A gandería La Saireta adquiriu unha maior dimensión coa entrada da nova xeración. Ampliaron as súas instalacións e incrementaron o número de animais, ao tempo que investiron en alcanzar máis benestar para as súas vacas. Roger é consciente da importancia do seu traballo na sociedade e neste #YoSoyCampo de Virbac déixanos unha mensaxe reivindicativa e esperanzadora. Máis en Vaca Pinta 51.
Roger Sarret asumiu de maneira temperá, pero cos coñecementos adquiridos dende pequeno, responsabilidades na granxa do seu pai. “Ao principio contaba con continuar os meus estudos. Non obstante, no momento clave xogaba ao fútbol a un certo nivel, baixei o meu rendemento académico e quedei sen alcanzar a nota necesaria para entrar na carreira de Veterinaria. Meus pais propuxéronme dedicarme a outra profesión ou asentarme no negocio gandeiro. Sabían que me gustaba e eu case tiña claro que no futuro me ía quedar, así que decidimos daquela a miña incorporación”.
Coa continuidade familiar asegurada, “construímos unha nova nave e pasamos dunhas 80 vacas en muxido ás 250 actuais”, relata Roger. En total, contan con 420 exemplares, entre xatas e xovencas, e manexan arredor de 100 hectáreas de terreo, das que dispoñen dun 40 % en propiedade.
En La Saireta producen o 100 % das forraxes. “Sen agricultura, a gandería morre. Non podes ser gandeiro sen dispoñer de terras; posible é, pero a marxe de beneficio é irrisoria. Entre o 65 % e o 70 % do gasto dunha granxa de vacas corresponde á alimentación. Canto máis aforres nese aspecto, máis gañarás. Nas vacas non hai segredo”, aclara.
Este gandeiro cre que o incremento da produción en boas condicións vai de man da felicidade. “Se coidamos o confort, a ventilación, evitamos o estrés térmico e lles ofrecemos a mellor comida, son animais felices e capaces de producir moito”.
Roger bota en falta un maior coñecemento por parte da sociedade sobre o traballo no campo. “A xente non é consciente do que significa ter unha granxa de calquera industria do sector primario. Traballamos os recursos que temos todos: a terra, o campo e os animais. Si, dedicámonos a explotar, pero para que viva o mundo enteiro. Sen nós non hai alimentos e se non se come froita, carne, nin leite, non se vive”, reivindica.
“As protestas dos gandeiros e dos agricultores diante de todos os estamentos gobernamentais son para que nos deixen subsistir. Sempre digo que un gandeiro nunca morre rico. Traballamos para vivir nós e as nosas familias, si, pero tamén para toda a poboación. Simplemente, creamos alimento”, manifesta.
Entre os retos a curto prazo, Roger ten claro que “a escaseza de auga será un gran problema. A latitude da seca vai subindo, o que ocorre agora en Marrocos en dez anos estará en Andalucía e en vinte sucederá aquí”.
Con todo, lanza un discurso de esperanza. “Debemos seguir na loita, ser profesionais e mellorar. Ademais, hai que manter a paciencia, polo que se intúe vannos escoitar e prestar un pouco máis de atención. Á xente pídolle que nos entenda e que coide do planeta”.