PerPlant e AAMS Ibérica presentaron en Lugo unha cámara con IA para mellorar a aplicación de fitosanitarios

A empresa danesa PerPlant e AAMS Ibérica presentaron unha cámara con intelixencia artificial destinada a mellorar o uso de fertilizantes e fitosanitarios. Nesta posta en escena colaborou a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (EPS).

Este dispositivo controla o traballo de pulverizadores hidráulicos e abonadoras. Un sensor instálase enriba da cabina do tractor e analiza o estado das plantas, a presenza de malas herbas e a biomasa en tempo real. Deste xeito, permite unha aplicación moi precisa de fertilizantes e produtos fitosanitarios.

"Mide en diferentes bandas do espectro e calcula a cantidade de masa vexetal", afirma Carlos Escribano, xerente e director técnico de AAMS Ibérica, que participou na presentación da man de Jeppe Skov, de PerPlant.

Segundo nos conta Escribano, trátase dun "sistema moi sinxelo e compacto, que vai montado no tractor con GPS, módem con conexión móbil e dous tipos de cámaras. Procesa a información de inmediato".

A EPS serve de interlocutor para probar este sistema nas condicións de Galicia. O profesor de Enxeñaría Agroforestal Javier Bueno indica que "realizaranse ensaios en campo para comprobar as vantaxes que pode ter este sensor no terreo". As primeiras verificacións levaranse a cabo coa planta comunmente coñecida como labaza.

"A agricultura de precisión desenvolveuse a gran velocidade. Por exemplo, un dos problemas que hai cos satélites en zonas como Galicia é que se o día está moi nublado non chegan a captar as parcelas. Con esta tecnoloxía podemos actuar en tempo real sobre as máquinas", conclúe Escribano.