Ao sur da península, en Córdoba, atopámonos con Javier Jiménez, quen comezou os seus estudos en Veterinaria en 2011; unha vez que rematou a carreira, no ano 2016, xa puido empezar a traballar. Actualmente, é veterinario en DehesaVet e, nesta nova entrega de #YoSoyCampo, publicada en Vaca Pinta 39, afonda no seu traballo diario, relata unha anécdota que o marcou nos seus inicios e dá a súa opinión sobre a situación da profesión dentro do sector a día de hoxe.
Que te motivou a entrar nesta profesión?
A razón pola cal estudei Veterinaria foi porque, dende que teño uso de razón, me gusta todo o que ten que ver co campo e a natureza. Os meus avós eran gandeiros, o meu pai é veterinario… Todo iso levoume a ser quen son.
Cales son as túas principais funcións como veterinario?
A xestión de explotacións de vacún de leite e de carne, fundamentalmente a tres niveis. A nivel reprodutivo, nas femias, mediante as ferramentas de ecografía, inseminación e transferencia de embrións, para levar a cabo unha mellora xenética e de rendibilidade da explotación.
Tamén, como segundo piar, a nivel sanitario: o estudo da eficiencia e a calidade seminal dos sementais, a través da análise das principais patoloxías que sofre esta especie. Lévanse a cabo programas de prevención para evitar e erradicar estes problemas que afectan durante todo o ciclo reprodutivo dos animais.
Por último, pero non menos importante, a alimentación; é vital garantir os requirimentos nutricionais básicos en cada ciclo e etapa reprodutiva do animal e, a maiores, conseguir que sexa rendible.
Que é o que máis che gusta do teu traballo?
Fundamentalmente, a liberdade da que podemos gozar no campo. No día a día, ves que a xente é moi natural, e tamén é interesante marcar unha serie de obxectivos e poder cumprilos. Outro aspecto que me encanta é a recría e a mellora xenética do gando ano a ano, sobre todo de limousin, que é a raza que máis me gusta.
Recordas algunha anécdota que te marcase?
No meu primeiro ano de traballo estiven na zona de Piedrahíta, en Ávila. Nunha noite de inverno, chamáronme ás tres da mañá uns gandeiros dunha aldea. Cando cheguei alí, a vaca en cuestión tiña torsión de matriz, e tiven que proceder a facer a cesárea. A experiencia foi moi bonita e aquelas persoas tiñan uns valores destacables: cando rematei, lembro perfectamente como a muller do gandeiro chegou co seu cubo de auga quente, a súa pastilla de xabón e a súa toalla… Téñoo gravado na miña memoria.
Que problemas ves dentro da profesión?
A maior complicación que se nos presenta é a falta de auga: temos unha seca importante. Outro problema é que o valor do produto é menor do que debería ser; entón, considero que necesitamos unha figura que lle faga entender á sociedade a necesidade de pagar polo produto. O gandeiro non necesita subvencións, necesita que o seu traballo estea ben valorado.
Como ves o futuro da veterinaria de campo?
Eu creo que vai cambiar e que o futuro do veterinario de explotación terá que estar tamén enfocado á xestión da agricultura; temos que facela eficiente. É unha parte que está apenas sen explotar e necesitamos que os campos estean correctamente xestionados para ver unha mellora.
Que opinas sobre a falta de emprendemento no sector?
Ao final ninguén quere ter responsabilidades e hai unha falta de ilusión xeneralizada. Eu creo que as autoridades deberían motivar a xente, tamén a nivel fiscal, a que queiran emprender e desenvolver a súa empresa. Por exemplo, no caso das persoas novas, estaría ben que as estimulasen para poñer en marcha o seu propio negocio.