A nós aféctanos máis o mal tempo que a crise do coronavirus. Durante este tempo ningún cliente deixou de chamarnos por este motivo, porque o campo non pode parar, e tampouco tivemos que variar moito as nosas rutinas, xa que cada operario traballa coa súa ferramenta e apenas existe contacto entre nós. Unicamente, se nos xuntamos, si que poñemos a máscara e as luvas de protección e desinfectamos as zonas comúns. Nas explotacións tentamos non baixar do tractor e, se o temos que facer, gardamos as distancias de seguridade.
Quizais o que máis nos afectou é que non hai onde comer e temos que levar un bocadillo e comelo no propio tractor. O que tamén notamos é que cando temos unha avaría tardamos máis tempo en resolver o problema porque, aínda que os talleres funcionan igual, as pezas de recambio están a tardar máis en vir e os prazos alónganse un pouco máis.
De cara ao futuro, se o prezo do leite se mantén, todo seguirá igual, pero se baixa e se reducen as axudas de Europa, aí virá o problema.
LER CON LUPA COMPLETO: O LÁCTEO, UN SECTOR PARA TEMPOS DE CRISE