“Como veterinarios, debemos estar preparados para apoiar os produtores no que necesiten”

A infancia de Laura Hurtado foi clave para determinar a súa vocación e a súa paixón pola profesión. A actual veterinaria e controladora gozaba dos veráns na vila xunto aos seus avós, época na que viviu experiencias e momentos que a marcaron profundamente. Nesta nova entrega de #YoSoyCampo, publicada en Vaca Pinta 36, cóntanos como é o seu día a día e como foi cambiando o sector ao longo dos anos.

Sempre quixeches ser veterinaria?

Esa é a pregunta que a todos nos fixeron de nenos: “Que queres ser de maior?”. Cando esa pequena Laura quería responder, deixábase aconsellar por aquilo que lle dicían de “fai o que che gusta”. Para min era moi fácil, porque as ciencias da natureza me fascinaban. Ademais, a miña vocación polo campo vén marcada pola miña vida na vila. Por todos os veráns que pasaba xunto aos meus avós, nos que collía a bicicleta para buscar leña, ía con eles a por cogomelos, vía como levaban o coidado dos rabaños e como facían queixo… Para min era unha experiencia moi bonita que sempre quería repetir.

Como é o teu traballo diario?

O noso día a día é moi diverso, entón non nos aburrimos para nada. Traballamos con ruminantes, sobre todo con vacas de leite: facemos a parte de calidade de leite, xestionamos asociacións de control leiteiro e participamos no asesoramento en xenética. Polo tanto, a rutina varía: pode ser que me vaia toda unha mañá ou todo un día, ou que teña que estar oito horas nun foso recollendo mostras porque necesito esa información para a graxa, a proteína e as células somáticas. Con iso, podo orientar o gandeiro sobre a calidade e axudarlle a mellorala. Ademais, recollemos moita información dos partos, baixas, inseminacións, rexistros… Así, creamos unha árbore xenealóxica da gandería e formamos un pedigree, co cal, unido a novas ferramentas, podemos facer propostas en canto a que animais interesa que teñan descendencia na explotación, é dicir, o que sería o asesoramento en xenética.

Que é o que máis che gusta da túa profesión?

Poder estar ao lado do sector primario, que ao final é o que a todos nos dá de comer e nos abastece, tanto a agricultura como a gandería. Ademais, podo axudar moitísimo a pé de granxa. No meu caso sería incapaz de imaxinarme un traballo no que tivese que ir todos os días ao mesmo sitio e estar entre as mesmas catro paredes. A pesar de que a rutina é máis ou menos sempre similar, ves caras moi diferentes que acaban sendo recorrentes e que terminan formando parte da túa familia.

Como cambiou a profesión respecto a cando empezaches?

Eu levo oito años no sector e si que vexo que as tecnoloxías crecen cada vez máis, a unha velocidade de vertixe. Entón, tócache acompañar os gandeiros: tes que estar á altura, entender como usar esas tecnoloxías para poder axudarlles a coñecer que apartados deben manexar e a comprender como funciona todo o conxunto. Realmente, son persoas que contan con altas capacidades, porque non todo o mundo é capaz de saber de nutrición, de reprodución, de xenética, de manexo de tractores e de persoal… Teñen que entender de todo, e nós, como veterinarios, debemos estar preparados para apoiar os produtores no que necesiten.

Que lle dirías a unha persoa que se acaba de licenciar que ten dúbidas sobre que rumbo tomar? 

A un futuro profesional que, do amplo abanico de posibilidades dispoñible, non sabe a que dedicarse, incitaríao a que formase parte da veterinaria de campo, porque seguro que non se volvería a aburrir nunca máis, xa que todos os días son diferentes e unha aventura nova: vas ir dunha explotación a outra e, se desfrutas de conducir, gozarás dos cambios de paisaxe e de estación.