O Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Sergude, situado no concello coruñés de Boqueixón, levou a cabo este mércores unha xornada sobre a maquinaria empregada durante o proceso completo de colleita e ensilado da forraxe para o gando.
Esta cita técnica tivo un carácter demostrativo e práctico sobre a utilidade de maquinaria de última xeración para a recolección da forraxe.
Durante a demostración, tal e como se pode ver no vídeo que acompaña esta noticia, conversamos con Juan Carlos Ferreras, director da Escola Agraria de Sergude; María José Gómez, conselleira do Medio Rural; José Antonio García, CEO de Maquinaria Agrícola O Rubio; Óscar García, responsable de vendas de Maxideza; Víctor Quindimil, CEO de Murat, e Ágata Tubío, técnica comercial de Arvum.
Un dron multiespectral con cámaras térmicas e de análise do cultivo realizou un estudo do estado vexetativo das plantas da parcela. A continuación, procedeuse á sega e ao estendido da herba a través dun tractor autoguiado con GPS.
Máis tarde, hilerouse a herba con GPS e unha máquina hileradora con control de sección. Logo, puxéronse en marcha a picadora, a rotoempacadora e a encintadora con cámara variable de alta densidade, para obter pacas de distintos tamaños, picado con 32 coitelas e adaptador de lonxitude de fibra.
Despois, procedeuse ao apilado das bolas mediante unha telescópica con pinza hidráulica multifunción. Para rematar, aplicouse abono mediante un dron.