Estes son os novos protocolos que terán que cumprir os mercados de gando a partir de mañá

Este sábado, os mercados de gando da comunidade galega volverán abrir as súas portas, pero deberano facer seguindo una serie de novas normas e protocolos co obxectivo de garantir a seguridade de todos os participantes.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se da por rematada a suspensión destas feiras en toda Galicia e na que, así mesmo, se establecen esta serie de requisitos, que se suman aos xa existentes no relativo á normativa de sanidade animal e ás competencias que correspondan aos concellos.

 

NORMAS PARA OS PARTICIPANTES

Nos mercados gandeiros que se celebren mentres continúe vixente o estado de alarma só poderán participar as persoas que vaian efectuar operacións de compravenda ou transporte. Para acreditarse, á súa entrada no recinto, e dentro do horario establecido, os operadores comerciais presentarán o correspondente carné, os transportistas, a autorización administrativa pertinente, e os gandeiros, o documento de cualificación sanitaria da súa explotación, o libro de explotación ou calquera outro documento que identifique a súa actividade.

Para evitar a confluencia de persoas, as operacións de carga e descarga de gando deberanse realizar de xeito gradual e a entrada ás dependencias veterinarias farase individualmente. A inspección veterinaria do gando realizarase nas condicións que establezan os Servizos Veterinarios Oficiais, a ser posible sen a presenza de usuarios.

A maiores, todas as persoas deberán portar máscara dentro do recinto e manter unha distancia interpersoal de aproximadamente dous metros. Nas zonas de acceso e naquelas con maior presenza de xente, a entidade organizadora colocará ademais dispensadores de solución hidroalcólica a disposición dos participantes no mercado, así como xabón e toallas desbotables nos aseos.

 

REQUISITOS PARA OS RECINTOS

Cando sexa posible, para facer efectivas as transaccións comerciais e nas zonas de atención aos usuarios da oficina veterinaria e de entrega e recollida de documentación habilitaranse espazos con mesas dotadas de mamparas ou outros elementos que aseguren o distanciamento entre os operadores. Así mesmo, nos casos no que se poida, habilitaranse distintos puntos de entrada e saída para os usuarios e, de existir edificio administrativo no mercado, a entidade organizadora regulará o seu aforo e nas zonas de maior confluencia poderá definir sentidos de circulación.

Sempre que non afecte ao benestar dos animais, durante a celebración do mercado as portas do recinto permanecerán abertas para favorecer a ventilación e evitar o contacto reiterado das persoas con manetas ou pomos e, unha vez finalizada a feira, a entidade organizadora procederá á desinfección das instalacións, para o que se empregarán dilucións de lixivia ou calquera outro composto virucida autorizado.


LER: Resolución completa publicada en el Diario Oficial de Galicia