De Heus aposta pola sustentabilidade nos seus sistemas de produción

De Heus, empresa internacional de nutrición animal, empezou a implantar en todos os seus centros de produción e fábricas medidas para contribuír á redución da pegada de carbono e hídrica que xera a elaboración de pensos compostos. Accións en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable 12 (produción e consumo responsables) e 13 (acción polo clima) e coas directrices adoptadas no Acordo de París (Convención Marco das Nacións Unidas sobre o Cambio Climático), que establece medidas para a redución das emisións de GEI a través da mitigación, adaptación e resiliencia dos ecosistemas a efectos do quecemento global.

De Heus aposta, ademais, pola produción libre de antibióticos e por iso está a potenciar o seu proxecto Natural Power, cuxo principal obxectivo é manter a saúde dos animais optimizando os programas alimentarios mediante a diminución de premesturas medicamentosas. Trátase dunha medida orientada a que os gandeiros que confían nestes produtos poidan cumprir cos requisitos que, cada vez máis, esixen os seus clientes.

En De Heus cren que a tecnoloxía pode ser o mellor aliado para lograr explotacións máis eficientes e sustentables e para iso é fundamental que se desenvolvan medios de produción e tecnoloxías co mínimo impacto ambiental posible. Por último, De Heus exponse como reto para os próximos anos cambiar o packaging dos seus produtos e utilizar materiais de fácil descomposición e respectuosos co medio ambiente.

Máis datos no seu comunicado