#YoSoyCampo | Jose Jara (Sevilla)

“Se che gustan os animais, é o mellor que che pode pasar: traballar no campo”

Jose Jara, veterinario sevillano, dá os seus primeiros pasos na profesión. Por circunstancias da vida, descubriu que este traballo é realmente a súa paixón e, nesta nova entrega de#YoSoyCampo de Virbac, publicada en Vaca Pinta 38, fálanos das súas vivencias e da importancia que ten a gandería nas vidas de todos.

Como empezaches no mundo da veterinaria de campo?
Eu en principio ía estudar medicina, pero á hora de facer a selectividade non me deu a nota e metinme en veterinaria. Non me arrepinto para nada porque descubrín que é a miña vocación e o mellor que me puido pasar. Sempre estiven traballando en hostalería, pero acabei a carreira hai poucos meses e, por fin, xa podo exercer do que me gusta. Durante os meus estudos empecei buscando prácticas en clínicas de cans e gatos. Porén, ao rematar o grao, saíume un contrato temporal vacinando vacas e descubrín que me encantan e que son a miña paixón.

Cal é o teu principal traballo como veterinario?
Agora mesmo realmente estou en formación, pero as funcións que vou desempeñar son de clínica bovina, é dicir, temas de reprodución e inseminación, e tamén curar as vacas, levar as parideiras etc.

De que aspectos gozas máis no teu día a día?
O que máis me gusta é estar en contacto constante cos animais. No meu día a día estou coas vacas, as cales son moi boas e moi divertidas, ao igual que as xatiñas. Estes animais paréceme que son moi nobres, moi bos e moi tranquilos, é o que me transmiten coa mirada. Ás veces, vén tamén o can do gandeiro e dáme moito cariño. A min todo iso é o que me achega felicidade. 

Como cres que cambiou este traballo co paso dos anos?
Antes era máis complexo, porque non había ferramentas esenciais como poden ser o GPS ou calquera aplicación de mensaxería instantánea, como é, por exemplo, WhatsApp, que facilita moito o manter unha comunicación rápida e efectiva entre varios. Polo tanto, agora é máis sinxelo poder traballar en equipo.

Cales son as maiores complicacións coas que te atopas  actualmente na túa profesión?
Principalmente sinto que estamos pouco coordinados os sectores da veterinaria. Creo que debería haber maior información e cooperación entre todos. Ademais, paréceme interesante que se fagan máis formacións para os gandeiros, porque, despois de todo, as súas actuacións son clave para logo nós poder realizar o traballo correctamente.

Que lle dirías a alguén que se acaba de licenciar, coma ti, e que está pensando en dedicarse a este traballo?
Diríalle que non o dubide. Se che gustan os animais, é o mellor que che pode pasar: traballar no campo. Eu non era consciente do feliz que ía ser ata que me atrevín, porque estar en contacto permanente coa natureza che cambia a vida.

Por que cres que é importante a gandería?
A gandería, para min, é algo primordial, é o noso alimento, o campo no que vivimos e a terra que pisamos. Entendo que moita xente o ignore porque, ao fin e ao cabo, os mozos adoitamos ter outros intereses, pero tamén hai que parar a pensar no futuro. Igual cando teñas 60 anos, teu neto ou neta non probou ningún alimento campeiro na súa vida, porque todo vai ser artificial e feito no laboratorio. É fundamental manter os produtos naturais e acurtar as cadeas de comercialización. Ademais, temos que coidar o campo coma se fose o noso fogar.