#YOSOYCAMPO BY VIRBAC

“Moi poucas persoas serían quen de levar o ritmo de vida dos gandeiros e, malia isto, os prezos que reciben non son xustos”

A traxectoria de Roger Bellet está marcada pola súa paixón pola saúde e o benestar dos animais, e pola herdanza dunha profesión que o seu pai comezou hai máis de tres décadas. Como veterinario especializado en saúde podal, Roger levou a empresa familiar a novos horizontes, partindo dun oficio que, hai non tanto, era practicamente descoñecido en España. Máis en Vaca Pinta 48.

“O meu pai pechou a granxa de vacas de leite hai 33 anos e, buscando un novo rumbo, comezou a formarse en podoloxía bovina, algo que nese momento era totalmente novo en España”, relata Roger. Naquel momento, seu pai viaxou a Holanda para aprender unha profesión que aquí ninguén coñecía e que lle permitiría crear unha empresa pioneira no país. “O que el comezou, agora estou dirixíndoo eu”, engade con orgullo.

Co obxectivo de seguir perfeccionando os seus coñecementos, Roger pasou un ano na Universidade de Minnesota, nos Estados Unidos, onde afondou na investigación e a aplicación práctica da saúde podal. “Alí foi onde me decatei do enorme impacto que tiña a podoloxía no benestar animal”, sinala. Á súa volta a España, implementou un enfoque máis moderno e científico na empresa familiar.

“A saúde podal cobrou moita importancia nos últimos anos grazas ás novas normativas sobre benestar animal”, explica Roger, ao tempo que destaca como este aspecto está directamente relacionado coa produtividade e a calidade de vida dos animais. Porén, lamenta que en España a investigación neste campo non reciba o mesmo apoio que noutros países: “Aquí só hai un profesor que se dedique exclusivamente a investigar a saúde podal, mentres que en lugares como Inglaterra ou os Estados Unidos contan con moitos máis especialistas neste campo”.

Bellet tamén subliña a importancia da prevención no seu traballo. “Visitamos as granxas regularmente, non só para atender urxencias, senón para revisar todas as vacas cada seis meses; máis ou menos a media lactación e antes do secado é moi importante deixalas preparadas para o seguinte parto”, conta. É un proceso que require precisión e seguimento, pero os resultados son máis que gratificantes. “Ver unha vaca que estaba coxeando e, tras tratala, comprobar que ao cabo dun mes camiña perfectamente é unha das maiores satisfaccións que teño nesta profesión”, admite.

Doutra banda, expresa a súa frustración ante as dificultades que enfrontan os gandeiros, os cales, remarca, merecen moito máis recoñecemento polo seu labor. “Deberían ser un monumento nacional”, afirma con contundencia. “Érguense todos os días ás seis da mañá, incluídos domingos, Nadal e festivos. Moi poucas persoas serían quen de levar este ritmo de vida, e, malia isto, os prezos que reciben non son xustos”. Así mesmo, Roger lamenta a excesiva burocracia á que se enfrontan, a cal dificulta aínda máis o traballo no sector.

Este veterinario tamén se amosa preocupado pola desconexión que percibe entre a sociedade e a produción primaria. “A xente quere ter comida no prato, pero non é consciente de onde vén”, reflexiona. Por iso, avoga por unha maior educación dende a infancia sobre a orixe dos alimentos e o traballo que hai detrás de cada produto: “Deberiamos ensinar os nenos nas escolas sobre a realidade da gandería e a agricultura, e sobre como os gandeiros e os veterinarios traballan incansablemente para que todos teñamos alimentos de calidade”.

En canto ao futuro do sector, Roger lanza un aviso claro: “Se perdemos a nosa soberanía alimentaria, os produtos importados serán moito máis caros e teremos menos control sobre a súa calidade. Se agora xa nos queixamos dos prezos, nese escenario serán tres veces máis altos”. Por iso, insiste na necesidade de apoiar os gandeiros locais e de recoñecer a importancia do seu labor para o benestar de toda a sociedade.