CLUN: JOSÉ ÁNGEL BLANCO (PRESIDENTE)

“Sen máscaras pódese vivir, pero sen leite, sen carne e sen horta, non. Por iso é o momento de dicirlle á xente que compre produtos de aquí”

Desde a cooperativa temos as dúas visións. Por unha banda, no campo a crise afectounos pouco e os servizos que a cooperativa lles presta aos gandeiros mantivéronse. Os veterinarios, os podólogos e os agrónomos extremaron as medidas de seguridade, pero continuaron facendo o seu traballo. É certo que na primeira semana se deu algún caso illado de gandeiros reticentes ás visitas, pero a partir da terceira a situación normalizouse. En canto á prestación de servizos agrícolas máis do mesmo, porque as actividades do campo hai que facelas cando toca, así que se trata de manter as distancias, de desinfectar...

Por outra banda, os servizos de oficina (seguros, asesoramento etc.) si se reduciron ao mínimo e o groso do traballo administrativo fíxose desde a casa. Neste sentido, recomendámoslles aos gandeiros concertar citas para evitar que viñesen á cooperativa e non estivese a persoa que os tería que atender e tamén para evitar aglomeracións.

As tendas agrarias estiveron sempre abertas, pero igualmente lles insistmos aos socios que chamasen antes de ir para terlles os paquetes preparados e nalgún caso mesmo se fixo repartición a domicilio.

Respecto da actividade nas fábricas de penso, de leite, de iogures e de queixos, o que se fixo foi modificar os horarios, de forma que nas quendas non se atopen uns con outros. Ademais, as empresas de limpeza agora non só limpan, senón que tamén desinfectan.

En canto ao consumo, nas primeiras semanas incrementouse moito a demanda tanto de leite coma de iogures, co cal houbo que reforzar a produción, pero a partir da terceira semana a situación normalizouse. No noso caso, a venda dos nosos produtos está no mesmo nivel que antes do inicio desta crise. Poderiamos falar dunha variación mínima dun 1-2 %, polo incremento do consumo nos supermercados, pero a ese incremento hai que restarlle a cancelación do da restauración e da hostalería.

O que si nos está facendo moito dano son as cisternas que entran doutros países a prezos irrisorios, xa que nós lles temos que mercar o produto aos nosos socios e pagárllelo máis caro, mentres que a xente que compra esas cisternas e transforma aquí o leite logo vai con eses produtos aos lineais dos supermercados cuns prezos moi baixos e ponnos ao resto nunha situación moi complicada.

Para finalizar, gustaríame facer un chamamento á poboación: sen máscaras pódese vivir, pero sen leite, sen carne e sen horta, non. Por iso é o momento de dicirlle á xente que compre produtos de aquí. No caso do leite temos a marca Galega 100 %, que acredita que é leite producido aquí, dos nosos gandeiros.


LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE