GEA EN EL BRUGUER

Batch Milking, éxito Á primeira

O propietario da granxa barcelonesa El Bruguer, Josep Masramón, quería robotizar o seu muxido co reto de unir todo o seu rabaño nunha mesma zona e poder ter un único patio de enfermería, tras máis de 25 anos xestionando unha gandería dividida en dúas localizacións, que, aínda que moi próximas, provocaban moita perda de tempo e un traballo moito máis canso.

Xunto co equipo de GEA e o seu distribuidor na zona, Agroservei Viñas, chegaron á conclusión de que instalar 8 robots en batería cunha mesma sala de espera e unha saída con postselección sería a mellor opción para darlles resposta ás súas necesidades.

Así, hai apenas dous meses, El Bruguer converteuse na primeira granxa española en apostar polo sistema de muxido automatizado por lotes ou Batch Milking, co que se combina o manexo e a rutina de muxido a horarios fixos, como nas salas convencionais, co muxido robotizado con DairyRobots R9500. 

Masramón cóntanos por que confiou neste novo sistema, como está a ser a adaptación dos seus animais e do seu equipo ao cambio e que vantaxes está a achegarlle esta decisión de cara ao futuro do seu negocio, do que seguramente se responsabilice unha das súas fillas, Gemma Masramón.
 

EL BRUGUER

Localización: Sant Julià de Vilatorta (Barcelona)
Número total de animales: 700
Vacas en ordeño: 300
Número de ordeños: 3
Media de producción: 35 litros/vaca/día
Porcentaje de grasa: 3,80 %
Porcentaje de proteína: 3,60 %
RCS: 200.000 cél./ml

Que sistema de muxido tiña antes de apostar polo Batch Milking?
Ata hai dous meses muxiamos con dúas salas Autotandem de 2x5, porque tiñamos o rabaño e as instalacións divididas entre dúas localizacións separadas por 200 m de distancia.

 

Cales eran os seus principais obxectivos co cambio?  
Desde o ano 1997 funcionabamos con dúas salas e dúas localizacións eran un inconveniente, porque implicaban moitos desprazamentos e moita perda de tempo no noso traballo diario.

Tras 25 anos, a miña maior preocupación era darlle solución á zona de visitas e tratamentos. Quería agrupar todos os animais a revisar nun mesmo patio e non ter que pechar 100 vacas para visitar unha.

O proxecto aínda non rematou e a miña idea é que exista un patio no que se incorporen vacas para sincronizacións, para inseminar, para visitar… que se dirixan a esa zona e que, cando finalizasen a revisión, se volvan conducir ao seu correspondente lote.

Que opcións valorou?
As valoracións comezaron hai xa dous anos. Antes de nada, cos técnicos de GEA pensamos en robots individuais, pero estivemos un ano modificando planos, distancias e eu non o vía claro, porque seguía tendo catro zonas para tratamentos.

Un día díxenlles: “Quero isto: todos os animais na mesma instalación e todos os robots xuntos”. Dixéronme que ese terreo estaba pouco explorado, que había algún caso en Europa e que podiamos ver que resultados ían tendo. Así, abordámolo e estou moi contento. 

Como foi a planificación do proceso de cambio?
Serei sincero, non tiñamos planificación. Os técnicos de GEA dixéronme: “É mellor pasalo mal tres días que non ir alongando a agonía”. 

Eu tiña as miñas dúbidas, pero aceptei os seus consellos e creo que foi un acerto. En dez días as vacas estaban, practicamente, funcionando soas.

Por que elixiu GEA?
Traballamos con GEA desde 1979 e sempre tiveron distribuidores eficientes. Están preto e, se hai un problema, soluciónano. 

Ademais, a separación por cuartos é do mellor que me pasou na vida. Se a manexas ben, controlas as células somáticas sen problema. Antes, son sincero, tiña moitos medos á hora de tratar as miñas vacas. A tranquilidade de agora non se paga con diñeiro.

Finalmente, quero destacar que este robot separa o leite por cor, temperatura e condutividade. Podemos indicarlle os parámetros que queremos en canto a condutividade e separar o leite en función das nosas necesidades.

Que beneficios lle achega o sistema de Batch Milking?
En primeiro lugar, unha sala implica un traballo de horas, moi mecánico, que cansa e ao final aburre. As persoas somos persoas, estamos a mil cousas e acabamos perdendo o control, porque non manexas todos os parámetros ao 100 %. Agora, continúa habendo un humano detrás, que valora e vixía, pero o traballo de precisión faino unha máquina e non hai erros. Volver ter o control é o que máis agradezo, é tranquilidade.

“Volver ter o control é o que máis agradezo, é tranquilidade”

En segundo lugar, se un día unha máquina ten unha avaría, non temos maior problema, porque continúan as outras sete traballando ou se tes un pico de partos e máis vacas para muxir, o único inconveniente é que tardarás media hora máis en facelo.

En terceiro lugar, os traballadores responderon moi ben. Nunca foi a miña intención prescindir de ningún empregado. Ademais, mentres están pendentes do muxido, poden realizar outras tarefas.

Por último, teño dúas fillas e un fillo, e unha delas ten interese na granxa. Se as instalacións non son modernas e se non buscamos flexibilidade no noso traballo, dificilmente as novas xeracións quererán entrar neste sector. Darlle  ferramentas á mocidade para ter conciliación, lograr un traballo práctico e intuitivo e obter rendibilidade e eficiencia é fundamental para que exista cambio xeracional.

Tras só uns meses de traballo con este novo sistema, como está a ser o rendemento?
A estancia por vaca en robot está en 6 minutos e o tempo de colocación achégase aos 38 segundos. Se botamos contas, coas paradas para a limpeza, poderiamos muxir unhas 80 vacas por hora.

Outra das vantaxes deste sistema é que non sacrifiquei ningún animal porque non se adaptase, pois aquí sempre hai unha persoa e, se o robot o aparta por calquera motivo, móxese manualmente e listo. De cada 120, teremos 3 ou 5 apartadas.

Monitorizou as súas vacas cos colares CowScout e o novo programa de xestión DairyNet Box?
Si. Cos colares levo traballando 7 anos e axudan a valorar os datos que máis che interesan da túa granxa.

En canto ao programa, utilizaba o DairyPlan desde o ano 1991 máis ou menos e é un gran programa, pero eu quería poder acceder aos datos desde calquera sitio, desde o móbil, desde o portátil na casa, na casa de meus pais…

DairyNet Box deume liberdade e, a maiores, é máis atractivo visualmente, polos seus esquemas e os seus gráficos.

Que valoración fai do cambio?
En certo xeito creo que me arrisquei, porque non puiden ver o seu funcionamento en ningunha outra granxa e, segundo se ía achegando a data, a idea esgotábame mentalmente, pero volveríao facer cos ollos pechados.

Agora mesmo para min é perfecto, moi flexible, e o persoal está agradecido e séntese máis valorado.

A instalación planificouse para muxir unhas 400 vacas con 8 robots, pero quedou espazo para dúas máquinas máis. Se as cousas van ben, a idea sería chegar ás 550.
 

Héctor Salas

Delegado de GEA en Cataluña, Aragón, Navarra, Canarias e Baleares

“Unimos o concepto dunha sala convencional con sala de espera ás vantaxes do muxido robotizado”

Cal foi o desafío do proxecto en El Bruguer?
Dentro da mesma explotación tiñan dous centros de muxido e o reto foi centralizar todo o muxido nunha mesma zona. 

Ao principio valoramos a idea de traballar tres lotes de animais con 2 robots en libre para cada lote, pero, tras moito debate entre Josep, o noso distribuidor na zona e o equipo de GEA, decidimos deseñar o sistema automatizado por lotes ou Batch Milking.

En que consiste este sistema?
Unimos o concepto dunha sala convencional con sala de espera ás vantaxes do muxido robotizado e colocamos en batería varios DairyRobots R9500.

En El Bruguer atopamos a mellor solución para a maneira de traballar de Josep. É unha granxa moi enfocada ao tratamento dos animais, que se preocupa moito da xestión cos técnicos e veterinarios, do manexo do día a día, e o traballo cunha única zona de enfermería grazas ás portas de selección farase dunha forma máis sinxela.

Para que tipo de granxas se orienta o Batch Milking?
É unha solución para granxas de certo tamaño, de entre 250 a 800 vacas. Un sistema de muxido automatizado por lotes permite traballar con menos persoal e cunha esixencia física moito menor. O labor do traballador será levar os animais desde o lote ata a sala de espera e do muxido encárgase o robot, con todas as partes positivas que coñecemos da rutina da súa muxido estandarizado.