Terceiro muxido conseguido con Lely

Granxa Moreira benefíciase do tráfico libre en tan só un ano

Diego Suárez é socio de Granxa Moreira xunto cos seus pais e, ademais, traballa como técnico comercial en Agrosoneira. Nesta gandería, que se sitúa en Brandoñas, Zas (A Coruña), dispoñen dun robot de muxido Lely Astronaut A4 reacondicionado, que decidiron instalar un ano atrás. Máis en Vaca Pinta 43.

Nesta explotación contan con 95 vacas en muxidura, das cales 60 se moxen no robot e as restantes, en sala. “O negocio xestiónano os meus pais e eu axúdolles a fin de semana”, expuxo Diego Suárez, un dos socios. Cabe resaltar que desde que optaron por robotizar a granxa con Lely a media de muxidos diarios aumentou a tres.

Alberto Sánchez, responsable de vendas e márketing de Lely Center Los Corrales, indicou que o número de ganderías automatizadas na península ascende a diario, sobre todo en Galicia.

O MUXIDO ROBOTIZADO EN MOREIRA

“Xa hai un ano que apostamos por implementar un robot de muxido”, relatou Suárez. Anteriormente, só tiñan unha sala de muxido pequena e, co obxectivo de mellorar a situación da persoa que está na sala –a nai de Diego, Elvira Cives–, optaron por un Lely Astronaut A4: “Non pensamos en ningunha outra máquina como posible alternativa, xa que o nivel comercial que ten o persoal de Lely e o seu servizo técnico son destacables”, asegurou o socio de Moreira.

Un dato que cabe subliñar é que Diego Suárez tamén é técnico comercial en Agrosoneira, unha fábrica de pensos da zona, co cal ten a experiencia que lle ofrece o campo en diferentes granxas: “De feito, moitos dos meus compañeiros e clientes animáronme a levar a cabo a compra do robot, ao expresar que as mellores opcións do mercado son os Lely A3, A4 e A5”.

Ademais da redución de man de obra, con este cambio buscaban incrementar a produción e chegar a un terceiro muxido, mellorando, á súa vez, o benestar dos animais, meta que alcanzaron.

UN ASPECTO FUNDAMENTAL: O TRÁFICO LIBRE

Desde Lely defenden o modelo de tráfico libre: “Outro dos motivos polos que nos decidimos por este robot foi o tráfico libre. Queriamos ver que os animais se deiten, coman, se muxan e paseen pola granxa cando queiran e, en consecuencia, que estean máis tranquilos” –sinalou Suárez–, “as vacas, con tráfico libre e con robot, chegan máis lonxe”.

Alberto Sánchez insistiu, en relación co tráfico libre, que o que se debe buscar en calquera granxa é o benestar, a comodidade e a liberdade do rabaño, o cal desembocará nunha maior produción de leite e, por tanto, mellorará o rendemento do negocio. “Boas camas, corredores anchos, alimentación óptima e sempre dispoñible para os animais, iluminación adecuada… Ao final, o manexo é un aspecto crucial para alcanzar o éxito”, apuntou o socio da gandería ao respecto.

“Noto moito que, cos robots, gañamos máis camas e sempre están cheas de area. Tamén é fundamental a anchura do corredor de transición, duns 4 ou 5 metros. O acceso é a clave, do mesmo xeito que a circulación dos animais”, afirmou Diego Suárez.

ALIMENTACIÓN CON AGROSONEIRA

Ricardo García, nutrólogo en Agrosoneira, especificou como é a alimentación nesta explotación: “Está baseada en millo: 34 kg de silo deste cereal, ademais de 12 de herba, 7 de penso e 1 de palla”. A cantidade de concentrado que están a comer en robot é de 6,5 kg de media.

“A ración parcialmente mesturada permíteme diferenciar a vaca de 40 litros da de 70. Aquí temos un exemplar de 70 litros que come 9,5 kg e outro de 40 litros que come 4 kg en robot. Por tanto, permíteseme diferenciar e premiar segundo a produción”, puntualizou o nutrólogo.

DETALLES TÉCNICOS DO ROBOT E A IMPORTANCIA DOS COLARES

O Astronaut A4 que escolleron os propietarios de Granxa Moreira trátase do modelo básico reacondicionado, que conta co láser do A5. “A sala técnica é bastante ampla; adoita ser máis pequena pero, como tiñamos espazo, decidimos facela así e resulta ser moi cómoda, sobre todo para cando hai que realizar algún tipo de mantemento”, explicou Diego Suárez.

O leite dos animais, unha vez feito o muxido, deposítase nunha xerra e logo vai cara ao tanque de leite, situado noutra sala; percorre sobre uns sesenta metros. O socio da explotación aclarou que non hai rotura e que as calidades son perfectas: “Non dá ningún tipo de problema”.

En Granxa Moreira levan a cabo tres lavados diarios do robot, de 13 minutos cada un. Ademais, fan enxaugaduras de 3 minutos cando hai algunha vaca con medicación ou cando as circunstancias o requiren.

A maiores do robot, os propietarios da granxa decidiron adquirir os colares, que proporcionan datos de identificación, ruminación, celo e inxestión dos exemplares; para arrimar a comida, teñen un Lely Juno.

O FUTURO DAS GANDERÍAS EN GALICIA

Outro dos asuntos destacables é a opinión do socio sobre o futuro próximo das explotacións galegas: “Dentro de 5 anos, máis ou menos, creo que haberá moita máis robotización. As granxas con 100 ou 120 vacas terán de 3 a 4 robots e haberá algunhas que chegarán ata os 10 ou 12. Considero, así mesmo, que cada vez se verán moitas menos salas de muxido e, por tanto, haberá menos man de obra. Aumentará o número de muxidos diarios e as explotacións deseñaranse pensando máis na comodidade e no muxido robotizado”.

Ricardo García expresou que en Galicia actualmente xa hai moitas granxas con robot de muxido que están a funcionar moi ben. “Nós temos algún cliente que está entre 47 e 50 litros diarios”, contou Suárez.

Como conclusión, desde Granxa Moreira manifestaron que o seu próximo obxectivo é chegar a muxir 22 horas ao día co maior número de muxidos posible e, como reflexión final, Diego Suárez comentou que “canto mellor estean as vacas, mellor está o gandeiro”.