#YoSoyCampo by Virbac | Luis Ángel Quintela e Jacobo Álvarez (Lugo)

“Intento transmitir a importancia do veterinario de produción, porque é o garante da saúde das persoas”

Fervente defensor da produción animal e de que é unha saída profesional que deben aproveitar os futuros veterinarios, Luis Ángel Quintela, profesor de Reprodución e vicedecano de Organización Académica e Estudantes na Facultade de Veterinaria de Lugo (USC), repasa nesta nova edición de #YoSoyCampo como evolucionou a docencia nos últimos trinta anos e os motivos polos que a xente nova non se decanta polos grandes animais.

Sempre quixeches dedicarte á veterinaria?
Nunca pensara en facer Veterinaria e a miña intención era estudar Bioloxía, pero acabei o instituto e xusto ese ano abriron a Facultade de Veterinaria en Lugo, que me quedaba preto da casa. Por iso, decidín inscribirme e, unha vez que entrei, cada vez me foi gustando máis.
Ao rematar, empecei a traballar, pero enseguida me xurdiu a posibilidade de quedar na universidade. A reprodución gustábame moito, fixen a tese e aos poucos fun traballando cada vez máis nese campo. 
Procurei sempre non quedar só na facultade e facer traballos fóra, porque eu entendo que para explicar o que é a veterinaria de verdade tes que coñecer o que están a facer os veterinarios.
Imparto tamén moitos cursos a veterinarios, porque me introducín no tema da ecografía, grazas ao compañeiro Carlos Díaz de Pablo, e sigo traballando nesta área.

Como foi a evolución da docencia en todos estes anos?
Comecei a dar clase a principios dos 90 e o cambio, con respecto a agora, é radical. Había moi poucas prácticas, eu mesmo fixen tres ou catro prácticas en toda a carreira e, a día de hoxe, teñen case tantas prácticas como horas de teoría. Dispomos de novas tecnoloxías para dar clases e dun hospital, dunha granxa de leite en funcionamento e dun laboratorio de habilidades, onde temos simuladores para facer prácticas sen danar ningún animal.

Os veterinarios de produción notan cada vez máis a falta de profesionais novos no sector. Por que non é unha área atractiva para as futuras xeracións?
Na miña promoción e as seguintes, creo que o 70 % dos veterinarios queriamos dedicarnos a grandes animais. Actualmente, é todo o contrario e probablemente só pretendan facelo así o 15 %.
É certo que hai máis saídas profesionais, pero a produción é o colectivo no que máis demanda de veterinarios temos e non se cobre. 
O problema francamente sorpréndeme. Ata hai uns anos pensaba que era un problema de aquí nada máis, que a xente pensaba que traballar en vacas era un traballo duro, sacrificado, sucio, desagradable… No Congreso Mundial de Anembe deime conta de que era un reto mundial, que estaba a pasar en todas as partes.
Ademais, creo que tamén está a influír moito o desprestixio da produción animal en si. Non son moitos, pero os poucos que son fan moito ruído. As vacas son as que máis contaminan, a carne é mala, o leite é malo, os veterinarios e os gandeiros maltratan os animais... Todas estas mensaxes, a maior parte mentiras ou informacións nesgadas, acaban minando e entrando en moita xente.
Por último, tamén pesa moito o desprestixio da profesión. Durante moitos anos, fomentamos nós mesmos esa visión, devaluando o noso traballo. 

Ante esta situación, que se debería facer?
Digamos que temos dous momentos importantes nos que debemos traballar. O primeiro creo que é nos institutos, antes de que cheguen aquí, porque hai moita xente que entra en Veterinaria crendo o que non é, que non queden en que lles gustan moito os animais.
O segundo xa é aquí, na facultade. Temos o labor de explicarlles todo o que estamos a facer. Cada certo tempo organizamos charlas con veterinarios de todos os sectores para que coñezan as diferentes saídas, nos conten as súas realidades e os alumnos poidan chegar a decidir que camiño tomar.
Aínda así, creo tamén que non está a ser nada fácil mobilizar a mocidade. Tentamos facer de todo, pero é moi complicado.

Que lle dirías a un licenciado que pensa en dedicarse á veterinaria de animais de produción?
Son un fervente defensor da produción animal e de que é unha saída profesional que hai que aproveitar. Eu dígolles: “Dedicádevos á produción animal, porque acabades a carreira e tedes traballo seguro”. 
Intento, ademais, transmitir a importancia do veterinario de produción, porque é o garante da saúde das persoas. É o que avala que os animais estean sans e que non transmitan enfermidades. É o que garante que os produtos que saen dos animais, o leite, a carne ou o que sexa, teñan as características sanitarias adecuadas. Son os que aseguran o que comemos.

Cal é o futuro do veterinario de animais de produción en España?
Na miña época, tanto facías un diagnóstico de xestación como mirabas unha mamite ou tratabas unha vaca do que fose. Tiñas que saber de todo, un pouco de todo e pouco de nada. 
Co tempo, os veterinarios fóronse especializando e apareceron os veterinarios de reprodución, os de calidade de leite, os de nutrición… Creo que esta especialización foi moi boa e o gandeiro está moito mellor atendido. 
É unha evolución bastante interesante e creo que merece a pena seguir por este camiño.

É necesario trasladarlle á sociedade como é de importante o labor do veterinario e dos gandeiros?
Por suposto. Existe un problema de descoñecemento do labor dos veterinarios. Minimízase a súa importancia e, ao final, a sociedade non é consciente de que o veterinario está presente cada vez que vai a un restaurante, a unha cafetería ou a un supermercado.
Non só iso, senón tamén cabe destacar a relevancia do colectivo veterinario no control de zoonoses, de enfermidades de transmisión ás persoas. Grazas á súa acción durante moitos anos conseguiuse erradicar practicamente a brucelose ou a tuberculose.
Creo que fai falta unha campaña moi potente de marketing e de información cara á poboación en xeral, porque os que están a informar non son os que teñen que informar.

“Non podemos perder o rural, porque comemos todos os días”

 

Jacobo Álvarez forma parte dese 15 % dos graduados en Veterinaria que se deciden pola produción animal como futuro profesional. Nesta entrevista fálanos de por que tomou esta decisión.

 

Por que decidiches estudar Veterinaria? 
A verdade é que eu non quería estudar Veterinaria. Cando era pequeno, quería ser paseador de vacas, porque unha tía avoa tiña catro e a min encantábame levalas aos prados e volver traelas. Máis tarde, quixen ser gandeiro, tamén pensei en traballar nun banco, pero chegou o bacharelato e non me vía nunha oficina todos os días, así que me decidín por Veterinaria.
Durante a carreira, descubrín que as vacas me gustaban moito máis e, ao acabar, en xuño de 2023, o profesor Luis Ángel Quintela propúxome facer o doutoramento con el. Aceptei, para dedicarme ás vacas, pero investigando sobre elas e tentando mellorar a súa produción.

 

A que área da veterinaria te queres dedicar?
Quero dedicarme á produción animal, aínda que siga na rama investigadora, porque a min gústame moito a vida galega rural tradicional.

 

Que é o que máis che atrae da área de animais de produción?
O contacto co rural. Non podemos perdelo porque comemos todos os días e a gran maioría dos alimentos prodúcense no rural. Esa liberdade que che dá o campo, o respirar aire puro, non a dá unha clínica. 
A miña tese doutoral céntrase en tentar desenvolver un dispositivo para medir gases de efecto invernadoiro, en particular o metano, en bovinos de leite a nivel individual.

 

Son poucos os veterinarios graduados que se queren dedicar a grandes animais. A que cres que se debe esta decisión?
A gran maioría, coma min, vimos da cidade e creo que estamos moi desvinculados do campo, cada vez máis.
Traballar en grandes tamén implica afastarse das cidades e a xente non está disposta, creo, a perder todas as comodidades.

 

Botaches de menos durante os teus anos de carreira máis información sobre as posibles saídas profesionais?
Non. Ao longo dos cinco anos tocamos todas as áreas. Dános tempo a coñecer todas as alternativas e logo dannos charlas. Nese sentido, a carreira está bastante ben orientada.

 

Cres necesario darlle solución a esa desvinculación cara ao rural e facer ver o traballo real dos veterinarios?
Si. Os gandeiros son os primeiros interesados en ter ben os animais, porque así producirán moito máis, e os veterinarios debemos facer un esforzo por promover unha imaxe máis real da nosa profesión.
Eu faría esta pregunta: Sabes cantas veces fas uso do veterinario ao día? Cada vez que comemos, “utilizamos” o veterinario.