O MAPA publica na súa web o estudo de Equivalentes Leite elaborado polo CETAL

O estudo publícase tras a súa presentación á Interprofesional Láctea o pasado 11 de setembro na sede do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación en Madrid.

A conversión dos produtos lácteos no seu equivalente leite resulta de gran utilidade para estimar o consumo aparente de leite de vaca en España, para ponderar adecuadamente a realidade da estrutura da produción industrial do noso país e para establecer análises comparadas coa súa contorna competitiva. Tamén é útil para valorar, na análise da cadea de valor do leite, a evolución dos índices de prezos na distribución con base no conxunto de produtos lácteos.

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) encargoulle ao Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (CETAL) a elaboración dunha metodoloxía de cálculo que puidese ser utilizada polo conxunto do sector. Unha vez testada e verificada a súa capacidade de xerar unha imaxe fiel dos distintos parámetros do sector lácteo nos que sería de aplicación, o MAPA incorporouna ao seu sistema de cálculo de Equivalentes Leite nos seus informes mensuais: “Informe de Conxuntura do Sector Vacún de Leite” e “Panel de Situación do Sector Lácteo en España”.

Aínda que existen numerosas táboas, en ocasións contraditorias, de coeficientes Equivalente Leite, resulta unha práctica común a presentación de datos Equivalente Leite sen especificación dos coeficientes utilizados, ou no seu caso da metodoloxía seguida para a súa obtención.  O estudo elaborado polo CETAL permite xerar unha táboa dinámica de Equivalentes Leite en base ao Extracto Seco Útil (ESU) do leite dispoñible para a industria en cada período mensual e iso en base a unha metodoloxía na que cada tipoloxía de produto lácteo ten asignado un ESU resultante da ponderación das distintas subtipologías e as súas cotas de participación no grupo.

Tras a presentación a INLAC do estudo o pasado 11 de setembro, os representantes do sector vacún leiteiro solicitaron que o documento e a ferramenta de cálculo en formato Excel estivesen publicados na web do MAPA. A información está xa dispoñible nesta ligazón.