Agroamb gaña o Premio Europeo do Medio Ambiente á Empresa

  • A empresa luguesa obtivo o galardón dentro da sección española dos premios que outorga a Comisión Europea a aquelas iniciativas que mellor concilian a viabilidade económica dos seus proxectos coa protección do medio ambiente.
  • CEO da compañía, Severiano Ónega Ares, recoñecía tras a cerimonia presidida pola SM o Rei Felipe VI que “este tipo de distincións supoñen un enorme impulso para seguir soñando con cambiar o mundo dende a Terra Chá”.
  • As boas prácticas do grupo, con sede en Castro de Rei, xa lle permitiron acadar recoñecementos nos Premios EMAS, Pyme, Somos Paisaxe e Aresa.

A empresa luguesa Agroamb obtivo onte o Premio Europeo do Medio Ambiente á Empresa (EBAE) na categoría ‘Proceso para o desenvolvemento sostible’. A firma, radicada en Castro de Rei, fíxose con esta distinción que outorga a Fundación Biodiversidade na sección española dos galardóns que concede a Comisión Europea. O certame subliña o valor de aquelas compañías que combinan con éxito a viabilidade económica dos seus proxectos coa protección do medio ambiente.

O CEO de Agroamb, Severiano Ónega Ares, recolleu o premio nunha cerimonia presidida pola SM o Rei Felipe VI e a ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, onte en Madrid. Unha vez finalizada a entrega, o responsable da compañía recoñecía que “este tipo de distincións supoñen un enorme impulso para seguir soñando con cambiar o mundo dende a Terra Chá”. O xurado dos Premios EBAE puxo en valor o proceso de valorización de residuos agroalimentarios que leva a cabo Agroamb para transformalos en fertilizantes organominerais de uso agrícola e forestal.

A sección española dos Premios EBAE, que coordina a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu un total de 115 candidaturas procedentes de 16 comunidades autónomas, das que o xurado seleccionou as 10 iniciativas gañadoras e as 15 merecedoras dun accésit nas cinco diferentes categorías: Xestión, Produto/Servizo, Proceso, Cooperación empresarial internacional e Empresa e Biodiversidade. Á vez, cada categoría estaba dividida nun galardón para Grandes Empresas e noutro para Pequenas e Micro Empresas.

Recoñecemento ás boas prácticas

Este nomeamento non é o primeiro a nivel europeo que recoñece as boas prácticas en materia medioambiental e de sostibilidade do grupo. De feito, hai só medio ano, Agroamb xa se consolidara como unha referencia internacional nos Premios EMAS, que tamén concede a Comisión Europea, nos que fora finalista na categoría de pequena empresa privada. Este galardón premia as mellores prácticas daquelas empresas que contan coa certificación EMAS, que outorga este órgano europeo de acordo coa súa regulamentación propia en relación aos Sistemas de Xestión Ambiental.

Previamente, o modelo da empresa con corazón na Terra Chá fora recoñecido a nivel nacional e autonómico con distincións como o XIII Premio Pyme, na categoría de medio ambiente; o XVI Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, ou cunha mención especial nos Premios Somos Paisaxe.

Más información na nota de prensa emitida pola compañía