Nun momento no que atraer novas xeracións ao campo resulta clave para garantir a continuidade dos oficios vencellados ao rural, cinco mozos e mozas de Valle de los Pedroches protagonizan este #YoSoyCampo, de Virbac, e demóstrannos que apostar pola gandería é apostar por darlle vida a unha vocación que merece ser coñecida, apoiada e recoñecida. Máis en Vaca Pinta 52.
A piques de rematar o bacharelato, Carmen Moreno (18 anos) cóntanos que, pola súa paixón polo mundo rural, espera poder dedicarse a algo que a manteña ligada a el, malia non ten claro en que se centrará: “Desde pequena gustoume isto. Pode que hoxe estea máis normalizado marchar á cidade, pero nas aldeas hai moitas oportunidades. Ademais, grazas ao traballo que se fai aquí, comemos todos”. Para Carmen, a formación é esencial, xa que “che permite dedicarte profesionalmente a algo que che gusta e conseguir un bo futuro”, e defende que vivir do medio rural non debe verse nunca coma unha opción menor.
Acompañar de pequeno o seu avó axudou a Pedro Manso (16 anos) a descubrir o seu amor pola gandería. Aínda que de neno os animais lle daban medo, axiña descubriu que alí atopaba o seu lugar: “O campo dáme vida. Eu non digo que vou traballar, digo que vou desfrutar”. Con intención de estudar Veterinaria, alerta sobre o risco da falta de remuda xeracional: “É algo preocupante; se as ganderías non atopan quen as continue, moitas aldeas desaparecerán”. Sinala que este é un sector cheo de posibilidades reais e necesarias: “Invitaría os mozos a vir, a que visen cos seus propios ollos o que isto ofrece”.
Miguel Moreno (17 anos) medrou entre animais na gandería familiar. Estuda primeiro de bacharelato e quere ser veterinario, seguindo os pasos do seu pai e do seu bisavó: “Desde pequeno tiven moi claro que quería dedicarme a este mundo”, afirma. Miguel non concibe un futuro sen campo: “Din que o Amazonas é o pulmón do mundo, pois eu creo que o outro pulmón é este”. Ademais, critica que desde as cidades se infravalore o ámbito da produción gandeira: “A xente debería coñecer a calidade humana e o esforzo que hai detrás dos que vivimos e traballamos aquí”.
Gonzalo Ballesteros (17 anos) quere estudar Enxeñería Agrónoma para seguir vinculado á súa terra e centrarse especialmente en nutrición e produción animal. Procedente dunha familia moi ligada ás orixes de Covap, recoñece o valor dese legado: “Tócanos a nós recoller o testemuño e tirar deste sector”. Este mozo, que de pequeno soñaba con ser profesor ou fisioterapeuta, descubriu hai tempo que o seu lugar está no campo: “Traballar no que desfrutas é o máis importante”, afirma, e conta que, para el, o rural non é só unha opción laboral, senón unha forma de vida que cómpre defender e reforzar con máis formación e compromiso.
Realizar unhas prácticas que lle permitiron crear un vínculo especial cos animais foi o que fixo que Rosario Galvis (18 anos) decidise dedicarse á veterinaria: “Chamábame a atención desde pequena, pero foi convivir co oficio veterinario o que me axudou a decidirme”. Aínda que recoñece que moita xente da súa idade ve este mundo como algo anticuado, ela defende o seu valor imprescindible: “Do mesmo xeito que necesitamos médicos, tamén fai falta xente que coide do campo e dos animais, porque deles depende a nosa alimentación”. A súa aspiración é converterse nunha veterinaria que dedique a súa vida a mellorar a saúde animal e o futuro rural.
Historias como as de Carmen, Pedro, Miguel, Gonzalo e Rosario son a proba de que o sector produtor ten futuro se se transmiten as oportunidades reais que ofrece. Apostar por formar e animar a mozos como estes é investir no motor que sostén as nosas vidas e as nosas comunidades. Eles téñeno claro; agora é responsabilidade de todos poñer en valor a súa elección.