Hai case dous anos que Jesús Alejandro Morales comezou, xunto co seu cuñado, a fabricar queixos venezolanos con leite 100% galego baixo a marca De mi tierra. Veterinario de profesión, nesta entrega de #YoSoyCampo fala das voltas da vida que o levaron a deixar Venezuela e comezar con este proxecto en Carballo (A Coruña). Ver en Vaca Pinta 43.
O que acadou a queixería De mi tierra en menos de dous anos é, cando menos, sobresaínte: nos seus inicios procesaban 500 litros á semana, actualmente acadan os 3.000 litros ao día; comezaron elaborando tres variedades de queixo, hoxe teñen unha decena no mercado; empezaron a traballar só Alejandro e o seu cuñado; agora contan con outros dous empregados; inicialmente encargábanse eles directamente da comercialización, hoxe en día teñen distribuidores colocando o seu produto nunha ducia de cidades...
Veterinario centrado no manexo de plans reprodutivos e sanitarios para vacas e búfalos, Jesús Alejandro Morales exerceu como tal en Venezuela durante 16 anos ata que, debido á situación do país, iniciou, xunto con boa parte da súa familia, os trámites para mudarse á Coruña e comezar aquí un novo proxecto vital. “O máis difícil para un cando emigra é o tempo que requiren todos os trámites para poder traballar”, explica. “Chegar aquí, tras case 16 anos de traxectoria laboral, e ter que parar dous anos faiche pensar en moitas cousas”.
A tal reto sumouse que, aos 15 días de aterrar en territorio galego, decretouse o estado de alarma pola pandemia. Así e todo, Alejandro superou os días difíciles e comezou a pensar en posibilidades laborais. Necesitaba a homologación para poder seguir exercendo como veterinario e, mentres iso chegaba, debía buscar alternativas. Traballou durante un breve período muxindo nunha granxa da zona, pero xa por aquel entón comezou a tomar forma na súa cabeza a posibilidade de elaborar queixos típicos de Venezuela, seguindo as ensinanzas que lle deixaran os seus avós. Ese foi o xerme de De mi tierra.
Conseguiu leite fresco, comezou a facer probas e, cando el e o seu cuñado viron que había un oco no mercado para a elaboración deste tipo de queixos, empezaron a moverse máis en serio ata que, en xuño de 2022, comezaron a fabricar os seus queixos nunha nave carballesa que contaba coa maquinaria necesaria para estas elaboracións.
De xullo a decembro dese ano, centráronse en dar a coñecer a marca, “percorremos as principais cidades galegas para darlle a todo aquel que podiamos un anaquiño do noso queixo; co tempo, grazas a Deus, encontramos grandes distribuidores que nos acolleron e que axudan a que, hoxe en día, xa estemos un pouco máis estables”, destaca Morales. Así, lograron ter produto colocado en establecementos de Ourense, Vigo, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo e, ademais, xa están presentes en Madrid, en Zaragoza e en distintas zonas de Portugal.
Con unha traxectoria curta pero intensa, esperan converterse en referentes como fabricantes de queixos venezolanos en España e, para iso, apuntan como factores esenciais a perseveranza e contar con bos distribuidores e provedores. “Para nós foi esencial que a cooperativa Coreber confiase en nós e nos fornecese leite; isto permitiunos entrar ao mercado cun queixo fresco, de calidade e sen aditivos”, subliña.
Satisfeito co logrado tras o duro proceso de emigrar, afirma que lle gustaría volver exercer a veterinaria –de feito, xa está homologado para traballar en España–, pero, polo de agora, os seus esforzos están centrados en que o seu novo negocio medre: “Como pouco, seguirei ata estar seguro de que o equipo co que traballamos está implicado, porque de nada serve que o leite sexa de gran calidade se, por exemplo, o proceso de envasado ao baleiro se fai mal e o produto se estraga”, explica. “Agora”, di con orgullo, “estou entregado de cheo ao meu proxecto de queixería”.