Novo acordo entre CLUN e a Xunta en apoio a grupo ‘Mulleres de Seu’

Novo acordo entre CLUN e a Xunta en apoio a grupo ‘Mulleres de Seu’

O grupo para o empoderamento da muller no rural de Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN), Mulleres de Seu, acaba de dar un paso máis para poñer en valor o seu traballo. CLUN e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia veñen de asinar un acordo que beneficiará ás máis de 450 socias da asociación e que inclúe, entre outras, o acceso a formación de alta cualificación dentro do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres 2017-2020 e a difusión, colaboración e asesoramento en cuestións de igualdade da man do departamento da Xunta.

Na firma do convenio estiveron presentes o presidente de CLUN, José Ángel Blanco, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella.

Este acordo segue a estela doutras iniciativas xa levadas a cabo pola empresa láctea e a administración pública galega co fin de promover programas de igualdade, facilitar a conciliación laboral coa familiar e poñer en valor o papel da muller tanto no agro como nas institucións sociais.