O Cetal demostra a importancia da dixitalización dos tanques de frío no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite

O Cetal, en colaboración con As Vacas da Ulloa, PSVet Dairy Quality, 2xMil e Data Monitoring, celebrou hoxe a xornada de presentación de resultados do proxecto "Control de procesos usando tecnoloxías de internet para a conservación do leite nas explotacións gandeiras". O evento espertou un grande interese entre os profesionais e empresas do sector lácteo, que encheron o salón de actos do Cetal.

A xornada comezou coa presentación do acto por parte do director xeral do Cetal, Javier Bueno. A continuación Natalia Teijeiro, da empresa Proquimia S.A., impartiu o relatorio titulado ‘Técnicas de limpeza de tanques de frío’, na que destacou a correcta utilización dos deterxentes e desinfectantes nestes equipos.

Tras ela, Ana Corredoira, da cooperativa As Vacas da Ulloa, introduciu os membros do grupo operativo responsable do desenvolvemento do proxecto e explicou os seus principais obxectivos. Pola súa banda, Belén Albite, representante da empresa PSVet Dairy Quality, explicou o proceso de selección das 18 ganderías participantes no proxecto, así coma o procedemento de toma de mostras nas explotacións.

A continuación Gonzalo Abuín, representante da empresa Data Monitoring, explicou o funcionamento do Datalact, dispositivo cuxo deseño foi un dos obxectivos do proxecto co fin de monitorizar a temperatura do tanque de frío e os consumos enerxéticos dos seus compoñentes.

Por último Alexandra Herrera, do Cetal, presentou os principais resultados das analíticas realizadas para relacionar a calidade microbiolóxica do leite coa información proporcionada polo Datalact. Observáronse correlacións entre as incidencias detectadas dixitalmente polo dispositivo e a calidade microbiolóxica do leite reflectido polas analíticas das 15 mostraxes realizados durante o proxecto.

Tras a exposición dos resultados do proxecto abriuse un interesante debate entre os asistentes que corroborou o interese para o sector da información exposta durante a xornada. Temas como o tipo de sistema de muxido utilizado (sala tradicional ou robot), o número de muxidos diarios, os cambios nas rutinas de manexo do tanque polos gandeiros ou os valores das temperaturas que definían unha incidencia foron algúns dos expostos aos integrantes do grupo operativo. O gran volume de información xerado pola dixitalización dos tanques de frío das explotacións controladas permitirá seguir obtendo novas conclusións de interese para o sector.

O proxecto "Control de procesos usando tecnoloxías de internet para a conservación do leite nas explotacións gandeiras" foi aprobado dentro da convocatoria de axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.