#YoSoyCampo | Román González (Lugo) e Almudena Sánchez (Murcia)

“Animo a todos os estudantes a que coñezan o sector, porque moita xente non vén por descoñecemento”

Román González é o veterinario da gandería de leite SAT Prolesa (Sarria, Lugo) desde o ano 2008 e o responsable de levar o control de todo o rabaño, da xestión de todo un equipo de profesionais e de ter ao día todas as esixencias burocráticas desta granxa que naceu dous anos antes grazas á unión de 14 gandeiros con ganas de conseguir maiores producións e mellores condicións de vida. Nesta nova entrega de #YoSoyCampo de Virbac, publicada en Vaca Pinta 40, quixemos coñecer o seu día a día e a súa actual experiencia como titor dunha futura veterinaria de produción, Almudena Sánchez.

Sempre quixeches dedicarte á gandería?
Son fillo de gandeiros e desde pequeno tiven claro que o meu eran as vacas. Quixen estudar Veterinaria, marchei para Lugo e, cando rematei, empecei a buscar traballo. Estiven tres anos facendo clínica cun equipo na zona de Santiago, fun collendo experiencia e, logo, por amor vinme para Sarria e empecei a traballar en SAT Prolesa como veterinario encargado da explotación.  

Cales son as túas responsabilidades nesta granxa?
Como veterinario encargado da granxa, as miñas funcións son diversas. Fago o control reprodutivo, a clínica do día a día, a xestión de persoal, a burocracia de altas e baixas, e a organización de todo o traballo da granxa.

Que diferenzas existen entre o teu papel e o perfil do veterinario de granxa que esixe a nova normativa?
O meu traballo é moito máis amplo que o que require o veterinario de explotación que nos esixe agora o real decreto, porque a normativa o que prima é que exista unha figura que verifique que se cumpren uns protocolos, uns plans sanitarios e que todo iso estea rexistrado adecuadamente para poñelo a disposición da Administración. Eu, ademais de ser o que rexistra todo iso, son o propio executor ou o que garante que iso se execute de maneira correcta.

Cal é a parte que máis che gusta de ser veterinario?
O que máis me gusta son as vacas. Xa me gustaban de pequeno e séguenme gustando. Que sucede? Que na actualidade os veterinarios temos máis traballo administrativo que nada e eu onde realmente gozo é no medio dos animais.

Lembras algunha experiencia que te marcase ao longo da túa traxectoria?
Podo acordarme de varias. Marcoume moito o primeiro callar que operei ou a primeira torsión, tamén o primeiro animal que saíu adiante despois de estar moi, moi mal. Ver a evolución de todo o teu traballo, como vas crecendo e mellorando, vaiche deixando pegada.

Que aspecto é o que menos che gusta?
Agora mesmo temos 540 vacas en muxido, máis vacas secas e xovencas. Levar o control de todo ese volume de animais é o máis difícil, pero o que menos me gusta é a xestión do persoal e a prevención de riscos laborais. Se puidese delegar algo, elixiría desprenderme disto.

Como cambiou a profesión nestes anos?
O cambio máis espectacular que noto desde que empecei, hai xa algúns aniños, é a maneira en que se toman as decisións. Pasamos de facelo por sensacións a tomar todas as decisións baseadas en datos. Antes tiñamos un problema porque criamos que existía, pero só viamos a punta do iceberg. Hoxe analizamos unha chea de datos, estudamos onde pode estar o problema e valoramos cal é a mellor solución.

Están a ser os veterinarios recoñecidos no sistema de saúde global como merecen?
O termo One Health chegou para quedar, porque é certo que existe unha soa saúde. Hai unha porcentaxe elevada de patoloxías consideradas como zoonoses, é dicir, que proveñen de animais e cando chegan á saúde humana, a medicina necesita axuda tanto para controlar como para previr. 
A formación multidisciplinar na saúde é básica e os veterinarios deberiamos formar parte dos diferentes comités asesores das consellerías e ministerios de sanidade e de medio rural.
Na nosa granxa, durante a pandemia, tivemos un traballador positivo e, segundo a lexislación daquel momento, teriamos que deixar de vir aos nosos postos de traballo todos os que formamos o equipo. Se non fose por veterinarios que contactamos da Administración, que entenderon realmente a nosa situación, nós teriamos que deixar os animais sen muxir, sen alimentación e sen coidados. Iso si que sería un delito de benestar animal e de saúde pública.

Como ves o futuro?
A curto prazo vexo un futuro moi prometedor para a nosa profesión, porque hai moito traballo e moi poucos estudantes de Veterinaria que se queiran dedicar á produción. Hai moita demanda de profesionais para cubrir as necesidades deste sector.
Iso si, veremos como nos espreme a opinión pública en canto a benestar animal e ás correntes animalistas e veganas que se están instaurando.
A miña opinión, despois do que nos pasou coa pandemia e coa guerra de Ucraína, é que sería unha temeridade que Europa non queira ter satisfeitas, cunha porcentaxe moi elevada, as súas necesidades agroalimentarias, porque, cando se depende de fóra, non se poden garantir nin as condicións dos produtos nin os seus prezos.
Se o sentido común se impón, o futuro será de moito traballo e de moita necesidade de man de obra cualificada.

Que lle dirías a unha persoa nova que queira dedicarse a isto?
Primeiro, diríalle que non o dubide e, segundo, que probe todas as modalidades que se pode atopar e que logo decida. Hai traballo moi ben remunerado e cunha calidade de vida aceptable. Non estamos a falar do de hai moitos anos, cando a calidade de vida brillaba pola súa ausencia.
Outra cousa que lle aconsellaría sería que non deixe de formarse nunca. Sempre estamos a aprender e esa é a base para permanecer no sector.
Insisto en animar a todos os estudantes da facultade para que nos coñezan, porque moita xente non vén ao sector por descoñecemento.
Eu estou agora mesmo traballando cunha estudante en prácticas e creo que todos deberiamos apoiar a xente que se interesa. A min persoalmente non me entorpece o día a día; ao contrario, estou agradecido porque me fai compañía e en poucos días comezará a facilitarme o traballo, xa que haberá cousas que xa me fará ela.

ALMUDENA SÁNCHEZ
(MURCIA)

 

“Quería ver como é o día a día real dunha explotación e como é o traballo que realiza un veterinario”

 

Esta moza murciana decantouse pola Veterinaria tras tres anos estudando Medicina. A falta de presentar o Traballo Fin de Grao para graduarse, chegou a Sarria desde a Facultade de Veterinaria de Canarias para realizar prácticas no vacún de produción porque cre que o traballo ao aire libre e os grandes animais formarán parte do seu futuro profesional. 

 

Como chegaches a facer prácticas en SAT Prolesa?
O meu camiño tivo varios eses, porque empecei Medicina e deime conta de que o meu non era estar nun hospital. Veterinaria e o mundo dos animais sempre me chamaron a atención e acabei en Canarias, a facultade onde aceptaron a miña solicitude.

 

Como está a ser a experiencia con Román?
Levo pouquiño tempo, pero de momento estou moi contenta. Comecei facendo unhas prácticas en Murcia, cuns veterinarios ambulantes de clínica, e gustoume. Agora, de cara a rematar a carreira, quería formarme un pouco máis para ver como é o día a día real dunha explotación e como é o traballo que realiza un veterinario. 
En principio, o traballo en granxas de produción paréceme bastante bonito e máis gratificante que estar nunha clínica encerrada, pero supoño que dependerá dos gustos persoais. 

 

Como ves o futuro das ganderías?
Seguirá habendo futuro, pero con moitas pautas de benestar animal. Parece que todo será máis esixente.