Pascual concedeu 12 bolsas a mozos gandeiros para formación no sector primario

Co obxectivo de frear o abandono das explotacións gandeiras e agrícolas en España, Pascual ofrece un programa de bolsas para fillos de gandeiros. Así, financia os estudos de mozos que cursen disciplinas vinculadas ao sector primario.

Nesta primeira edición, a compañía concedeu un total de 12 bolsas para alumnos de ganderías situadas en Castela e León, Galicia e Cantabria. Joaquín Lorenzo, director de Compras Agro de Pascual, explica que "foron bolseiros os fillos dos nosos gandeiros que actualmente están a estudar unha carreira que lles vai a permitir seguir co negocio familiar. A nosa intención é dotar de continuidade e percorrido a este programa, de maneira que se repita en cada curso académico, ampliándoo en próximas edicións a novos agricultores locais".

Estas bolsas, destinadas a ensinos regulados, compleméntanse cun plan formativo de alto rendemento, impartido por Pascual, para instruír a estes mozos unha vez que se incorporen aos negocios familiares. Esta formación inclúe áreas como sustentabilidade, medioambiente, reprodución, seguridade alimentaria ou xestión empresarial.

Así mesmo, a compañía ten en marcha programas de eficiencia produtiva para mellorar os resultados das granxas coas que traballa, permitindo o desenvolvemento das explotacións e a mellora da súa rendibilidade. Ademais, creou Optilácteo, un proxecto innovador que permite coñecer con exactitude as debilidades e fortalezas de cada granxa a través de ferramentas TIC, o que axuda aos seus gandeiros a maximizar os seus recursos.