Dunha pequena localidade da provincia de Ávila, Hoyos del Collado, é David Hernández, gandeiro por tradición e por vocación. Tras traballar un tempo nun taller deuse conta de que o que de verdade lle enchía era a gandería da súa familia e deixou todo por dedicarse a ela. A día de hoxe suma un rabaño dunhas cen cabezas e neste capítulo de #YoSoyCampo publicado en Vaca Pinta 41 comparte cales son os seus principais retos.
Sempre quixeches dedicarte á gandería?
A miña familia tivo animais toda a vida, aínda que non en gran cantidade como agora, porque antes non había tantísimos recursos.
O meu avó tiña vacas. Do meu avó pasaron ao meu pai, do meu pai a min e así sucesivamente os anos que poidamos seguir aguantando.
Eu estaba a traballar nun taller e deixei aquilo porque a min o que me enchía era isto. Levo ligado a este mundo desde que empecei a andar. Para min é unha forma de vida.
Como é a túa rutina como gandeiro?
Neste traballo non tes un día a día fixo, cunha ruta por así dicilo. Un día pódeste atopar unha cousa e ir ben e outro atópaste con outra e botas toda a xornada.
A que retos te estás enfrontando?
Os principais problemas que temos hoxe en día son, máis que nada, coa Administración, porque nos pon moitas trabas para todo. Nós, por exemplo, somos transhumantes e para subir e baixar de Estremadura obrígannos a facer unha proba de saneamento de pel e, este ano, mesmo de sangue. Poñen dificultades para vender xatos, para todo... Non entenden que non podemos estar todos os días cercando estes animais en currais, máis que nada porque non somos tanta xente para poder movelos como queremos.
Como cambiou a profesión nestes últimos anos?
Cambiou bastante, a peor e a mellor. Antes había tres ou catro vacas en cada casa, que era o que se podía ter e, agora, con axudas e subvencións, pódense ter máis animais. Agora mesmo temos un cento máis ou menos.
Como ves o futuro e que lle dirías a unha persoa nova que queira dedicarse a isto?
O futuro é un pouco incerto polo que xa comentei, porque poñen moitas trabas, pero esperemos que se poida ir solucionando todo para poder ter un futuro un pouco mellor; se non, isto vaise acabar.
En sitios coma este, cada vez hai menos poboación. Na miña aldea non chegamos a trinta persoas e, se cada vez poñen máis problemas, a xente vaino deixando, vai desaparecendo e a xente nova non se inicia neste sector, porque non é rendible.
Con todo, hai mozos que se queren dedicar a isto, non moitos, non tantos como nos gustaría, pero si que van animándose. Iso si, necesitan ter axuda dos seus pais ou de familiares que xa teñan animais porque, se non, non é viable.
Se tivese que animar a alguén, diríalle que neste traballo agora mesmo tes moita liberdade, vas ao teu aire. Os problemas que vos comentei antes vanse levando, pero aquí o mellor é a comodidade e o pracer de estar a gusto aquí, na natureza, nunha paisaxe coma esta. Isto nunha cidade non o vas ter, non se pode comparar.