25 anos de muxido robotizado en DeLaval

En 1998 DeLaval lanzou o sistema de muxido automático, o cal foi revolucionario na industria leiteira e na vida de moitas familias gandeiras. Esta empresa continúa 25 anos despois a súa andanza, marcando récords históricos coa venda de diversos e variados robots. Desde a compañía recalcan que a innovación está no seu ADN e que xa desde os seus inicios estiveron buscando como axudar os gandeiros de todo o mundo a ser máis eficientes con solucións innovadoras e cun enfoque sustentable.

Con isto en mente, no ano 1998 xurdiu o primeiro sistema de muxido voluntario (VMS), pensado para axudar ás granxas familiares a producir máis con menos e a que a falta de man de obra no sector non fose un impedimento para continuar na industria e producir alimentos para xeracións futuras. Tamén inciden en que buscan unha mellora na calidade de vida dos produtores e dos seus animais, sendo pioneiros en introducir, mellorar e promocionar o benestar animal.

Co paso do tempo, as explotacións con rabaños máis grandes comezaron a interesarse polo muxido robotizado ao enfrentarse ao reto de producir máis leite con menos man de obra, menos custos e menos desperdicio. Así xurdiu o concepto de grandes rabaños DeLaval large herdse máis recentemente DeLaval batch milking.

Actualmente, están apostando pola comercialización da súa serie DeLaval VMS™, sendo o DeLaval VMS™ V310 o último lanzamento realizado. "Este modelo ten todas as grandes funcións do robot de muxido DeLaval VMS™ V300 e inclúe DeLaval Herd Navigator™, que ten a capacidade de automatizar os controis de xestación, detección de problemas reprodutivos e monitorización do celo con DeLaval RePro™. Unha información moi valiosa para os ganadeiros e gandeiras xa que proporciona unha imaxe clara, actual e continua do estado reprodutivo de cada animal. Ademais, con DeLaval DelPro™ BioModelos os niveis de proxesterona mídense automaticamente en momentos específicos para cada animal nas mostras de leite. Todas as preguntas críticas de reprodución son respondidas automaticamente con notificacións dentro das súas aplicacións DeLaval DelPro™. Grazas a isto, podemos priorizar a saúde e benestar das nosas vacas, reducir a necesidade de medicamentos e con eles reducir non só os custos senón os riscos que leva consigo o uso destes dentro dun rabaño leiteiro ao medioambiente. Todo isto vólvenos máis eficientes en reprodución e produción, logrando os mellores índices", explica Luís Castro, Market Solution Manager AMS en España e Portugal.

En torno ao 25 aniversario que cumpre a organización no muxido robotizado, levarán a cabo ao longo deste 2023 unha serie de accións que irán publicando na súa páxina web.