Medio Rural convoca axudas para o subministro de leite líquido nos colexios durante o vindeiro curso escolar

Medio Rural convoca axudas para o subministro de leite líquido nos colexios durante o vindeiro curso escolar

A Consellería do Medio Rural incrementa un 52 % o orzamento das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares para o curso 2018/2019 con respecto á convocatoria pasada, chegando a un total de 1,5 millóns de euros. Así o recolle hoxe o Diario Oficial de Galicia, que publica a orde destas achegas, as cales están financiadas ao 100 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).

Esta orde permite aos centros escolares adquirir e repartir entre o seu alumnado de infantil, primaria e secundaria froita fresca, castañas e leite líquido. A entrega destes alimentos farase por períodos de 10 días lectivos consecutivos, mentres que no caso do leite líquido -e as súas versións sen lactosa- levarase a cabo durante un mínimo de 20 días lectivos consecutivos e un máximo de 60. Os períodos de repartición autorizados serán de novembro de 2018 a febreiro de 2019 ou de marzo a xuño de 2019.

Os centros solicitantes que queiran participar neste programa escolar teñen de prazo un mes, a partir de mañá, para presentar electronicamente o correspondente formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia: https://sede.xunta.gal