que busca renovar e ampliar o seu parque. A operación permitirá ademais incrementar os servizos ós socios coa creación de dous novos puntos con equipos básicos de maquinaria fixa en Sarria e Guntín.

A compra da maquinaria, que comezou a fraguarse a finais do pasado ano, supón un investimento de máis de 1,5 millóns de euros. A cooperativa adquiriu un lote de equipos entre os que se inclúen oito segadoras, delas unha segadora autopropulsada e dúas mariposas, unha colleitadora modelo Claas 970 de 10 filas, dúas colleitadoras Claas 960 de 8 filas, oito tractores  10 remolques. No conxunto tamén se inclúe outra maquinaria coma arados e sementadoras, que contribúe a mellorar as prestacións do parque.

“A compra pretende reforzar o parque de maquinaria que temos a día de hoxe [tanto en Chantada coma en Pol] e permitiranos tamén mellorar os servizos que ofrecemos ó socio ó poder establecer dous novos puntos con maquinaria fixa en Sarria e Guntín e incrementar as prestacións para a comarca do Deza, ó dispoñer de máis maquinaria na delegación de Aira en Silleda”, explica José Enrique Otero Díaz, director de Subministros e Servizos na cooperativa. Tanto o parque de Sarria coma o de Guntín contarán xa nesta campaña de ensilado de herba cun equipo fixo integrado por unha colleitadora, tres tractores e outros tantos remolques.

Máis información